Novo libro sobre a tradición oral de Sober

O Colado do Vento presentou o terceiro volume de “Un pouquiño de tradición oral no Concello de Sober”, o máis extenso da serie

Alfonso Campos, presidente da asociación cultural O Colado do Vento, e responsable das pescudas sobre tradición oral recollidas nos tres volumes, durante a presentación do libro.
(Foto cedida).

O traballo da asociación cultural soberina O Colado do Vento en prol da recuperación e pulo da cultura e patrimonio do municipio ven de cumplir un dos seus últimos desafíos, coa publicación, esta vez en formato libro, da terceira entrega da serie titulada “Un pouquiño de tradición oral no Concello de Sober”. A presentación deste libro celebrouse a finais de febreiro na Biblioteca Municipal de Sober, e congregou a numeroso público, interesado por coñecer as aportacións desta nova entrega.

CANTIGAS CON PARTITURA, SUPERSTICIÓNS E LENDAS, ENTRE OUTROS MATERIAIS

Os tres volumes publicados baixo o título “Un pouquiño de tradición oral do Concello de Sober” recollen o traballo de pescuda e investigación da memoria oral do pobo de Sober, desenvolvido dende hai máis de vinte anos por Alfonso Campos, presidente da asociación cultural O Colado do Vento, con colaboracións doutros membros da asociación. Este terceiro volume presenta varias novidades con respecto ás anteriores entregas. Por unha banda, amósase nunha coidada edición en formato libro, grazas a unha achega económica da Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo e á labor editora de José María Lago, membro de O Colado do Vento. Por outro lado, os contidos seguen a liña dos anteriores, pero ampliando máis a mostra de tradición oral. Según explicaron os responsables da obra, o libro inclúe contos, lendas, sucedidos, cantigas e romances coas respectivas partituras, supersticións e refráns, entre outros.

“OBRA COLECTIVA”

Según explican os membros de O Colado do Vento, a laboura de recollida da tradición oral de Sober segue en marcha, polo que non descartan que esta interesante serie conte con novas entregas. Dende a asociación destacan o carácter de “obra colectiva” destes libros, dado que eles recollen e escriben “o que as nosas xentes nos pasaron das xeracións anteriores”. A intensa actividade desta asociación cultural promete prontas publicacións. Así, están a darlle voltas a un importante material recollido sobre a viticultura tradicional no que participaron sobre todo os socios Javier Vivirido e Francisco Ruíz, as máis de cen lendas de Sober recopiladas por Campos, ou unha pequena publicación sobre a microtoponimia de Sober, “que desperta gran interés entre a xente”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Completada a primeira fase do ARI de Sober, que aprobou 36 actuacións de rehabilitación

Seguinte Nova

As máis de 6.000 hectáreas de propietarios descoñecidos pasarán ao Banco de Terras xestionadas pola Xunta

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: