A aposta polo emprego público na recollida, os ingresos por redución de impropios, e os convenios con empresas e institucións, integran, entre outras medidas, a fórmula deste concello para diminuír custes á veciñanza dando un servizo e protexendo o medio ambiente
En Ribas do Sil están a apostar polo medio ambiente, o que ten como consecuencia unha xestión máis eficiente tanto na calidade como nos resultados económicos. Un paso máis nesta estratexia é a instalación, a comezos deste mes, de catro contenedores para depósito de aceite doméstico usado en San Clodio. Toda a veciñanza poderá utilizar este servizo, que permite, según explica o tenente de Alcalde, Roberto Castro, “que non teñamos que botar o aceite sobrante polos desagües, coa conseguinte mellora tanto do medio ambiente como das propias instalacións de saneamento”. A empresa que instalou os contenedores encárgase de recoller os depósitos e manter a limpeza e o bo estado destas catro unidades, por un custe anual de 600 euros. O tenente de alcalde explica que dentro desta tarifa está incluido un servizo especial para os aceites procedentes da hostelería; a empresa establece convenios cos hosteleiros locais para cederlles un bidón, que lles será recollido porta por porta cada vez que o precisen. “A empresa emprega estes aceites usados para a elaboración de biodiésel, e o Concello dá un servizo medioambiental á cidadanía”, indica Castro.
A REDUCIÓN DE RESIDUOS IMPROPIOS SUPUXO PARA O CONCELLO UNS INGRESOS DE 3.380 EUROS O ANO PASADO
Os contenedores de aceite veñen a complementar o servizo de recollida selectiva de residuos que xa funciona, “e con éxito”, explica Roberto Castro, en Ribas do Sil. A idea é ofrecer un servizo de retirada de residuos á veciñanza que supoña un gasto o máis racional posible e que teña un impacto positivo a longo prazo no medio ambiente, “pois o coidado do entorno tamén é riqueza”, suliña o tenente de alcalde. Contenedores de vidro e cartón, de plástico e tetrabricks, e de pilas funcionan xa en Ribas do Sil, e a cidadanía está a responder facendo un uso responsable destas instalacións. O lixo convencional vai parar á planta que Sogama ten en A Rúa, e por este servizo o concello está a pagar unha factura anual en torno aos 18.000 euros. Se a porcentaxe de residuos impropios diminúe, é dicir, se o lixo está convenientemente separado nos contenedores adecuados, o concello percibe de Sogama uns ingresos proporcionais, que o ano pasado foron de 3.380 euros.
XESTIÓN EQUILIBRADA
Precisamente, para que os custes sexan os imprescindibles, e tendo en conta “que dende o Concello de Ribas do Sil apostamos polo emprego público para evitar cargas aos veciños dos sobrecostes que suporía o marxe de ganancia dunha empresa concesionaria, os gastos do conductor e do camión de recollida, así como os do combustible son asumidos polo Concello. Con esta fórmula, a recadación municipal do servizo de recollida “empata”, porque “aínda que non se xera superávit polo menos o lixo non xera déficit”, explica o tenente de alcalde. Roberto Castro insiste en destacar a optimización dos recursos humanos, “xa que o conductor deste vehículo tamén se encarga das tarefas de desbrozamento dos viais municipais cun tractor desbrozador totalmente equipado”. En canto á financiación dos equipos, o tenente de alcalde puntualizou que o camión empregado para a recollida de lixo foi adquirido gracias á aportación do Canon da Deputación de Lugo, fondo que tamén serviu para adquirir un camión motobomba, empregado por voluntarios e traballadores de Protección Civil no municipio, “con actuacións moi destacadas e eficientes”, precisa Roberto Castro.
EQUIPAMENTO PARA UNHA XESTIÓN SOSTIBLE
Nesta mesma liña de optimización de recursos, o Concello de Ribas do Sil adquiriu no seu día unha trituradora de ramas, cunha subvención do Fondo de Compensación Medioambiental, “que evita que a veciñanza teña que queimar os restos da poda e contar cun permiso previo de queima”, ao tempo que “as ramas trituradas e mezcladas cos pellets sirven de combustible natural para a caldeira de biomasa que dará servizo á nova Casa Consistorial e ao Centro de Saúde de San Clodio. Con este sistema, os responsables municipais estiman un aforro na factura por calefacción dun 40%. En canto a dotacións, o Fondo de Compensación Medioambiental tamén permitiu ao Concello adquirir unha bomba para vaciar fosas sépticas “dun xeito máis limpo e sostible”.
RECOLLIDA DE ROUPA
Roberto Castro apuntou asimesmo que, dentro desta estratexia de reciclaxe, están en contacto cunha empresa de recollida de roupa para instalar un contenedor na capitalidade, o que evitaría “ter que desprazarse a Monforte ou acabar tirando a roupa que, doutro xeito, podería ser aproveitada”.