A aprobación inicial do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Monforte tivo lugar no pleno extraordinario celebrado o pasado 21 de decembro e, trala súa publicación no Diario Oficial de Galicia, iniciou a fase de exposición pública na Casa da Cultura de Monforte, para permitir que a cidadanía coñeza os pormenores desta proposta e poidan facer as alegacións oportunas.
AMPLIACIÓN DO PRAZO «PARA QUE A CIDADANÍA TOME COÑECEMENTO DO PXOM»
O prazo de exposición pública que se estableceu nun primeiro momento, e según a normativa vixente, remataba o 2 de marzo, pero na última sesión plenaria celebrada no Concello de Monforte foi aprobada unha moción de urxencia presentada polo grupo municipal do Partido Popular, pola que se amplía o prazo de exposición ata o 2 de abril. A normativa establece a este respecto a posibilidade de ampliar este prazo, pero cun límite, o da metade do prazo inicial, a pesares de que o Partido Popular solicitara contar con dous meses máis «para que a cidadanía poida tomar coñecemento deste Plan». Os populares alegaron «detectar descoñecemento xeral entre os cidadáns sobre este documento» logo das sesións informativas que ofreceron a mediados deste mes. A petición contou co apoio do Bloque Nacionalista Galego e do Partido Socialista, que durante dita sesión plenaria manifestaron a súa vontade de que ningún cidadán quedara sen coñecer o Plan Xeral, e que para iso este documento estaría en exposición ata que a Xunta de Galicia o permitise. Deste xeito, o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Monforte permanecerá á disposición da veciñanza un mes máis do previsto, ata o 2 de abril, data de remate de presentación de todas as alegacións que a cidadanía estime oportunas. Todas as alegacións presentadas serán analizadas polo equipo redactor do Plan, que informará sobre elas e incluirá no Plan as que estime oportunas. Este documento final será remitido á Xunta de Galicia para a súa aprobación definitiva.
POLÉMICA POLÍTICA SOBRE A VONTADE DE LEVAR ADIANTE O PXOM
Este procedemento non estivo exento de polémica política. Así, no Pleno de decembro a aprobación inicial do PXOM contou co voto favorable do BNG e de tres concelleiros do PSOE, coa abstención dunha concelleira socialista que alegou «descoñecemento» do PXOM, e do PP, que explicou a súa abstención aludindo ao número de inmobles que quedan fóra de ordenación e da delimitación de zona urbana, ao trazado da ponte de Aceña Nova, e tamén para permitir a exposición pública do Plan. Pola súa parte, o PSOE deixou claro que «se estivesen no goberno municipal farían outro Plan», e de feito presentaron 25 alegacións, pero votaron favorablemente «porque Monforte necesita un Plan Xeral con urxencia», dado que para posibilitar a exposición pública era preciso aprobalo por maioría absoluta. Os socialistas recriminaron aos populares que no Pleno de xaneiro ameazaran con non apoiar o documento final «salvo que se corrixa sustancialmente», alegando que se tiñan comprometido dende o principio a levar adiante o PXOM, feito que negaron os populares. Os socialistas afirmaron que «se o Plan non se aproba por unanimidade, non votaremos a favor aínda que Monforte se quede sen PXOM». Pola súa parte, o Alcalde suliñou no Pleno de decembro que había moitas cousas no Plan coas que non estaba de acordo, pero destacou que o PXOM «é o Plan de todos, se o conseguimos será bo para todos e senón, será malo para a cidade». Severino Rodríguez lembrou aos populares que «a Xunta do PP lle deu o visto bo ó PXOM de Monforte». Asimesmo, Mª Xosé Vega criticou no Pleno de xaneiro o «desmarque» do PP, xa que «se todos os grupos tivéramos esa actitude, ninguén podería opinar sobre o Plan». Pola súa parte, dende ANOVA propoñeron ao Concello que promova unha charla informativa para a cidadanía.•