Internet de calidade para 8.000 persoas máis na comarca de Chantada

Grazas ao Plan de Banda Larga promovido pola Xunta de Galicia

Imaxe das instalacións do roadshow de Movistar que está a percorrer as cidades e vilas de Galicia. GPDL.

As novas tecnoloxías están fondamente implantadas nas diversas actividades da nosa sociedade, nun mundo no que o acceso a internet é un requisito case imprescindible. As dificultades orográficas e de dispersión xeográfica da poboación que impón o rural á hora de contar cun acceso a internet en condicións foron un dos retos que se plantearon dende a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), a través do desenvolvemento do Plan de Banda Larga da Xunta de Galicia. A posta en marcha deste Plan supuxo, según explicou en Chantada a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, que o 93,76% dos habitantes desta comarca conten xa con acceso á internet de calidade, de cando menos 2Mbps de velocidade.

O PLAN MULTIPLICOU CASE POR TRES A POBOACIÓN CON ACCESO DE CALIDADE Á REDE

Neste sentido, Arias indicou que se están a “cumprir os obxectivos no desenvolvemento do Plan de Banda Larga” e subliñou que a incidencia deste Plan nótase na cobertura que permitiu “en zonas de dispersión xeográfica como sucede nos concellos desta comarca, nos que grazas as actuacións incluídas neste Plan se multiplicou case por tres a porcentaxe de poboación con acceso de calidade a rede de redes”. Raquel Arias lembrou que a comarca de Chantada, que se atopa na área pola que empezou o despregamento deste Plan, “resulta un exemplo do que supuxo esta actuación”. Arias destacou que en apenas tres anos, “conseguiuse que arredor de 8.000 personas máis desta comarca contasen con dotación de acceso de calidade á internet, chegando na actualidade ao 93,76%, cando antes do inicio do plan só dispoñían deste servizo o 37,33%”.

Esta aula móbil fixo parada en Chantada a comezos deste mes, para achegar as vantaxes e utilidades de internet á poboación rural, así como os avances do Plan de Banda Larga promovido pola Xunta de Galicia. GDTL.

RAQUEL ARIAS: “A TECNOLOXÍA É UN PIAR CLAVE PARA SUPERAR O ILLAMENTO XEOGRÁFICO”

En Carballedo multiplicouse case por trece o número de habitantes que contan con acceso a internet de calidade, con case 2.100 veciños con este servizo, fronte aos 151 habitantes que dispoñían del antes da posta en marcha deste Plan. En Chantada, a porcentaxe actual de cobertura chega ao 96,63% dos veciños, e no concello de Taboada, o 98% dos habitantes contan xa con acceso de calidade. Arias cualificou a tecnoloxía como “piar clave” para superar o illamento xeográfico” e resaltou os froitos da aposta tecnolóxica da Xunta. “Logramos que máis veciños de Galicia teñan internet”, precisou Arias, “e tamén logramos mellorar o acceso nos lugares onde se prestan servizos públicos en toda a comunidade, xa que arredor do 98% dos colexios, xulgados e centros de saúde poden acceder hoxe á rede con calidade”. Para o caso da comarca de Chantada, Arias indicou que esta mellora de cobertura débese aos despregamentos de redes fixas (ADSL) e redes sen fíos (3G) do Plan levados a cabo por Telefónica. Cómpre salientar que se trata dun plan a catro anos, así estímase que ao remate de 2013 a práctica totalidade da poboación desta comarca disporá de acceso ao servizo de banda larga de calidade.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Actuación formativa da Escola de Hostelería de Sober para un “servizo responsable do alcohol”

Seguinte Nova

O Mes de Amandi, promoción do viño e a paisaxe de Sober cara os días grandes da Feira do Viño

Últimas noticias sobre INFRAESTRUTURAS

A %d blogueros les gusta esto: