Dentro do Plan de Valorización do monte galego
O Plan de Valorización do monte galego foi presentado nestes días durante a comparecencia da titular de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, para expoñer os orzamentos deste departamento autonómico no 2013.
MANTEMENTO DO MONTE E AUMENTO DO VALOR ENGADIDO DOS SEUS PRODUTOS
A conselleira explicou que os eixos deste Plan, que suporá un investimento de máis de 30 millóns de euros, están centrados en manter en bo estado produtivo o noso monte, aumentar o valor primario e engadido dos produtos forestais e aproveitar áreas para a produción doutros bens alternativos ou complementarios.
ROSA QUINTANA: “OS SECTORES FORESTAL E AGROGANDEIRO ESTÁN A SER DE NOVO UN PUNTAL ECONÓMICO E SOCIAL”
As consecuencias para a xeración de emprego da posta en marcha do Plan de Valorización do monte galego estímanse, según explicou Rosa Quintana, en máis de 38.500 xornais de traballo que se xerarán de forma directa, con actuacións localizadas en máis de 150 zonas cunha extensión total de preto de 4.600 hectáreas de monte. Rosa Quintana indicou na súa comparecencia que este plan de valorización enmárcase na acción xeral da Xunta a prol dos sectores primarios de Galicia. Neste sentido, destacou que, malia as dificultades, a nosa Comunidade “está a resistir mellor o embate económico, desde o rigor das contas públicas”, e que en particular a agricultura, gandería, produción forestal e pesca están a ser de novo “un puntal económico e social, gañando e afianzando un terreo natural na nosa terra para os eidos marítimo-pesqueiros e agropecuarios e forestais”.
AXUDAS PARA O SECTOR LEITEIRO
No que atinxe ao sector gandeiro, Quintana afirmou que continuará dende o seu departamento desenvolvendo un traballo conxunto co sector en prol de seguir incrementando o valor do leite para garantir a súa viabilidade. Con este obxectivo, a Consellería de Medio Rural achegará maís de 52 millóns de euros en pagos directos e preto de 500.000 euros en axudas para a moratoria dos préstamos vinculados cos plans de mellora das explotacións leiteiras e para a incorporación das persoas mozas, así como para dotar de liquidez ás explotacións leiteiras da nosa comunidade. Según explicaron os responsables autonómicos trala reunión cos sindicatos agrogandeiros, as subvencións serán para os titulares de explotacións de vacún de leite beneficiarios desas axudas de modernización aprobadas entre os anos 2007 ao 2011, e con préstamos en vigor. Os responsables da Consellería explicaron que esta moratoria ten como obxectivo inxectar liquidez a estas explotacións para compensar a súa difícil situación económica, alongando os prazos de amortización dos préstamos que subscribiron para modernizarse. A segunda medida ten tamén como obxectivo cubrir as necesidades de liquidez das explotacións leiteiras, neste caso mediante a bonificación de xuros dos préstamos que subscriban os titulares coas entidades bancarias. Así, os beneficiarios serán os titulares de explotacións leiteiras que teñan solicitada a axuda do réxime de pagamento único (RPU) para o ano 2013 e que formalicen un préstamo no marco do convenio que estableza a Consellería coas entidades bancarias. As axudas consistirán na subvención pola Xunta de parte dos xuros destes préstamos.
3,5 MILLÓNS PARA ESTRUTURAR A PRODUCIÓN VINÍCOLA
En canto ás partidas orzamentarias da Consellería de Medio Rural e Mar, Rosa Quintana precisou que o 74% dos fondos van destinados aos eidos produtivos, reducíndose as contías para gasto corrente e de persoal nun 5%. Amosou tamén o compromiso de blindaxe do operativo contra incendios forestais. En canto a accións concretas, a titular de Medio Rural salientou as partidas dedicadas ao sector vinícola (con 3,5 millóns de euros para estruturar a produción), o fomento da calidade (que sube nun 9,1% as axudas a produtores e controis de calidade), ou a mellora das estruturas de custes produtivos (o presuposto de produción agropecuaria elévase a 134 millóns de euros).