As institucións implicadas na promoción turística participaron na cita internacional de Madrid
Enogastronomía, eventos deportivos, turismo industrial, artesanía, paquetes turísticos e novas rutas foron os eixos sobre os que se desenvolveu este ano a estratexia promocional de Galicia na Feira Internacional de Turismo (FITUR), celebrada en Madrid do 30 de xaneiro ao 3 de febreiro. Todos estes elementos foron expostos a público e profesionais do sector turístico no stand da Xunta de Galicia, onde se celebraron asimesmo diversos actos promocionais en torno a eventos punteiros no turismo da nosa comunidade. A gastronomía de Lugo tivo un destacado papel coa presentación do novo número da guía “E para comer, Lugo”, organizado pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo (APEHL), que contou coa presenza da delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e da vicepresidenta segunda da Deputación, Lara Méndez. Na súa intervención, Arias gabou o esforzo dos hostaleiros e tamén dos produtores lucenses, que proporcionan “a excelentes materia prima que engrandece a nosa cociña, en moitos casos co amparo de selos de calidade”.
PROMOCIÓN DOS COMERCIO ELECTRÓNICO PARA OS PRODUTOS DE LUGO
Pola súa banda, Méndez aproveitou o carácter monográfico do novo volume da revista de Hostelería de Lugo, adicado aos produtos autóctonos, para difundir unha iniciativa da Deputación de Lugo vinculada a este tema. Trátase da plataforma de comercio electrónico “www.losproductosdelugo.com”, a única das súas características en Galicia, pois ofrece en exclusiva produtos e servizos da provincia, e as empresas adheridas non teñen que asumir ningún custe. En case dous anos de funcionamento, esta plataforma conta con 80 empresas adheridas, dos sectores agroalimentario, hostaleiro, artesán, téxtil e de lecer, entre outros, e contabiliza xa máis de 54.000 visitas.
RIBEIRA SACRA EN FITUR
O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra estivo presente en FITUR, mantendo contactos cos principais maioristas e os grandes prescriptores de destino nas redes sociais e internet. A xerente do Consorcio, Alexandra Seara, destacou a importancia de apostar pola presencia “organizada” nas redes sociais, a “oferta complementaria vencellada ao territorio”, como os Cañóns, o patrimonio artístico e o viño, e proseguir co traballo nas canles de comunicación, como o formato web ou os xeodestinos. A xerente do Consorcio transmitiu aos integrantes desta entidade as felicitacións de Turgalicia pola súa colaboración no traballo común e polas estratexias de comunicación e o deseño das campañas desenvolvidas.