En marcha o Estase Cocendo 2013

Bares e restaurantes, así como aloxamentos e pubs, sumáronse a esta iniciativa

Un momento da presentación en Monforte da iniciativa gastronómica “Estase Cocendo 2013”, que tivo como protagonista ao actor e presentador da TVG Roberto Vilar, padriño do evento. Tamén asistiron a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, e o presidente da APEHL, Cheché Real. Foto cedida.

O pasado 4 de febreiro tivo lugar no Centro do Viño de Monforte a presentación do Estase Cocendo 2013, iniciativa gastronómica promovida pola Asociación de Empresarios de Hostelería de Lugo (APEHL) e que convirte ao cocido no protagonista deste mes na hostelería e restauración da comarca de Lemos. Durante este acto, o actor e presentador da TVG Roberto Vilar foi nomeado compadre desta edición, grao que Vilar agradeceu co bo humor que o caracteriza.

MÉRITO Á HOSTELERÍA “POR TRATAR DE FACER MELLOR AS COUSAS EN VEZ DE QUEIXARSE”

Roberto Vilar felicitou á organización do Estase Cocendo 2013 porque “en vez de queixarse tratar de facer cousas novas para que os negocios vaian mellor”, ao tempo que amosou a súa identificación cos hosteleiros, “autónomos coma min, que tamén vivo da xente á que lle gusta o meu produto”.

“BO PRODUTO E BO TRATO NA HOSTELERÍA DA RIBEIRA SACRA”

O humorista, actor e presentador natural de Xove apuntou que “nunca estiven nun local de hostelería de Lugo onde dixera ¡non volvo máis!”, celebrando o bo trato e a calidade do produto recibido en todas as ocasións. Pero tamén lembrou que o potencial turístico de zonas como a Ribeira Sacra non ven dado tan só polo viño ou a gastronomía, senón tamén “pola maneira de ser dos lucenses”. Trala súa intervención, Roberto Vilar foi nomeado compadre do Estase Cocendo 2013, e foille entregado como obsequio un escurrecubas de alfarería de Gundivós.

APOIO Á GASTRONOMÍA COMO ATRACTIVO TURÍSTICO DA RIBEIRA SACRA

A presentación do Estase Cocendo 2013 contou coa participación do alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o presidente da Asociación de Empresarios de Hostelería de Lugo (APEHL), Cheché Real. Todos eles destacaron as posibilidades como atractivo turístico da gastronomía do sur de Lugo.

VIÑO E GASTRONOMÍA, PROTAGONISTAS DESTACADOS NO XEODESTINO “RIBEIRA SACRA”

Pola súa parte, Raquel Arias aproveitou para lembrar “a aposta pola promoción turística da Ribeira Sacra como xeodestino propio na oferta de Turgalicia”, e explicou que o viño e a gastronomía, así como a riqueza patrimonial e natural do sur da provincia, centran algunhas das experiencias que se propoñen ao viaxeiro na web desta entidade. “A abundancia de recursos turísticos da Ribeira Sacra ponse de manifesto no feito de que ofertamos oito experiencias, cando a media doutros xeodestinos galegos está en catro”, afirmou Arias, quen suliñou o “éxito” que está a ter este tipo de promoción. Durante todo o mes de febreiro, máis de setenta establecementos dos municipios de Monforte, Chantada, Sober, O Saviñao, Bóveda, Pantón e Quiroga disporán de cocido no menú e nas tapas, festas nos pubs e prezos especiais en aloxamento en hoteis, pensións e casas de turismo rurais.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Denuncian os custes de reparación dos saleiros contratados pola anterior xestión provincial

Seguinte Nova

A Xunta participará este ano na organización da Feira do Libro de Monforte

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: