Luisa Rubines leva as árbores da Ribeira Sacra do Miño á Casa de Galicia en Madrid

A exposición fotográfica da artista de Taboada estará aberta ao público ata o 1 de marzo

“As Árbores do Bo Camiño” integra un total de 35 fotografías centradas nesta vexetación, só visible cando baixa o caudal do río

A artista taboadesa Luisa Rubines diante dunha das “caixas de luz” que integran a súa exposición “As Árbores do Bo Camiño”. Foto cedida.

Un total de 35 fotografías, delas máis dun terzo en caixas de luz e o resto enmarcadas e en bastidores, compoñen a exposición “As Árbores do Bo Camiño” da artista de Taboada Luisa Rubines, exposta ata o primeiro de marzo nas salas A e B da delegación da Xunta de Galicia en Madrid. As protagonistas das imaxes son as árbores da Ribeira Sacra do Miño, que permanecen mergulladas gran parte do tempo e só poden verse cando baixa o caudal do río.

“RUBINES CAPTA A EMOCIÓN DA RIBEIRA SACRA”

O acto de inauguración da mostra, que tivo lugar o 5 de febreiro coa asistencia de máis dun centenar de persoas, estivo presidido polo delegado da Xunta e director da Casa, José Ramón Ónega, e nel interviñeron tamén o coordinador de Actividades Culturais da Casa, Ramón Jiménez, e a propia autora, Luisa Rubines. “Luisa é unha artista capaz de ofrecernos esta marabillosa exposición na que atrapa unha epopea de paisaxes do poderoso Miño”, suliñou Ónega. “Luisa é unha muller de ríos, Támese, Ganxes, Miño”, comentou citando a Xurxo Lobato, da Real Academia Galega de Belas Artes. Para Ónega, “Rubines capta a emoción da Ribeira Sacra, un traballo de luz, de sonos e fantasía unida coa bruma e a auga”.

“O TEMPO TALLA TODO TIPO DE FIGURAS MARABILLOSAS PARA QUEN SABE VER”

Pola súa banda, Ramón Jiménez lembrou parte da traxectoria profesional da artista de Taboada, con exposicións en España, Alemaña e no Reino Unido, en cuxa capital formouse como fotógrafa. É Licenciada en Arte e Novas Tecnoloxías pola Universidade London College of Printing (1999), e Máster en Medios Audiovisuais pola Universidade de Westminster (2001). Asimesmo, e según apuntou o coordinador de Actividade Culturais da Casa de Galicia en Madrid, Rubines é admiradora do poeta visionario Willian Blake, xa que “nos revela coa súa cámara as formas que a súa imaxinación descobre nas árbores mortas do encoro de Belesar, na Ribeira Sacra, que o baixo nivel da auga devolve á vista de todo o mundo. Así que o ollo de Luisa, fundido co obxectivo da súa cámara, é dobremente revelador”. Tamén citou Jiménez a Marguerite Yourcenar cando dicía que o tempo era un grande escultor; “como pinta o tempo, un dos mellores aliados da Nai Natureza, os bosques con aneis brancos, aneis que se anoan no corpo de serpes petrificadas polo curso dos anos; como talla peixes e unicornios e todo tipo de figuras marabillosas para quen sabe ver”. E engadiu que “moitas destas imaxes ofrecen en realidade un fantástico espectáculo de sombras chinesas para o que as madeiras tivesen pousado coas súas mans retorcidas ante a mirada atenta da nosa artista invitada. Sombras chinesas proxectadas sobre a auga e sobre o ceo cheas de beleza, que botan a voar a nosa imaxinación por un universo de mundos imposibles”.

FOTOS SEN RETOQUES, “PORQUE AS CORES SON ASÍ, E AS PINTURAS DAS ÁRBORES AS FIXO A AUGA”

Pola súa banda, Luisa Rubines agradeceu a amabilidade de presentadores e público, e expresou o seu desexo de que os asistentes gozasen, “polo menos unha pequena parte do que o fixen eu cando completamente soa, e cunha inmensa paz, puiden facer estas imaxes, que por outra parte son tal cual e non teñen ningún tipo de retoque. As cores son así, a luz é a que era e as pinturas das árbores as fixo a auga”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Xunta participará este ano na organización da Feira do Libro de Monforte

Seguinte Nova

O 18 de febreiro sairán os gañadores da campaña San Valentín de ACES-Sarria

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: