Reclaman a apertura de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear no Hospital Lucus Augusti

• Pacientes afectados por infarto de miocardio ou cardiopatías severas, así como os enfermos de cáncer que precisan radioterapia, deben desplazarse a Santiago e A Coruña, respectivamente, para recibir tratamento • O traslado en ambulancias compartidas dende os domicilios do rural do sur lucense ata A Coruña pesa no xa mermado estado de saúde dos enfermos de cáncer • Os Orzamentos da Xunta para este ano non inclúen partidas para estes servizos

O Hospital Universitario Lucus Augusti, inaugurado hai dous anos, aínda non conta con servizo de Hemodinámica para atención de cardiopatías graves e infartos de miocardio, nin de Radioterapia e Mediciña Nuclear, para ofrecer este tratamento en casos de cáncer. EC.

Cando se cumplen dous anos da posta en funcionamento do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo, arrecian as reclamacións dende colectivos cidadáns e agrupacións sociais de toda a provincia pola ausencia neste hospital dos servizos de Hemodinámica, Radioterapia e Mediciña Nuclear, que deixa a Lugo como a única provincia galega que ten que derivar fóra aos seus enfermos de cáncer ou aos que sufren un infarto de miocardio ou cardiopatía grave. Dado que os centros de referencia que o Sergas determinou para asistir estes casos clínicos están en A Coruña e Santiago de Compostela, respectivamente, os enfermos residentes no sur de Lugo deben asumir traxectos de máis de 100 quilómetros para recibir o tratamento destas graves doenzas. Esta situación non ten visos de cambio en breve prazo, xa que os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2013 non inclúen partidas destinadas a ningún destes servizos.

CONSECUENCIAS DO TRASLADO NOS CASOS DE INFARTO

“Estadísticamente, estas doenzas son moi frecuentes e con clínicas graves”, explica Maribel García, que dende a súa ampla experiencia como profesional sanitaria no Hospital de Monforte coñece de primeira man o contexto no que se desenvolven estes casos. “Cando hai un infarto, a primeira parada do paciente é no Hospital Comarcal de Monforte, onde se procede á súa monitorización e estabilización, pero dende alí hai que necesariamente derivalo á UCI do Hospital Lucus Augusti, co que xa temos media hora de viaxe, e dende alí haino que remitir, polo de agora e ata que non estea en funcionamento a unidade de Hemodinámica, a Coruña ou Santiago”, explica García. A duración do traslado dun paciente con infarto de miocardio non é unha cuestión menor; neste sentido, o Presidente da Sociedade Española de Cardioloxía manifestou recentemente que mentres todos os doentes das áreas de Coruña, Santiago e Vigo reciben unha anxioplastia primaria, os de Lugo tan só o fan nun 43%. Esta intervención debe realizarse nun tempo inferior a dúas horas dende que o enfermo entra en contacto co sistema sanitario, polo que os tempos de traslado dende Lugo ata A Coruña ou Santiago dobraría, según diversos estudios, a mortalidade por infarto de miocardio na provincia de Lugo respecto do resto de Galicia.

RADIOTERAPIA A MÁIS DE 100 QUILÓMETROS DE DISTANCIA

O desprazamento ata A Coruña para recibir as sesións de radioterapia supón un obstáculo máis na recuperación dos enfermos oncolóxicos. Según indica García, “os enfermos de cáncer enfrontan a radioterapia cun estado de saúde xeral moi deteriorado, polo que os quilómetros ata A Coruña non axudan ao seu benestar en absoluto”. “Ademais, aquí no rural as ambulancias van recollendo aos pacientes nos seus domicilios, ata un máximo de 6 persoas, que deben esperar na Coruña a que todos rematen a sesión para regresar a descansar nos seus fogares, pagando 5 euros pola ida e 5 pola volta”, indica García.

A OPOSICIÓN CRITICA QUE OS ORZAMENTOS DA XUNTA NON INCLÚAN PARTIDAS PARA ESTES SERVIZOS

En medio do debate dos Orzamentos presentados pola Xunta de Galicia, os partidos da oposición critican que “non haxa cartos” para os servizos de Hemodinámica, Radioterapia e Mediciña Nuclear do Hospital Lucus Augusti. Neste sentido, a deputada autonómica Concepción Burgo indicou que a partida destinada a investimentos de equipamentos e dotacións no Hospital Lucus Augusti é de 200.000 euros para todo o 2013, “polo que estes cartos non darían nin sequera para dotar o hospital de Hemodinámica, que suporía uns 800.000 euros, e moito menos para Radioterapia e Mediciña Nuclear. A deputada socialista lamentou que “unha das grandes reivindicacións dos veciños de Lugo, que teñen o dobre de risco de morte por infarto que os cidadáns das outras provincias galegas, tampouco é unha prioridade para a Xunta”.

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou, co apoio de socialistas e nacionalistas do grupo de Goberno, e co voto en contra do Partido Popular, unha moción instando á Xunta “a licitar e adxudicar de inmediato os equipamentos necesarios de Radioterapia, Hemodinámica e Medicina Nuclear no Hospital Universitario Lucus Augusti”. GPDL.

O VOLUME DE SOLICITUDES DE CATETERISMO EN LUGO “XA XUSTIFICA PERFECTAMENTE A APERTURA DE HEMODINÁMICA”

Concepción Burgo lembrou que o Hospital Universitario Lucus Augusti cumpre todas as características necesarias para albergar as especialidades reclamadas e incluso, no caso da área de Hemodinámica, tamén co persoal sanitario especializado. En canto á demanda deste servizo, os socialistas lucenses suliñaron que o Hospital Universitario Lucus Augusti realizou en 2011 un total de 825 cateterismos, desprazando ós afectados mediante transporte sanitario ós hospitais de A Coruña e Santiago. Os socialistas lembran que estas probas específicas para cardiopatías severas, sumadas ás solicitadas polos Hospitais de Burela e Monforte, superan os 1.000 en toda a provincia, “volume de actividade que xustificaría perfectamente a apertura do servizo de Hemodinámica no Hospital de Lugo”. Os socialistas transmitiron ademais a valoración dos especialistas neste eido, que consideran que nun prazo máximo de só dous anos o custe da implantación do servizo de Hemodinámica estaría “totalmente amortizado”.

“DISCRIMINACIÓN” DA PROVINCIA DE LUGO FRONTE A OURENSE

Asimesmo, esta formación política lembra que en Galicia existen 5 unidades de Hemodinámica en hospitais públicos do Sergas, localizadas en Santiago, A Coruña, Vigo, Ourense e Pontevedra, e achaca ao “incumprimento do Goberno autonómico” que a provincia de Lugo aínda non dispoña deste servizo, “a pesares de contar coa mesma poboación de referencia e dispersión poboacional que a de Ourense”.

MOCIÓN NO PLENO DA DEPUTACIÓN CO VOTO EN CONTRA DO PP

Neste sentido, o Pleno da Deputación de Lugo aprobou nestes días, co apoio de socialistas e nacionalistas que integran o Grupo de Goberno, e malia o voto en contra do Partido Popular, unha moción instando “á Xunta de Galicia que dé explicacións dos continuos incumprimentos sobre a implantación destas especialidades”, e insta “ó Presidente do Goberno galego a licitar e adxudicar de inmediato os equipamentos necesarios de Radioterapia, Hemodinámica e Medicina Nuclear no HULA para que estes servizos, tan necesarios para a saúde dos lucenses, entren en funcionamento no menor tempo posible”.

O SOCIALISTA VICENTE DOCASAR CALIFICA DE “RIDÍCULO” O INVESTIMENTO DA XUNTA NO HOSPITAL DE MONFORTE PARA 2013

Dentro da polémica polos investimentos da Xunta en Sanidade para 2013, o deputado socialista Vicente Docasar criticou a “cifra ridícula” de 17.241 euros prevista nos Orzamentos deste ano para a dotación do Hospital Comarcal de Monforte, e esixiulle á Xunta “que explique dunha vez cales son os seus plans para a área sanitaria do sur de Lugo, porque esta cantidade fala por si sola do interés do Goberno galego”. Docasar lembrou a reclamación dos socialistas á Consellería de Sanidade “para que confirmen ou desmintan a integración da área sanitaria coa de Lugo”, e dende esta formación política manifestaron o seu “temor” de que esta integración poida ser unha realidade ao longo de 2013.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Entrega dos vales de compra do sorteo da ACES en Sarria

Seguinte Nova

Potenciación das estacións de autobuses

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: