A Ribeira Sacra protagonizará o inicio da 5ª etapa da Vuelta Ciclista a España 2013, que sairá o 28 de agosto dende a vila de Sober para continuar por Monforte de Lemos e Quiroga durante os primeiros 35 quilómetros dun percorrido que discurrirá por terras de Ourense ata culminar os 168,4 quilómetros de etapa no Lago de Sanabria.
“IMPORTANTE REPERCUSIÓN PROMOCIONAL” PARA A RIBEIRA SACRA
Durante a presentación da Vuelta Ciclista a España en Vigo o pasado 13 de xaneiro, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, suliñou a “importante repercusión promocional” que terá esta etapa tanto para a Ribeira Sacra como para a provincia de Lugo en xeral.
IMPACTO ECONÓMICO DA LOXÍSTICA DA PROBA PARA A ZONA
Raquel Arias, que estivo acompañada neste evento polo alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, destacou tamén o impacto económico directo que xerará a estancia dos deportistas, directivos e o numeroso persoal que mobiliza a loxística da competición, que pernoctarán en establecementos da provincia, boa parte deles, na zona sur do territorio lucense, antes de afrontar a quinta etapa con saída en Sober. Arias apuntou os datos do impacto económico que, según a organización da competición, xera cada etapa, e que rondan os 250.000 euros nos concellos polos que pasa toda a loxística da ronda, na que traballan unhas 1.500 persoas. O centro de acción, entre o propio día da saída e a tarde-noite anterior, serán concellos da zona sur da provincia de Lugo.
EMISIÓN DA PROBA POR TELEVISIÓN A 150 PAÍSES
“A Vuelta Ciclista a España crea expectación, é un evento social e tamén económico para as vilas nas que recala e posúe unha enorme proxección internacional, posto que se trata dunha das tres probas sobranceiras do ciclismo mundial, xunto co Tour de Francia e o Giro de Italia”, indicou Raquel Arias, que significou que a emisión da proba por televisión chega a 150 países.
“ÉXITO” DE ORGANIZACIÓN E PÚBLICO NA ETAPA DA VUELTA 2012 ENTRE PALAS DE REI E OS ANCARES
A delegada territorial amosou a súa satisfacción porque a provincia de Lugo acolla de novo á Vuelta Ciclista a España, logo do éxito de organización e público logrado o ano pasado na etapa celebrada entre Palas de Rei e Os Ancares. “Entón mostramos parte da beleza da nosa provincia –asegurou Arias- e preséntasenos de novo a ocasión, esta vez para dar a coñecer a Ribeira Sacra”.
AS CINCO PRIMEIRAS ETAPAS DA VUELTA A ESPAÑA SERÁN EN GALICIA
A Vuelta Ciclista a España arrinca este ano en terras galegas, tendo como primeira etapa Vilanova de Arousa – Sanxenxo, que se correrá na xornada do 24 de agosto. A segunda etapa transcurrirá entre Pontevedra e Baiona (Monte da Groba), para continuar na terceira xornada co percorrido entre Vigo e o Mirador de Lobeira. A cuarta etapa, precedente da xornada na Ribeira Sacra, discurrirá entre Lalín e Fisterra.