O Mes de Amandi, promoción do viño e a paisaxe de Sober cara os días grandes da Feira do Viño

Sober voltou a participar na feira Xantar de Ourense, un escaparate gastronómico que nesta edición contou con máis de 20.000 visitantes

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, no stand do Concello de Sober na feira Xantar 2013, celebrada en Ourense do 6 ao 10 de marzo. GPDL.

Atraer a atención dos potenciais visitantes da Feira de Viño de Amandi é o obxectivo da programación do Mes de Amandi, unha iniciativa que o Concello de Sober está a desenvolver nas semanas previas á celebración do evento decano do viño na Ribeira Sacra. Unha das iniciativas con máis “gancho” é a participación de Sober na feira gastronómica Xantar 2013, celebrada en Ourense do 6 ao 10 de marzo. Esta feira, centrada na promoción da gastronomía galega como principal incentivo para os viaxeiros que escollen Galicia como destino, cumpriu con creces os obxectivos de público, ao contabilizar tamén este ano máis de 20.000 visitantes.

VALORACIÓN “POSITIVA” DA ACOLLIDA DE SOBER NA FEIRA XANTAR 2013, DE OURENSE

Un escaparate que dende o Concello de Sober souberon aproveitar, “xa que a pesares da choiva, tivemos unha boa afluencia de visitantes no noso stand”, explicou o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián. “Aínda que non é a primeira vez que participamos en Xantar, o certo é que este ano víñanos moi ben por celebrarse no mesmo mes que a Feira do Viño, así que decidimos incluir esta actividade dentro do programa do Mes de Amandi, como unha oportunidade importante para promocionar a Feira do noso viño”, suliñou Guitián.

SOLIDARIDADE E PROMOCIÓN VAN DA MAN EN SOBER

En Sober traballan arreo para promocionar os valores da súa terra, aportando orixinalidade nas propostas desenvolvidas ao longo do Mes de Amandi, e o público está a saber apreciar este esforzo. “Nas xornadas de cociña con viño de Amandi que organizamos participaron todos os restaurantes e casas rurais de Sober”, explica Luis Fernández Guitián, “e a iniciativa de regalar unha botella de viño a quen participara na doazón de sangue do día 12 funcionou moi ben”. Dende o Concello conseguiron atraer ao dobre de doantes que en citas anteriores, “co que tanto gañamos nós en promoción como a sociedade en canto á colaboración co banco de sangue”, indicou o rexedor local. “Tamén conseguimos algo moi importante, que é que Sober apareza en medios de comunicación rexionais e nacionais a raíz desta iniciativa tan singular”, precisou Guitián.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Internet de calidade para 8.000 persoas máis na comarca de Chantada

Seguinte Nova

Paradela consigue o segundo Espacio Natural de Interés Local (ENIL) de Galicia

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

A %d blogueros les gusta esto: