Os responsables da organización das festas de Entroido en Quiroga estableceron as bases para a celebración do Concurso Desfile de Comparsas, que terá lugar o domingo 10 de febreiro, e da Festa Infantil de Disfraces o luns día 11, a partir das cinco da tarde.
PREMIOS EN METÁLICO PARA COMPARSAS GAÑADORAS E PARTICIPANTES
A participación no concurso de comparsas está aberta a cantos grupos desexen participar, tanto do Concello de Quiroga como procedentes doutros concellos, sempre e cando estean integradas por un mínimo de dez membros. Establécense un primeiro premio de 500 euros, un segundo premio de 300 euros, e un terceiro de 150 euros. Ademáis dos premios aos gañadores, cada comparsa participante recibirá 60 euros. Ademais das comparsas, poden participar no Concurso disfraces individuais, e nesta modalidade o máximo serán tres membros por disfrace. Esta categoría establece un único premio de 60 euros. O Xurado estará integrado por un membro de cada comparsa participante, que despois de asistir ó desfile valorará a cada comparsa menos á que representa.Especialmente, terase en conta para a puntuación a orixinalidade dos disfraces, a coreografía e a escenografía.
INSCRIPCIÓN E ITINERARIO
O desfile partirá da Rúa das Piscinas ás 17 horas, pola Rúa Real ata a Casa da Cultura. A entrega de premios terá lugar diante do Concello, durante o baile de disfraces amenizado polo Dúo Fondo Tropical. As inscricións deberán formalizarse na Casa da Cultura ata o día 6 de febreiro, ou ben chamando ao teléfono 982 435 125.