Basilio Losada trae ao sur de Lugo o premio Otero Pedrayo

Recoñecemento ao traballo do lancarao en defensa da cultura galega

Basilio Losada recibe o premio Otero Pedrayo de mans do vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da Área de Cultura, Antonio Veiga, en presencia do secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, que actuou como presidente do xurado, e o delegado de Cultura da Deputación, Mario Outeiro. GPVL.

Un dos grandes premios da cultura galega, o Otero Pedrayo, veu parar ás terras do sur de Lugo, na persoa do lingüísta e tradutor lancarao Basilio Losada, que foi ademais o primeiro catedrático da especialidade de Filoloxía Galega e Portuguesa. Losada recibiu este galardón o pasado 28 de decembro nun acto celebrado na sala de exposicións Maruja Mallo do Museo Provincial de Lugo. O xurado do premio Otero Pedrayo, que este ano celebra a súa XXXV edición, estivo presidido por Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e Mario Outeiro, delegado de Cultura da Deputación de Lugo, actuou como vicepresidente.Completaron o xurado trece vogais en representación das catro institucións provinciais, a Xunta de Galiza, as Universidades da Coruña, Santiago e Vigo, a Real Academia Galega e o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, xunto con outras cinco persoas de recoñecido prestixio designadas por cadansúa deputación e mais polo Goberno galego. Este xurado premiou a contribución eminente da labor de Basilio Losada á cultura galega, e á promoción dos valores propios de Galicia.

VINCULACIÓN DE OTERO PEDRAYO CON LUGO E CHANTADA

Basilio Losada recibiu o galardón de mans do vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da Área provincial de Cultura, Antonio Veiga, quen fixo unha lembranza da relación de Otero Pedrayo con Lugo, dende os días de infancia en terras de Chantada, até en 1933 cando nun acto na Deputación de Lugo denunciou os agravios da prensa madrileña a Galiza. Veiga fixo referencia asimesmo ás peregrinaxes por terras lucenses acompañado de Risco e Ben-Cho-Sey.

O lancarao Basilio Losada, trala concesión do premio Otero Pedrayo pola súa “eminente contribución” á cultura galega. GPVL.

AGRADECEMENTO A LOSADA “POLO SEU INMENSO TRABALLO EN DEFENSA DO PAÍS”

O vicepresidente da Deputación de Lugo suliñou que esta homenaxe a Otero Pedrayo é “extensible a todos e a todas cantos fan cultura galega máis aló das fronteiras da nosa nación, como Basilio Losada”, a quen cualificou de “embaixador de Galicia en Cataluña, terra amada por Otero Pedrayo e que visitou en repetidas ocasións, e que hoxe seguimos tendo como faro na persoa do noso homenaxeado”. Antonio Veiga agradeceu a Basilio Losada “o seu inmenso traballo en defensa do país”.

TRADUTOR PREMIADO

Basilio Losada Castro, gañador da XXXV edición do premio Otero Pedrayo, naceu en Láncara en 1930. A súa obra como crítico literario e tradutor é moi extensa; como crítico, traballou os eidos da literatura galega, portuguesa e brasileira, e traduciu a sete linguas 150 obras de autores recoñecidos, como Jorge Amado, José Saramago, Rosalía de Castro ou Pere Gimferrer, entre outros. Esta laboura supuxo a concesión a Basilio Losada do Premio Nacional de Tradución, e o seu recoñecemento intelectual a través de galardóns como a Creu de Sant Jordi, a Ordem do Cruzeiro do Sul (Brasil), e a Medalla Castelao da Xunta de Galicia. Basilio Losada foi asimesmo o primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa, na Universitat de Barcelona, e aínda que xubilado dende 2000, segue a impartir clases nos programas de diversas universidades norteamericanas que se desenvolven en dita Universidade.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A monfortina Julia Rodríguez presidirá a comisión organizadora do Congreso provincial do PP

Seguinte Nova

A Cabalgata de Reis de Bóveda, unha tradición con historia

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: