O Parador de Monforte seguirá funcionando nas mesmas condicións

Abrirá 11 meses ao ano, como ata agora, e o ERE non afectará á plantilla monfortina

O Alcalde de Monforte amosou a súa satisfacción porque se logrou “o que é de xustiza”, e o sindicato UGT-Lemos agradeceu a partidos políticos, traballadores e sindicatos “por loitar xuntos na defensa do Parador”

Imaxe de arquivo dunha das concentracións celebradas diante do Parador de Monforte, esixindo o mantemento da actual plantilla e o mesmo calendario de apertura. Arquivo EC.

O Parador de Monforte salvouse de esmorecer como referente turístico da Ribeira Sacra logo de que a empresa pública Paradores de España dera marcha atrás nas medidas anunciadas a finais de novembro, e que supoñían o peche deste establecemento durante cinco meses, e a conseguinte reducción de plantilla. De momento, Paradores de España manterá aberto o establecemento monfortino once meses ao ano, según se viña facendo nos últimos anos, e a plantilla non se verá afectada polo Expediente de Regulación de Emprego que se está a deseñar para toda a rede de Paradores.

SEVERINO RODRÍGUEZ: “A UNIÓN DA CIDADANÍA E DOS SEUS REPRESENTANTES FOI FUNDAMENTAL”

Unha vez que trascendeu o cambio de posicións en Paradores de España, o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, amosou a súa satisfacción por esta resolución, e considerou que “se logrou o obxectivo de Monforte, que non era outro que manter o mesmo nivel de servizo no Parador de Turismo, e que a unión da cidadanía e dos seus representantes foi fundamental para conseguir o que é de xustiza”.

“DEFENSA DA CIDADE E DOS SEUS INTERESES LEXÍSTIMOS”

O Alcalde de Monforte agradeceu a implicación e o compromiso de todos na “decidida defensa do Parador de San Vicente do Pino”, e felicitouse polo “triunfo da cidade e da cidadanía en defensa dos seus lexítimos intereses”.

O PARADOR DE MONFORTE, “REFERENCIA TURÍSTICA PARA A RIBEIRA SACRA”

Unha vez rematadas as negociacións entre a empresa e os traballadores, o Parador de San Vicente do Pino continuará sendo “un establecemento hoteleiro de referencia no sur de Lugo e eixo fundamental na promoción turística e na difusión da Ribeira Sacra”, precisou o rexedor local.

NON BAIXAR A GARDA

Malia a resolución favorable deste conflicto, Severino Rodríguez suliñou que “hai que continuar en alerta ante calquera nova decisión que poida afectar negativamente a un establecemento hoteleiro de referencia na provincia de Lugo”.

“SATISFACCIÓN” SINDICAL PORQUE ESTA RESOLUCIÓN SEXA FAVORABLE A MONFORTE

Pola súa parte, dende o sindicato UGT-Lemos precisaron que “esperamos que esta resolución se cumpla, e que a plantilla se manteña e o Parador funcione 11 meses ao ano”. Con esta situación, a plantilla do Parador monfortino disfrutará do seu periodo vacacional ata o 16 de febreiro, cando se incorporarán de novo aos seus postos de traballo. O secretario xeral da formación, Mario Docasar, agradeceu asimesmo “aos partidos políticos, traballadores e sindicatos por loitar xuntos para que o Expediente de Regulación de Emprego non afectara á plantilla do Parador de Monforte, e salvar así ao Parador”, ao que calificou de “referente fundamental para a Ribeira Sacra e a súa promoción turística”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

UGT-Lemos entregou as reivindicacións do convenio a FCC

Seguinte Nova

Susana López Abella repite á fronte da Secretaría Xeral da Igualdade

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir aInicio