Esta iniciativa, impulsada pola Deputación de Lugo e cofinanciada ao 70% pola Unión Europea, permite a mozos e mozas recén titulados facer práticas laborais de tres meses en seis países europeos

A oportunidade para que lucenses recén titulados en profesións de futuro poidan recibir formación e experiencia laboral en países europeos sen coste algún para eles seguirá sendo unha realidade este ano. A Deputación de Lugo anunciou este mes que en 2013 ofrecerá 50 becas máis dentro do programa Leonardo da Vinci, cofinanciado ao 70% pola Unión Europea, co obxectivo de abrir oportunidades laborais a mozos e mozas lucenses que acaban de rematar os seus estudos. Estas bolsas de emprego en Europa van dirixidas tanto a titulados universitarios como en Formación Profesional.
TITULADOS UNIVERSITARIOS E NA ESCOLA DE IMAXE E SON DE LUGO
O programa Leonardo da Vinci ofrece dous tipos de bolsas; por un lado, as becas “Lugojob” están dirixidas a mozos da provincia menores de 35 anos que conten cunha titulación universitaria acadada nos últimos catro anos e que se atopen en desemprego, preferentemente sen experiencia laboral previa. As titulacións deberán estar relacionadas co medio ambiente, agroalimentación, gandeiría, pesca, informática, turismo e ciencias da vida, e a duración das práticas en empresas de países europeos será de tres meses e medio. Por outra banda, as becas “Ticlugo”, xestionadas pola Fundacion TIC, están especificamente destinadas ós titulados da Escola de Imaxe e Son, sostida ó 100% pola Deputación. Os aspirantes a estas becas deberán ter terminado nos últimos tres anos os estudios de Produción de Radio, Audiovisuais e Espectáculos, ou de Realización de Audiovisuais e Espectáculos, en dito centro formativo. A convocatoria de becas dará prioridade a persoas en situación de desemprego e a aquelas que non poidan acceder a este tipo de prácticas laborais no estranxeiro por razóns económicas. A duración das práticas en Europa será de tres meses.
SAÍDA HACIA EUROPA DOS 70 BECARIOS DO PROGRAMA LEONARDO DA VINCI
O primeiro grupo de becarios do programa Leonardo da Vinci partiron nestes días cara os seus destinos en Europa. Así, o 24 de xaneiro marcharon 16 rapaces que se formarán en Florencia e Viena, e outros 23 saíron rumbo a Belfast e Praga. O día 25 partiron 10 mozos á cidade de Cork, e o sábado 26 marcharon outros 13 cara Lisboa e Módena. O último grupo saíra hacia Hamburgo o 14 de febreiro. Con anterioridade, os becarios participaron nunha sesión informativa que se celebrou en Lugo o 8 de xaneiro, para coñecer como será o desenvolvemento da programación das becas en cadanseu destino, e poder plantear calquer dúbida sobre os diversos aspectos da estancia formativa. Ese mesmo día, o presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, mantivo un encontro cos 70 becarios, onde lembrou que “mentres a Deputación incrementa ano a ano as becas para os máis novos co fin de abrirlles novas oportunidades laborais, os recortes educativos de Rajoy e Feijóo estanas desmantelando”ao endurecer os requisitos de acceso ás axudas, e aplicar recortes que chegan ó 60%, como nas becas Erasmus.
COMPROMISO PARA LOITAR CONTRA O PARO XUVENIL
O titular provincial destacou o “compromiso da Deputación de Lugo para loitar “contra o alarmante desemprego xuvenil”, ao ter impulsado 150 becas no programas Leonardo da Vinci, Lug02, formación de guías das Reservas da Biosfera, Innovación e Artesanía.•