Ante o “inminente” anuncio da integración con Lugo
Colectivos cidadáns e partidos políticos están a reclamar á Xunta de Galicia o mantemento da área sanitaria de Monforte, diante do anuncio “inminente” da súa integración, con Burela, na área de Lugo. De ser así, a xerencia dos hospitais comarcais da Costa e de Monforte pasaría a estar na capital provincial, con consecuencias tanto para os enfermos como para os profesionais, según explican desde os diferentes colectivos.
PLADESAPU ALERTA SOBRE AS CONSECUENCIAS DA ÁREA INTEGRADA DE LUGO
Por unha banda, os voceiros da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública (PLADESAPU) de Monforte lembraron o compromiso adquirido en 2010 polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de manter a independencia do hospital monfortino. Para amosar as repercusión que a instauración da área integrada de Lugo tería sobre os hospitais comarcais, os voceiros da Plataforma citaron o caso do hospital da Costa, en Burela, onde o seu xerente, José Insua, vinculado ao Partido Popular e que foi alcalde de Cervo por esta formación política, está a criticar esta integración. Según explicaron dende PLADESAPU, Insua obtivera o compromiso da Xunta de que se mantería a autonomía do hospital da Costa, e de non ser así, o hospital perdería investimentos e a poboación estaría sometida a desprazamentos longos, o que tamén tería a súa repercusión nos postos de traballo do centro sanitario. Neste sentido, dende PLADESAPU solicitaron ao xerente do hospital de Monforte que se pronunciara acerca desta situación, e ao peche desta edición aínda non se coñecía a resposta, así como o resultado da sesión informativa á que convocaron á cidadanía e ós responsables das formacións políticas locais para dar conta do estado desta cuestión.
CRÍTICAS DOS SOCIALISTAS DIANTE DA “DESINTEGRACIÓN” DOS HOSPITAIS COMARCAIS E DO PAPEL DINAMIZADOR E ASISTENCIAL DESTES CENTROS
Esta mesma cuestión foi obxecto de varias preguntas e interpelacións parlamentarias na Cámara galega, por parte do Grupo Socialista. O deputado Vicente Docasar, entre outros, alertou de que as áreas integradas xa existentes en Galicia “non cumpren precisamente con esta función integradora anunciada”, xa que “a Atención Primaria e a Atención Hospitalaria seguen sen unificar e conectar pero, sen embargo, si están desintegrando os hospitais comarcais”, o que está a xerar “un profundo malestar social”. Os socialistas suliñaron ademais a importancia do hospital de Monforte na súa área de influencia “como a principal empresa da comarca de Lemos nun momento de profunda crise económica”. Pola súa banda, o voceiro do Grupo Socialista no concello de Monforte, José Tomé, criticou que o Partido Popular dixera, “en boca do Presidente da Xunta e en Monforte” que o hospital Comarcal ía ser área sanitaria propia, “e agora danlle a volta á tortilla e consuman o que sempre quixeron facer, pero que escondían para non perder votos”. Tomé criticou que a voceira do PP en Monforte, Julia Rodríguez, “tratar de xustificar o inxustificable e de vender que é mellor depender de Lugo que ter autonomía e capacidade de decisión propia”. José Tomé lembrou que no Foro Saúde celebrado no mes de decembro en Monforte, o director de Asistencia Sanitaria, Félix Rubial, declarou que un dos servizos que sí se perdería en Monforte sería o de Xinecoloxía.
ALERTA DO BNG ANTE A REPERCUSIÓN DESTA MEDIDA NAS PERSOAS MAIORES, PRINCIPAIS USUARIOS DO SISTEMA DE SAÚDE, E NOS POSTOS DE TRABALLO DOS PROFESIONAIS SANITARIOS
Pola súa parte, o responsable comarcal do BNG no sur de Lugo, Ricardo Rodicio, informou sobre as iniciativas parlamentarias que este partido está a plantear na Cámara galega a este respecto. Según precisou Rodicio, a integración na área sanitaria de Lugo afectaría a preto de 50.000 usuarios distribuidos en 11 concellos, que pasarían a ter como hospital de referencia o Hospital de Lugo. A merma da calidade asistencial sería notable, explican os responsables do BNG, sobre todo tendo en conta o alto envellecemento poboacional que rexistra a nosa zona. Neste sentido, dende o BNG falan dun “auténtico drama” para as persoas maiores, que son os usuarios maioritarios deste servizo, que non posúen medios de desprazamento propios, suxeitos ao estado do transporte público e mediatizados pola dispersión poboacional. O BNG falou tamén da repercusión desta centralización en Lugo para os profesionais sanitarios; os traballadores terían que optar a postos por toda a provincia. Así, os eventuais terían que inscribirse nas listas aceptando contratos a máis de cen quilómetros do seu domicilio, baixo a ameaza de penalización, e o persoal fixo que accedera ao seu posto despois da publicación do Estatuto Marco podería ser trasladado a calquera lugar da provincia en calquera momento.
A VOCEIRA DO PP DE MONFORTE E DEPUTADA JULIA RODRÍGUEZ NEGA “DE XEITO CATEGÓRICO” QUE A ÁREA INTEGRADA “SEXA O PRINCIPIO DA FIN”
Pola súa parte, a voceira do Partido Popular no concello de Monforte e deputada autonómica, Julia Rodríguez, negou “de xeito categórico” que a área integrada “sexa o principio da fin”, e lembrou que a súa implantación é froito dunha Lei aprobada polo bipartito en 2008. “PSOE e BNG aprobaron o texto e agoar din que é o pero, entón onde estaban cando se aprobou?”, comentou Rodríguez, quen afirmou que o seu traballo como concelleira e deputada no Parlamento “está centrado en defender que o Hospital Comarcal manteña os servizos que ven prestando ata agora, e que se poida incorporar outros novos que redunden nunha mellor atención sanitaria para toda a comarca”. Julia Rodríguez lembrou que o sistema de áreas integradas foi un “compromiso recollido no programa electoral de Núñez Feijóo e que foi respaldado pola maioría dos cidadáns galegos”. Rodríguez defendeu un modelo de xestión “para toda a provincia, cun hospital central e varios comarcais que se beneficiarán dun modelo que permite a mobilidade dos médicos para complementar a carteira de servizos”. A deputada do PP cre que “hai que darlle unha oportunidade a outro modelo de xestión, sobre todo cando levan anos queixándose do que existe, e tratar de buscar a mellor asistencia posible para a xente de Monforte e da comarca”, e advertiu do risco de seguir funcionando “de maneira aislada”.•