
Ninguén pode resistir o feitizo do Entroido, que cada ano pon de acordo a todo o mundo para transformar a faciana de xentes e rúas nun gran sorriso de festa. Concentrados nun día ou espallados entre a fin de semana e o martes de Entroido, as celebracións sucédense por toda a comarca.
FESTA-CHOCOLATADA O SÁBADO DÍA 9 EN SAN CLODIO, CON 1.500 EUROS EN PREMIOS
Así, en Ribas de Sil organizan o tradicional Desfile de Comparsas o sábado 9 de febreiro, cando a partir das cinco da tarde saen as comparsas para desfilar polo circuíto de San Clodio ata desembocar na Praza do Concello, onde ten lugar a entrega de premios. Serán 1.500 euros os que se repartirán en diversos premios, según a calidade e orixinalidade que amosen os participantes e que deberán ser valoradas polo xurado. A xornada rematará cunha festa amenizada por unha orquestra, e na que haberá coma sempre unha chocolatada.
MADAMAS, DANZANTES E OSO EN SALCEDO, CON PREGÓN DE TONHITO DE POI
Unha das citas máis singulares do Entroido lucense está na parroquia de Salcedo, en A Pobra do Brollón, coa salida do Oso e os seus criados na tarde do luns 11 de febreiro. A xornada deste día grande en Salcedo comeza ás catro da tarde, cos cantos de cego, e ás cinco, veciñanza e visitantes, cada vez máis numerosos, correrán ó Oso e andarán finos para non caer en mans dos criados e acabar coa cara tiznada. O Oso e os criados darán unha tregua á noite, para acudir á cea popular a partir das nove, amenizada por dúas orquestras. Pero o programa de Salcedo ten tamén teatro (o sábado 9 ás dez da noite, e o domingo 10 á mesma hora), pregoeiro de excepción (Tonhito de Poi, o domingo 10 ás 17 horas) e moita música (o domingo ás 20 horas actuará a cantante Tita Lijo, despois da función de teatro desde mesmo día haberá verbena coa orquestra Charleston, e o martes 12 rematará o Entroido coa verbena, a partir das oito da tarde, a cargo da orquestra Sabor Latino).
DESFILE EN A POBRA CON PREMIOS Á PARTICIPACIÓN
Asimesmo, en A Pobra continuarán os obradoiros de antefaces, caretas e disfraces o 1 e o 8 de febreiro, na Casa da Cultura de cinco a sete. Xa o sábado 9, terá lugar o Desfile de Disfraces, Comparsas e Carrozas, que partirán do cruce da estrada de Sáa ás cinco da tarde, e ao remate, haberá pinchos e baile na Casa da Cultura, a cargo da Charanga Terras do Bibei. Os interesados en participar no desfile deberán anotarse na Casa da Cultura ou no teléfono 982 430 546 antes do 8 de febreiro, e recoller o seu número o sábado no Concello a partir das 16 horas. Os participantes deberán presentarse no punto de saída do Desfile 20 minutos antes da hora prevista de inicio. En canto ós premios, establécense dúas modalidades, según a procedencia dos participantes. As carrozas do propio municipio optarán a tres premios (175, 125 e 75 euros), así como as comparsas locais de 25 persoas; as comparsas de Brollón de 5 a 14 persoas loitarán por tres premios de 100, 80 e 50 euros, e as comparsas locais de 1 a 4 persoas optarán a cinco premios (50, 40, 30, 20 e 10 euros). Para os participantes procedentes de fóra do municipio de Brollón haberá tres premios por categoría. Así, establécense para as carrozas de fóra premios de 75, 50 e 30 euros, así como para as comparsas de 15 persoas, mentres que as comparsa de 5 a 14 persoas optarán a 50, 40 e 25 euros. Todas as carrozas inscritas recibirán un premio de 40 euros, sen prexuicio dos premios que acaden, e as comparsas de 15 ou máis compoñentes levarán outro de 20 euros.
SARRIA INCENTIVA A PARTICIPACIÓN DA COMARCA
O domingo 10 de febreiro, Sarria celebrará o Gran Desfile de Carrozas e Comparsas, que partirá dende o barrio da Estación ás 17,30 horas e percorrerá as principais rúas da vila. Para que o desfile sexa todo un éxito, dende o Concello de Sarria convocan aos interesados en tomar parte neste desfile, tanto nas categorías de adultos como de infantís (en carrozas e comparsas), de procedencia local ou foránea, a unha reunión que se celebrará o vindeiro 8 de febreiro ás 20,30 horas na Casa do Concello. Esta reunión, á que deberán asistir con carácter obrigatorio todos aqueles grupos inscritos antes do 7 de febreiro ás 14 horas, para aclarar dúbidas sobre o desenvolvemento do desfile, e determinar con exactitude o posto que cada grupo participante ocupará durante a marcha. Asimesmo, e para incentivar a participación nesta convocatoria festiva, o Concello de Sarria concederá axudas a cada grupo da comarca que se inscriba no Desfile. A contía será de 100 euros para as carrozas, e de 60 euros para as comparsas. En canto ós premios para os participantes procedentes da comarca de Sarria, as carrozas de adultos con 15 ou máis integrantes optarán a dous premios, de 300 e 260 euros, e as de menos de 15 integrantes disputarán dous premios, de 200 e 150 euros. As comparsas para adultos optarán a un premio de 250 euros e outro de 200 na modalidade de 15 ou máis integrantes, e as de menos de 15 membros terán un premio de 180 euros e outro de 150. Pola súa parte, na modalidade infantil, as carrozas de máis de 15 membros optarán a dous premios, de 250 e 200 euros, mentres que as de menos de 15 integrantes disputarán dous premios, de 150 e 100 euros. As carrozas e comparsas procedentes de fóra da comarca de Sarria poderán optar a un premio de 200 euros as primeiras, e de 100 euros as segundas. Para a concesión dos correspondentes premios en cada modalidade, o xurado valorará “a orixinalidade dos disfraces, a posta en escea, a simpatía e a gracia dos participantes”, según se especifica nas bases de dito concurso. Os interesados en tomar parte no Desfile de Entroido de Sarria poderán informarse e realizar a inscripción na Oficina de Información Xuvenil do Concello de Sarria, por teléfono no 982 53 50 00 ou por e-mail ao omix@sarria.es.
ENTROIDO RIBEIRAO: TRADICIÓN E XOGOS POPULARES PARA TODOS EN CHANTADA
A parroquia de Santiago da Riba, en Chantada, xa están metidos no Entroido, logo do Domingo Lambedoiro. A vindeira cita é o 3 de febreiro ás 16,00 horas, cando se celebrará o Domingo Corredoiro con pinchos, viño, sorteo sorpresa e a música do grupo de gaitas “O de aquí e os de aculá”, de Vigo. Boa comida, música da terra e xogos populares para todas as idades con opción a premios para os gañadores tamén se disfrutarán de novo o Domingo e o Martes de Entroido, día no que rematará a festa cunha merenda de torriscos, castañas e chourizos, e con entrega de gominolas e agasallo para todos os nenos e nenas presentes. Unha cita imprescindible cos puchos e volantes, figuras únicas do Entroido lucense.•