Aberto o prazo para participar na V Carreira Popular Concello de Monforte do domingo 3 de marzo

Esta proba inicia o II Circuíto Ribeira Sacra de carreiras populares

A Carreira Popular Concello de Monforte está xa consolidada dentro do calendario galego de probas atléticas. Na fotografía, saída da proba absoluta da pasada edición. (Foto: J.R.Casanova).

O vindeiro 3 de marzo celebrarase a Carreira Popular Concello de Monforte, que este ano acada a súa quinta edición, “plenamente consolidada dentro do calendario galego de probas atléticas”, según indicou o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez.

MÁIS DE 800 PARTICIPANTES NA PASADA EDICIÓN

Este evento, que o ano pasado congregou a 567 corredores na categoría absoluta, e a 254 nas categorías menores, combina o seu carácter popular coa presenza de destacados atletas federados. A alta participación nesta proba atlética supón, según sinalou Severino Rodríguez durante a presentación da Carreira Popular, non só o recoñecemento desta proba a nivel deportivo senón tamén “a súa importancia a nivel social e económico para a cidade”.

PROBA ABERTA A TODOS

Ademais de gañar peso no eido competitivo galego, esta Carreira Popular, o evento deportivo máis significativo que organiza no ano o Concello de Monforte, conta co atractivo de estar aberta á participación de calquer persoa que o desexe sen necesidade de estar vinculada a ningún clube deportivo. Esta proba conta co patrocinio da Área de Deportes da Vicepresidencia 1ª da Deputación de Lugo, e do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra, así como coa colaboración de Coca-Cola e Xoiería Camilo. A V Carreira Popular Concello de Monforte está deseñada en dúas modalidades. Así, na proba absoluta poderán inscribirse os participantes de 16 anos en adiante (nados no 1997 e anteriores), e nas categorías menores estableceranse varios segmentos de participación según as bandas de idade.

CATEGORÍAS MENORES:

As categorías menores abranguen aos rapaces e rapazas de ata 15 anos, repartidos según a banda de idade. Os máis madrugadores serán os nenos e nenas participantes na proba “Biberón”, nacidos despois do 2008, e que disputarán ás 11 horas do domingo os 80 metros do percorrido establecido na zona da Compañía. A proba “Biberón” non ten carácter competitivo, e todos os nenos e nenas que participen recibirán unha medalla. O resto de idades deberán realizar un percorrido entre a zona da Compañía, Dalmiro de la Válgoma e Escultor Francisco Moure, con distancias diferentes en cada categoría. Para os nacidos entre 2008 e 2004, a proba comezará ás 11,05 horas, cun percorrido de 600 metros, e ás 11,15 horas comezará a carreira para os nacidos entre 2003 e 2002, cunha distancia de 1.000 metros. Por último, os máis vellos, os nacidos entre 2001 e 1998, correrán a partir das 11,30 horas unha distancia de 1.500 metros. Os rapaces e rapazas interesados en participar nas categorías menores da V Carreira Popular Concello de Monforte deberán inscribirse por correo electrónico, enviando o seu nome e apelidos, data de nacemento, localidade e clube ao que pertencen (de ser o caso) á dirección lodeco@lodeco.es, ou ben a través da Oficina Municipal de Deportes deportes@concellodemonforte.com. O prazo de inscripción para as categorías menores será do 18 ao 28 de febreiro ás 19,00 horas.

PROBA ABSOLUTA ÁS 12 HORAS

A gran cita dos atletas en Monforte comezará ás 12 horas, co inicio da proba absoluta na que poderán participar os nacidos no ano 1997 e anteriores. A proba absoluta está dividida en 8 categorías según as idades, cun percorrido único de 7 quilómetros. A liña de saída desta proba estará situada fronte ó bar Cristal, e continuará por Paseo de Lugo, rúa Carude, estrada de Sober ata a Escola Taller, onde se fai un xiro de 180 graos e se volve pola estrada de Sober dirección San Lázaro, para continuar por Rúa San Lázaro, Reboredo, Dalmiro de la Válgoma, Escultor Francisco Moure e liña de saída fronte ó bar Cristal, ata completar dúas voltas ó percorrido e rematar na liña de meta ubicada na Praza da Compañía.

PRAZOS E PREMIOS

A inscripción na proba absoluta deberá realizarse do 11 ao 28 de febreiro ás 19 horas a través dunha aplicación informática na web www.championchipnorte.com, sección eventos, ou na Oficina Municipal de Deportes. Os tres primeiros clasificados na proba absoluta recibirán un premio en metálico de 300, 200 e 100 euros respectivamente, e os tres primeiros clasificados locais serán obsequiados con trofeo e agasallo. Un chip entregado co dorsal aos participantes na proba absoluta garante a medición dos tempos e a completa realización do percorrido. Ao remate, serán informados no seu móbil da marca acadada na carreira.

O II CIRCUÍTO RIBEIRA SACRA COMEZA CON ESTA CARREIRA E REMATA O 3 DE AGOSTO COA DO SAVIÑAO

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra ven de poñer en marcha a segunda edición do Circuíto Ribeira Sacra de Carreiras Populares, no que se integran as probas que cada un dos concellos organiza de aquí ao verán. Según explican os responsables do GDR, os participantes maiores de idade das oito carreiras deberán inscribirse nun mínimo de 6 probas do Circuíto, e cada proba puntuará para a clasificación final con premios en cada categoría.Ao integrar a puntuación das carreiras dos 8 concellos do GDR, esta entidade busca ofrecer no sur de Lugo unha opción de deporte organizado.

O calendario será como sigue: 3 marzo (V Carreira Popular Concello de Monforte), 24 marzo (IX Carreira Popular Feira do Viño de Quiroga), 28 abril (II Carreira Popular Concello de Ribas do Sil, a última posibilidade de inscripción no Circuíto), 12 maio (XXIV Carreira Popular e XII Media Maratón da Ferreirúa- Brollón), 26 maio (VI Carreira Popular Río Mao, Bóveda), 1 xuño (XII Carreira Popular Rota do Románico, Pantón), 16 xuño (V Carreira Popular Concello de Sober), 3 agosto (II Carreira Popular Concello de O Saviñao).

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Todo listo en Quiroga para a XIII Mostra do Aceite o 24 de febreiro

Seguinte Nova

José Mª Vega, do Gimnasio Neka, incorpórase ao corpo técnico da Selección galega de Taekwondo

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

     
A %d blogueros les gusta esto: