Investimento autonómico nos últimos meses en camiños de Chantada, Carballedo e Taboada
A aposta pola mellora das condicións de vida no medio rural esixe que a complexa rede de pistas e camiños que vinculan os núcleos rurais e os centros produtivos do seu entorno estean en perfecto estado. Así, as actuacións no sur de Lugo vinculadas ao Plan Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (PEIM) seguen en marcha, e nos últimos meses supuxeron un investimento por parte da Consellería de Medio Rural e Mar de preto de 300.000 euros en diversos puntos da comarca de Chantada.
MÁIS DE 90.000 EUROS PARA ACONDICIONAR AS PISTAS DE ICOS
Un dos accesos que foron obxecto de mellora dentro destas actuacións é a pista de entrada á cooperativa ICOS, en Chantada, que presentaba un deterioro producido polo tráfico pesado nos 1,4 quilómetros de vial, e cuxa mellora contou cun investimento de 91.600 euros. Para supervisar as obras de acondicionamento desta pista, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitou a zona o pasado 7 de febreiro, quen lembrou o “importante papel que desenvolve a cooperativa Icos na economía local da comarca e mesmo do conxunto da provincia”. Precisamente, a importancia desta cooperativa xustifica “á perfección” a actuación levada a cabo nas pistas de acceso, xa que o PEIM “busca a dinamización da base produtiva progresando nas infraestruturas, e mellorando as oportunidades e a calidade de vida para poder fixar poboación no rural”. No conxunto da comarca de Chantada, as actuacións do PEIM nos últimos meses melloraron preto de 8 quilómetros de viais.
ACCIÓNS EN TABOADA E CARBALLEDO
Ademais das pistas de acceso á cooperativa ICOS, están a ser obxecto de acondicionamento os camiños de acceso aos núcleos de Outeiro, Costiña (A Bouza), Seixas (Bembibre) e Gulfar, así como a pista LU-P 1809 a Esperante, no concello de Taboada, cun investimento de 103.808 euros. En canto a Carballedo, as actuacións supuxeron un total de 83.567 euros, e afectan a 3,7 quilómetros de camiños situados nas parroquias de Furco, Aguada, Marzás e Veascós. Respecto da importancia destas actuacións, Raquel Arias destacou que estes viais son ás veces os únicos accesos aos núcleos poboacionais, polo que “é preciso o seu mantemento para garantir a seguridade do transporte escolar ou agrícola, entre outros”.