A praza do pobo, agora en internet

•En dous meses comezarán os traballos de instalación de dous puntos wifi na praza consistorial e outro no propio concello • Este proxecto da Deputación de Lugo está financiado nun 80% con fondos europeos • Permitirá acceder de xeito gratuíto a redes sociais, páxinas institucionais e mensaxería • A cidadanía valora esta iniciativa para usos de comunicación entre a xuventude, tramitacións vinculadas á actividade laboral e información turística local por parte dos visitantes

As prazas consistoriais serán un espazo wifi gratuíto para acceder á rede dende calquer dispositivo móbil. EC.

As prazas consistoriais serán aínda máis un espazo para a reunión e a comunicación grazas á iniciativa que dende Europa, e a través do plan provincial Innova-TE da Deputación de Lugo, se está a poñer en marcha nos 49 concellos lucenses adheridos a este plan. A veciñanza disporá de acceso wifi gratuíto na praza consistorial de cada municipio, que no sur de Lugo serán Carballedo, Chantada, O Incio, Láncara, Monforte, Paradela, O Páramo, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas do Sil, Samos, Sarria, Sober e Taboada.

OBXECTIVOS E CARACTERÍSTICAS

Aproximar as vantaxes das novas tecnoloxías a toda a veciñanza, e combater a tan coñecida «fenda dixital» que separa ás cidades do interior das grandes capitais galegas son os principais obxectivos deste plan, que a Deputación de Lugo porá en marcha nos vindeiros meses, financiado nun 80% con fondos europeos. Según os responsables provinciais, os traballos para implantar este sistema comezarán en dous meses, e consistirán na instalación de dous puntos wifi en cada praza consistorial, e outro máis no interior do propio edificio do concello. A velocidade de navegación nestes puntos será de 256 Kas por segundo, a máxima legal permitida ás administracións públicas. Con este sistema, os usuarios e usuarias de calquer dispositivo móbil poderán acceder gratis e con rapidez a espazos web, como páxinas institucionais, redes sociais ou mensaxería.

A VECIÑANZA OPINA

A expectativa que xera este novo servizo entre a cidadanía fala da aceptación do papel das novas tecnoloxías na nosa vida cotiá. Aínda que o acceso a internet está moi xeralizado, «aínda hai xente que non ten este servizo na casa», explica Noelia Pereira, de Chantada, «e así non tes que ir a un bar para conectarte». As novas xeracións parecen ser os máis interesados nesta iniciativa, según apunta Mª Luisa de la Fuente, de Monforte, quen precisa a necesidade de «dalo a coñecer ben, porque os novos valorarían moito este servizo». Pero máis aló do uso das redes sociais por parte da xuventude, a posibilidade de acceder a internet gratis e en condicións dende a rúa abre outras posibilidades, non menos interesantes; para Laura González, de Chantada, «os adultos tamén lle poden ver uso, sobre todo por temas de traballo». Iria Rodríguez, de Sarria, apunta a utilidade «para os turistas, que acudirán máis a esta zona, coas vantaxes para a hostelería, e poderán acceder a toda a información sobre Sarria».

O PULSO DA RÚA

Iria Rodríguez Rivas e Paula Álvarez García (Sarria): “Está moi ben, pode favorecer á hostelería ao atraer visitantes á zona da praza. Os turistas poderán acceder a toda a información sobre Sarria con facilidade” . EC.


Mª Luisa de la Fuente (Monforte de Lemos): “Penso que pode ser útil, sobre todo para a xente xoven. Se se dá a coñecer ben, a xente nova valoraría moito este servizo”. EC.

Laura González Ledo, Noelia Pereira Areán e Diego Rodríguez Tumbeiro (Chantada): “É boa idea, aínda hai xente ser internet na casa. A xente coma nós sería a máis interesada, pero tamén os adultos para xestións de traballo, e tamén os turistas para información local”. EC.

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O Club Natación Monforte trae á casa 10 medallas no Campionato Galego de Inverno

Seguinte Nova

Ribas do Sil cadra con éxito as contas cos servizos e co medioambiente

Últimas noticias sobre CULTURA

Ir aInicio