•A “difícil e moi meditada” decisión de Ribas do Sil sobre o apagado selectivo do alumeado público de hai un ano, clave para pasar dos 54.000 euros da factura de 2011 aos 43.000 euros en 2012 •A posta en marcha do novo tanque de bombeo de San Clodio permitirá aforrar preto de 6.000 euros na importante partida de gasto por bombeo
“O concello está para racionalizar o gasto, non para aforrar”, sentencia Roberto Castro, tenente de alcalde de Ribas do Sil, cando se fala de aforro enerxético, porque a finalidade é cadrar as contas e mellorar a xestión pública, “hai que dar un servizo co custe máis exacto, e investir este aforro en postos de traballo”. Con esta máxima, en Ribas do Sil levan xa tempo poñendo en prática diversas medidas que conxugan tanto o investimento en equipamentos modernos que permitan mellorar o servizo cun consumo máis controlado, como a complexa toma de decisións sobre o aforro directo, en concreto sobre o apagado selectivo do alumeado público. Unha fórmula que, vendo os números un ano despois, comeza a dar os seus froitos.
O APAGADO SELECTIVO DO ALUMEADO PÚBLICO PROPICIOU 1.000 EUROS DE AFORRO AO MES
A comezos do pasado ano, os responsables municipais comunicaban a “difícil e moi meditada” decisión de apagar diversos puntos de luz nas rúas do municipio, na busca de baixar o gasto eléctrico e reservar fondos para atender outros servizos de primeira necesidade social. Nun ano que se presentaba complicado (a luz subiría un 6%, e o ive chegaría ata o 21%), en Ribas do Sil conseguiron o que parecía ben difícil: un aforro de 1.000 euros ao mes na factura eléctrica, que sumaron un total de 11.000 euros no 2011. “Esta medida foi un acerto”, explica Roberto Castro, “logramos un aforro moi importante aínda sen poñer en prática totalmente o sistema de aforro enerxético no que estamos a traballar”. As luminarias das vías públicas experimentan un 10% de redución de fluxo aos dez minutos do acendido, de xeito que baixa a intensidade lumínica. O apagado selectivo prodúcese ás 23 horas, en concreto son a metade dos puntos de luz os que se apagan: nos lugares con doble liña de farolas apágase unha delas, e cando hai unha única fila o apagado é por farolas alternativas. “Co estudo do sistema de alumeado público obtido da auditoría enerxética na man, e que fixemos coa axuda do Inega, valoramos a opinión dos veciños para establecer onde e cando facer o apagado”, puntualiza o tenente de alcalde.
INVESTIMENTO EN LUMINARIAS EFICIENTES E PANEIS FOTOVOLTAICOS
Pero non todo foi recortar; seguindo a premisa da racionalización do gasto, o Concello asumiu cunha subvención do 80% do Inega o cambio das antigas farolas de globo do Paseo Fluvial, punto quente do percorrido turístico do municipio. Estas luminarias perdían moita luz cara arriba, e a súa ubicación preto das árbores supoñía unha derrama de luz e de electricidade; as novas lámpadas, moitos máis eficientes, melloraron “moitísimo” a iluminación do Paseo, e reportarán menos consumo eléctrico. Con esta mesma idea, o Concello de Ribas do Sil acolleuse a unha axuda de AGADER para a instalación de tres paneis fotovoltaicos no edificio do novo Concello, do Pavillón Polideportivo e na depuradora de auga. A premisa que levou a instalar estes dispositivos foi a vantaxe do sistema de balanceamento, según o cal a electricidade xerada polos paneis vai destinada en primeiro lugar ao autoconsumo, e a que sobra, vértese na rede xeral e a compañía eléctrica valora a diferencia entre o consumido e o vertido xerado ao sistema, “co que o custe sería práticamente nulo”. Dado que aínda non está aclarado como vai ser estimado este sistema de balanceamento por parte das compañías suministradoras, polo de agora estes paneis van aportar enerxía para o consumo dos edificios e instalacións municipais onde foron dispostos. “Co balanceamento estimamos un aforro de 6.000 euros anuais, co autoconsumo non será tanto, pero aínda así será importante”, indica Castro, que destaca as vantaxes de que o panel do Polideportivo alimente tamén ao Colexio Público “ao funcionar en horario de mañá, que é cando máis luz hai para producir corrente”, e o uso enerxético do tanque de San Clodio para os continuos análises da cloración da auga “pois hai que removela para tomar mostras, e así graduar o cloro”. “Estamos completamente seguros de que con este sistema non se pagaría nada de recibo por este concepto”, suliña o tenente de alcalde, que precisa que este servizo estaría por si mesmo amortizado en catro anos, “sen contar coa financiación do 90% por parte do AGADER, que facilitou moito a súa implantación”.
MENOS GASTO POR BOMBEO DE AUGA
A posta en marcha este ano do tanque de San Clodio mellorou non só o servizo de suministro de auga, “aínda que a maior presión da auga nos está a dar problemas en instalacións antigas, que estamos a resolver pouco a pouco”, senón tamén nas contas do gasto eléctrico. O alto consumo esixido polo bombeo reduciuse ao funcionar por gravidade, “pois o tanque está máis preto e máis alto”, explica Castro, que adiantou máis medidas do Concello, como a instalación de alumeado por LED nas aldeas. “Aínda hai marxe para o aforro e a mellora en Ribas do Sil”.