Un total de oito centros educativos do sur lucense disporán este curso das diversas modalidades de contratos-programa que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ven de destinar co obxectivo de mellorar o éxito escolar. A Consellería asinará estes contratos-programa con 289 centros de toda Galicia, o dobre de colexios e institutos que o curso pasado, e dos cales 31 pertencen á provincia de Lugo.
MÁIS DE 3,27 MILLÓNS DE EUROS PARA MELLORAR O ÉXITO ESCOLAR
Nestas actuacións, das que se beneficiarán preto de 38.500 alumnas e alumnos de toda Galicia, implicaranse 2.950 docentes, segundo os datos facilitados polos propios centros educativos. Pola súa parte, a Consellería inviste nesta iniciativa máis de 3,27 millóns de euros. Os contratos-programa están divididos en cinco áreas: reforzo, orientación e apoio; mellora da lectura, da escritura e do cálculo; mellora da convivencia; redución do abandono escolar; e mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia. No sur de Lugo, o IES Xograr Afonso Gómez, de Sarria, desenvolverá un total de tres contratos-programa, nas áreas de reforzo, orientación e apoio, mellora da lectoescritura e do cálculo, e mellora da convivencia. Pola súa parte, o contrato-programa máis solicitado é o de reforzo, orientación e apoio, que se desenvolverá nos centros chantadinos IES Lama das Quendas e IES Val do Asma, nos monfortinos CEIP As Gándaras e IES A Pinguela, no CEIP de Quiroga, no IES Gregorio Fernández de Sarria, e no CEIP San Tomé do Carballo de Taboada. Ademais, no IES A Pinguela desenvolverase o programa de mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia, e no IES Val do Asma o programa de mellora de lectoescritura e cálculo.