O alumnado de 5º do CEIP A Gándara participou no obradoiro “Quero ser astronauta”, dentro da programación da Concellería de Igualdade de Monforte a través do CIM
1. Lucía, psicóloga do CIM de Monforte, introduce ó alumnado de 5º curso do CEIP A Gándara sobre o vídeo que van ver, titulado “Quero ser astronauta”, actividade promovida dende a Concellería de Igualdade de Monforte nos centros educativos de Primaria e Secundaria. O vídeo conta a historia de Mabel, unha alumna da República Dominicana que soña con ser astronauta. As súas profesoras deseñan unha actividade que fomente a realización dos soños tanto nos nenos como nas nenas, e propoñen facer un concurso de cohetes cun lema que acompañe a traxectoria ascendente do proxectil. Trala proxección do vídeo, os nenos e nenas de A Gándara responden con interés ás preguntas que Lucía lles fai sobre a historia que acaban de ver. (Fotos EC).
2. A segunda parte do obradoiro consiste en seguir os pasos dos alumnos e alumnas que na escola de República Dominicana construíron un cohete cun lema que nos lembre que os soños de nenos e nenas poden cumprirse por igual. Os alumnos e alumnas de 5º curso póñense mans á obra para traballar en grupos, coloreando as plantillas dos diferentes elementos do cohete, mentres pensan un lema sobre a igualdade entre mulleres e homes. Coa axuda de Lucía, dan os últimos toques ás súas creacións. (Fotos EC).
3. Os máis traballadores ensinan con satisfación os primeiros cohetes da clase, listos para levar o lema da igualdade por todo o Universo. Os demais grupos apuran os detalles para presentar toda a flota interestelar nos últimos minutos. (Fotos EC).
4. Traballar xuntos e en igualdade de oportunidades sempre dá bo resultado. Os alumnos e alumnas de 5º curso do CEIP A Gándara celebran que os seus soños poidan voar ó máis alto sen diferencias, propulsados polos desexos dun mundo máis igualitario e máis xusto. (Fotos EC).