• Chantada celebrará a XXXI Feira do Viño do 8 ao 10 de marzo, con catas comentadas, orquestras e 16 adegueiros •En marcha o “Mes de Amandi”, con actividades cada semana, previas á XXXIII Feira do Viño, decana da nosa zona
Xa está todo disposto en Chantada para celebrar, do 8 ao 10 de marzo, a XXXI Feira do Viño, que este ano incorpora máis adegueiros e un bo programa de orquestras, ademais de manter as interesantes catas comentadas en diversos locais da vila do Asma.
COÑECER TODOS OS MATICES DOS NOSOS VIÑOS NAS TABERNAS DA VILA
A pesar da desaparición das xornadas técnicas celebradas outros anos, e que a situación orzamentaria da comisión organizadora non permitiu desenvolver nesta ocasión, segue a dinamización en torno ao viño de Chantada nos días previos á Feira. Así, do 5 ao 8 de marzo a partir das 8 da tarde, os amantes do bo viño poderán coñecer polo miúdo as características dos viños tintos e brancos que os adegueiros levarán á feira. Durante estas sesións, un enólogo e un persoeiro vinculado ao mundo do viño amosarán aos participantes nas catas comentadas todos os matices dun tinto e dun branco en cada sesión. As catas comentadas terán lugar en A Farangulla, A Viñoteca, Mar e Bellota, e Os Pendellos. Dende a comisión organizadora da Feira do Viño de Chantada non descartaron que estas catas poideran xa comezar o propio día 4. En canto á participación, este ano serán 16 (dous máis que o ano pasado) os adegueiros que levarán os seus viños á Feira de Chantada, que serán sometidos á cata oficial o domingo 10 de marzo ante notario. A entrega de premios realizarase días despois da celebración da feira, “para non perxudicar a ningún adegueiro”, explican dende a comisión organizadora. Será tamén o domingo o día do pregón, que este ano correrá a cargo do poeta, escritor e editor lucense Miguel Anxo Fernán-Vello. A música estará ben presente nesta edición da Feira do Viño de Chantada. Unha orquestra abrirá as sesións na noite do venres, e o sábado serán dúas as orquestras que amenizarán a verbena, como así sucederá o propio domingo. Ademais, durante o día será a música tradicional a encargada de poñer o espíritu de festa, coa actuación dos Gaiteiros do concello, a Banda de Música Municipal e varias charangas, unha delas de Chantada.
FEIRA DE OPORTUNIDADES E DE ARTESANÍA DE CHANTADA
Os comerciantes tamén tomarán parte nesta edición da Feira do Viño de Chantada, coa instalación da carpa da Feira de Oportunidades, e co espazo adicado á venda de produtos da comarca e artesanía. Durante os días 9 e 10 de marzo, un total de 27 expositores ofrecerán as melloras solucións para unha compra satisfactoria, e amosarán os máis exquisitos e coidados produtos destas terras, en horario ininterrumpido de 10,30 a 20 horas.
HOMENAXES E APOSTA POLA MÚSICA NA XXXIII FEIRA DO VIÑO DE AMANDI
Pola súa parte, os pioneiros en celebrar o viño da Ribeira Sacra, os adegueiros de Amandi, xa presentaron o programa da XXXIII edición da súa Feira do Viño, que se celebrará a fin de semana de Ramos (o 23 e 24 de marzo). Según explicou o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, a Feira ten como convidado de honra ao Concello de Pantón, e un dos primeiros actos da Feira, a apertura oficial a cargo da adega Viña Ferreiro, estará adicado a Pedro Pérez Fernández, recentemente falecido. O programa musical ten como prato forte o concerto do grupo folk Quempallou, o sábado 23 ás 23 horas, e o estreo público o domingo a partir das 13,15 horas, a cargo da Banda de Música de Sober, da muiñeira “Alfareiros de Gundivós”, obra do compositor Juan Lois. Este acto inclúe ademais unha homenaxe aos veciños e veciñas de Sober nacidos en 1981, ano da I Feira do Viño de Amandi. Pero a exaltación deste viño xa está en marcha co “Mes de Amandi”, con actos como o regalo dunha botella de viño aos donantes de sangue o próximo 12 de marzo na Unidade Móbil de Doantes de Sangue, que estará na Praza do Concello de 10,30 a 14 horas.