Unha amable transición

Cambio na dirección do IES Daviña Rey:Vicente Docasar incorpórase ao Parlamento de Galicia como deputado, e Isaac González asume a dirección deste emblemático centro de ensino do sur de Lugo

Tras máis de vinte anos á fronte do equipo directivo do IES Daviña Rey, o monfortino Vicente Docasar acaba de estrearse como deputado autonómico, dous meses de “medo escénico e gran traballo de adaptación” aos modos e maneiras do Parlamento de Galicia. Este novo camiño empeza tamén no propio instituto monfortino, agora con Isaac González González como director do centro. Un veterano das tarefas directivas, despois de 15 anos en cargos de responsabilidade (durante oito anos foi xefe de estudios, “algo moi estresante, xa que todos os problemas caen na túa mesa”, e os sete anos seguintes como vicedirector). Pero o ambiente acolledor do Daviña e as ganas de mellorar e de seguir sendo “un centro punteiro en tecnoloxías” xa son marca da casa.

Isaac González asume a dirección do IES Daviña Rey coa veteranía que dan 15 anos de desempeño en postos de responsabilidade do centro. EC.

CABALIDADE GALEGA

Isaac González fai gala de ser de Cervantes (Lugo), e non só na multitude de anécdotas coas que ameniza a conversa, senón pola súa sabiduría e o pouso de cabalidade que transmite. “A min a aldea ensinoume moito, estou orgulloso de todo o que aprendín alí”, explica este enxeñeiro industrial formado no País Vasco e que, tras pasar pola empresa privada, optou polo ensino “porque sempre me tirou moito a ensinanza”. Aínda que “non esperaba” acabar de director do instituto, recoñece que “o Daviña está nun momento moi bo, trabállase moi ben e nun ambiente moi positivo”, explica González. A compenetración entre todos os traballadores do centro, os bos resultados de xestión que aporta o ter implantado un sistema profesional de calidade no instituto e a “gran colaboración que sempre hai entre o profesorado facilitan moito o traballo”, suliña o novo director do Daviña. “No equipo directivo, ademais, hai moi boa sintonía, traballamos moi a gusto xuntos, e iso se nota”, indica González, que confirma o que xa sospeitábamos: o “bo rollo” e acollida que se percibe no centro nada máis entrar pola porta. Certo é que só había que reparar no logo do instituto: unha multitude de frechiñas apuntando cara un mesmo lado. “O Daviña funciona porque somos moita xente traballando na mesma dirección”.

O deputado monfortino Vicente Docasar leva dous meses no seu novo traballo no Parlamento de Galicia. EC.

ESPÍRITU DE TRABALLO E DE COLABORACIÓN

“Moi agradecido e en deuda con todos eles” son as primeiras palabras de Vicente Docasar ao mencionar o tan querido equipo de traballo do IES Daviña Rey, a súa casa durante máis de vinte anos. Aquela tranquilidade botouna en falta nos primeiros días no Parlamento, afrontando o seu novo reto como deputado autonómico. “Levo dous meses e considero que, aínda sendo un novato, xa me afixen ao xeito de traballar aquí”. Horas de estudio, dedicación, reunións e, sobre todo, motivación para “aprender e poder ir deprisa” no desenvolvemento nun traballo que Docasar define como “deputado a pé de obra”. “Gústame moito estar en contacto coa xente, agora contacto permanentemente con todos os responsables socialistas do sur de Lugo para que me trasladen cuestións e eu poder plantealas aos Conselleiros correspondentes”, explica Docasar, “e tamén me gusta falar con colectivos, cos meus contactos no mundo educativo, como fixen con 12 preguntas moi concretas que estes días planteei ao Conselleiro de Educación, preguntas que me foron enviadas por xente con nomes e apelidos que non poden estar aquí, e a miña obriga é preguntalas por eles”. Superado o “medo escénico” das primeiras intervencións, vai pulindo os pequenos erros dos novatos (dirixíase ao púlpito da Cámara para facer unha pregunta parlamentaria cando foi parado en seco pola presidenta, que lle indicou que a tiña que facer dende o seu escano; ao voltar e sentarse, a presidenta lembroulle que tiña que facer a pregunta de pé, según indica o reglamento; Docasar ironizou “pedindo clemencia para facela sentado, despois deste breve paseo de novato”, e a presidenta entre risos aceptou a súa proposta). O seu bo talante e espíritu de colaboración é algo que Docasar quere transmitir ao mundo da política; “teño o compromiso de ser útil á miña cidade e comarca, para iso me presentei ás eleccións, e tentarei ser cordial e levar o respeto á política”. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

3.700.000 euros para o Plan de Obras e Servizos da provincia de Lugo

Seguinte Nova

A Xunta investirá máis de 11 millóns de euros en Monforte, dos que 4 irán ao Porto Seco

Últimas noticias sobre POLÍTICA LOCAL

A %d blogueros les gusta esto: