A clave para aforrar está na factura eléctrica

A Fegamp denunciou irregularidades na facturación eléctrica aos concellos

•Dende os concellos traballan por afinar as contas nesta partida a través da revisión da facturación das compañías suministradoras •Ademais dos recursos propios, os concellos do Club dos Renovables teñen á súa disposición o asesoramento técnico gratuíto que o ente provincial ofrece para permitirlles detectar ata un 20% de aforro

Ademais das medidas que cada concello está a tomar para reducir o gasto enerxético en aspectos como o alumeado público, a revisión da facturación eléctrica resulta clave para acadar unha correcta xestión dos recursos. EC.

“O gasto eléctrico é onde agora máis se pode aforrar”, explica Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober, preocupado dende que accedeu á responsabilidade municipal por cadrar as contas neste complicado aspecto. “O gasto en enerxía é un dos máis altos do concello, de aí que non deixemos de estar atentos a todo o que poidamos facer para pulir isto”, explica Guitián, que recoñece terse adicado á tarefa de revisar unha por unha as facturas eléctricas “porque hai irregularidades dende logo, e estes detalles son moi difíciles de controlar”.

“CLARO ABUSO” DAS ELÉCTRICAS, SOBRE TODO NOS CONCELLOS DO RURAL

Situación que non é exclusiva deste municipio, como desvelou a comezos deste mes a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), cando denunciou a existencia de irregularidades xeneralizadas na facturación eléctrica dos concellos de Galicia. Tras unha consulta cos 315 concellos da nosa comunidade, a Fegamp concluiu que a denuncia máis xeneralizada é a desproporción das facturas estimadas en relación ao consumo habitual, así como a acumulación de varios meses nunha única factura. O vicepresidente executivo da Fegamp e alcalde de Cervo, Alfonso Villares, explicaba que esta situación “xera problemas de tesourería para os concellos”, que ademais reciben facturas “fóra de prazo, que a miúdo se corresponden con algunhas que xa están pagadas e vense obrigados a abrir un proceso de reclamación, sempre baixo a coacción do corte de luz”. Abusos “claros” como o incumprimento das tarifas contratadas, mala aplicación dos descontos, contadores que non funcionan ben, ou recibos estimados de xeito esaxerado son a tónica normal detectada pola Fegamp na consulta aos concellos galegos, co agravante da situación do rural “onde non hai contadores e factúrase por cálculo estimado que non hai forma de comprobar”, precisa Villares. “Para ler as facturas eléctricas hai que ser un auténtico experto”, sentenciaba Fernández Guitián.

REVISIÓN DA FACTURA POLAS NECESIDADES DETECTADAS NA AUDITORÍA ENERXÉTICA

Ante este panorama, e cando a crise obrigou a botar ben as contas e polo miúdo, moitos concellos miraron á factura eléctrica para ver de donde se podía tirar para afinar os importes. “En Sober temos un consumo eléctrico moi elevado, en torno aos 200.000 euros anuais, tendo en conta que temos 4.000 puntos de luz, os edificios municipais, o bombeo e preto de 200 suministros en parroquias”, indica Guitián, “por iso estamos moi interesados en ver como podemos aforrar”. Este afán motivou que Sober fora “dos primeiros concellos” en sumarse ao Club dos Renovables, iniciativa promovida pola Deputación Provincial de Lugo para ofrecer aos municipios interesados asistencia en iniciativas de aforro medioambiental. Unha destas iniciativas das que se beneficiaron os 47 concellos “dos Renovables” foron as auditorías enerxéticas aplicadas ao consumo nos edificios institucionais, e nas que os seus responsables “empezamos a detectar que os concellos tiñan problemas coa facturación, e que moitos non tiñan medios técnicos nin económicos para controlala, co conseguinte abuso por parte das compañías eléctricas”. De aí que o seguinte paso que dende o ente provincial deron para traballar a prol do aforro foi ofrecer aos concellos do Club dos Renovables asesoramento técnico, de carácter gratuíto e adaptado ás necesidades de cada municipio, estimando que con esta revisión os concellos poden aforrar ata un 20%. A propia Deputación Provincial xa aplicou esta medida o ano pasado nas súas instalacións, o que lle reportou unha redución do 25% no gasto anual en electricidade (123.000 euros de aforro).

OS CONCELLOS “ARAÑAN” CON DECISIÓN NO GASTO ENERXÉTICO

Sabedores de que hai marxe de aforro na factura eléctrica, os concellos foron rápidos tomando decisións a este respecto, e os froitos xa se están a ver en cifras. En A Pobra do Brollón realizaron pola súa conta a revisión, contratando a un técnico que xa presentou as alegacións pertinentes diante da compañía suministradora. “Vimos que a facturación ás veces ten erros, por iso contratamos esta revisión, coa que estimamos aforrar 6.000 euros na factura eléctrica”, explica José Luís Maceda, alcalde de A Pobra do Brollón, municipio cun gasto anual por este concepto de preto de 120.000 euros. “Estamos a recibir as propostas de aforro da recente auditoría enerxética da Deputación, aínda que no tema da revisión da factura xa nos adiantamos”, precisa Maceda. “Estamos a traballar por afinar o consumo, temos dende hai un ano apagóns de 3 horas pola noite no alumeado público, e en breve vamos a eliminar puntos de luz”, indicou o rexedor local. Preocupados polo aforro enerxético, en Ribas do Sil traballan constantemente por ter controlado este gasto. “Ademáis da auditoría provincial dos edificios públicos, fixemos unha auditoría enerxética subvencionada no 80% polo Inega para revisar cadros, planos, subsanar defectos e facer un estudo profundo da iluminación exterior, e incluía tamén revisión de facturas”, explica Roberto Castro, tenente de alcalde deste concello, “e vimos que o consumo xa era bastante razonable”.Con 43.000 euros de gasto anual en electricidade, en Ribas do Sil a partida que leva máis custe é o bombeo de auga, “aínda que agora, ao ser de gravidade, aforraremos 6.000 euros”, indica Castro. A pesar de ter os deberes feitos, Ribas do Sil acollerase a esta iniciativa do Club dos Renovables para botarlle outro ollo á facturación, “sempre se pode afinar máis”, explica Castro. Neste sentido, en Sober apúntanse a “toda colaboración que poidamos ter neste aspecto; nós o que queremos é mellorar”, suliña Guitián.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Calzados Losal, premio ao comercio decano de Monforte

Seguinte Nova

Investir e racionalizar: fórmula para afinar no gasto enerxético

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: