Celebrarase no Oca Augas Santas Balneario & Spa Resort dende finais de abril ata primeiros de maio
![golfpantonfeminino](https://i0.wp.com/encomun.es/wp-content/uploads/2013/03/golfpantonfeminino.jpg?resize=375%2C250&ssl=1)
Máis de 90 golfistas de 24 países inscribíronse xa para participar no Ocho Golf Ladies Open Galicia que se celebrará entre a última semana de abril e a primeira de maio no Oca Augas Santas Balneario & Spa Resort de Pantón. Esta proba, que forma parte do circuíto Ladies European Tour Access Series, é a única que se celebra en España dentro deste certame que abrangue 14 probas en oito países diferentes e que constitúe o evento de maior dotación económica desta categoría. Agárdase que na proba participen 120 golfistas de máis de 40 nacionalidades, e consiste nunha proba puntuable para o World Rolex Ranking, o máis prestixioso do mundo no golf feminino. Asistiron á presentación o responsable do Comité de Profesionais da Real Federación Española de Golf; o presidente da Federación Galega de Golf; o responsable comercial do Ladies European Tour; o responsable do Campo de Golf Augas Santas; o subdirector xeral de Deportes; os patrocinadores do evento; así como o alcalde de Pantón e representantes da Deputación de Lugo e do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra.
OFERTA DIFERENCIAL DE TURISMO
A directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, recalcou na presentación do evento que a celebración desta proba en Galicia contribúe a posicionar a oferta diferencial de turismo de golf da nosa comunidade, que combina a práctica deportiva (cunha infraestrutura dotada con 21 campos de golf) co goce do termalismo e a enogastronomía. Nava Castro indicou que a celebración deste torneo en Oca Augas Santas Balneario & Golf Resort de Pantón reforza a aposta de Turismo de Galicia pola calidade. “Trátase do campo de golf galego certificado co distintivo Q de Calidad Turística”, resaltou.