Entrevista a Vicente Docasar, deputado autonómico polo PSdeG-Psoe:
“Coa área integrada de Lugo, a intención é convertir Monforte nun xeriátrico ao aire libre”
A integración do Hospital Comarcal de Monforte na Área Sanitaria de Lugo está a protagonizar a actualidade, e a cidadanía pregúntase polas consecuencias que pode ter esta medida.
En primeiro lugar, a cidadanía ten que ter en conta algo que non é tema menor, que é o compromiso do Presidente da Xunta, cando no 2010 dixo que Monforte tenría a súa área sanitaria independente da de Lugo, e así tamén a de Burela, co que a provincia de Lugo tería tres áreas. A palabra dun presidente non debería ser calquer cousa; eu aprendín dos meus maiores que a palabra dunha persoa tiña valor, se dicía aquela frase “a miña palabra vale como unha escritura”. A palabra dun Presidente aínda debería ter máis valor, pola función que ocupa. A min esta situación prodúceme un profundo desasosego e frustración. Penso que si unha persoa cambia de opinión, debe explicalo convincentemente, sobre todo cando adquiriu un compromiso coa xente.
Isto ten importancia, porque a política está pasando por un momento difícil. Se a política quere recuperar a credibilidade e o respecto da cidadanía, actitudes como a do Presidente da Xunta non axudan nada. Se a política quere recuperar a credibilidade, ten que recuperar a palabra; o que se di en campaña electoral debe ser como “unha escritura”, según se dicía antes. A xente estase acostumando a escoitar algo en campaña, e xa ser consciente de que despois os van a enganar. Penso que isto pon en cuestión as bases do sistema democrático, e como cidadán preocúpame moito.
Pola nosa parte, e precisamente por ese valor que ten para nós a palabra, na campaña electoral fixemos un acto público no Balneario de Augasantas onde Pachi Vázquez, como candidato á Presidencia da Xunta polo PSdeG-Psoe, entregou por escrito á Plataforma en Defensa da Sanidade Pública o noso compromiso de manter a independencia da área sanitaria de Monforte. Por iso defendemos dende a oposición o compromiso que adquirimos coa cidadanía, e se houbéramos chegado ao Goberno, tamén teríamos a obriga de manter o que comprometimos.
Ao cidadán do sur lucense preocúpalle como pode modificar o seu acceso á sanidade pública coa área integrada de Lugo.
Creo que hai que ter en conta que non todas as provincias son iguais, e o caso de Lugo é bastante singular. A nosa provincia é moi rural, cunha poboación moi envellecida e coas pensións das máis baixas de España. Por exemplo, a un cidadán do Courel con máis de sesenta e cinco anos e que viva só, caso bastante frecuente, xa lle é complicado desprazarse a Monforte; ten que depender dun taxi ou dun veciño que o leve, e logo de chegar ao Hospital ten que desenvolverse para dar coa sala ou co servizo correspondente que o vai atender. Sempre hai algún coñecido ou veciño que o pode guiar, e as dimensións do Hospital favorecen esta colaboración espontánea. Imaxina o que supón para esta persoa un desprazamento aínda máis longo, a Lugo, en cuestión de diñeiro e de dispoñibilidade, e despois desenvolverse nun hospital das dimensións do Lucus Augusti, onde eu tiven por desgracia que frecuentar durante un tempo acompañando aos meus pais, e podo dicir que é unha auténtica cidade por dentro, con toda a dificultade que isto ten para unha persoa maior que ven de fóra a ser atendida. Penso que se houbera que facer algunha excepción no mapa de áreas sanitarias, esa excepción debería facerse coa provincia de Lugo. Con esto non digo que Monforte teña que ter todos os servizos; Monforte debería manter unha boa carteira de servizos, e Lugo ou a Coruña poderían ser hospital de referencia para servizos moi puntuais ou de certa sofisticación. Tampouco me parece mal que se faga unha compra centralizada dende o Sergas en Santiago, quizais así se compre a mellor prezo equipos, aparatos médicos ou ordenadores.
Dende Sanidade falan dunha mellora dos servizos coa aplicación da área integrada de Lugo.
Xa hai varios exemplos de integración, e os resultados non son moi positivos. Falei hai pouco con compañeiros do partido que son deputados na Asamblea de Madrid, e coñecen por tanto a situación da sanidade pública naquela Comunidade. Dixo que alí se comezou tendo varias áreas, e finalmente rematou o proceso cunha soa área sanitaria; hoxe Madrid é unha única área sanitaria Despois de todos estes procesos intermedios de integración provincial, é posible que se chegue a un área única para toda Galicia, según o modelo de Madrid. Como creo que este proceso que estamos viviendo en Galicia vai cara o modelo de Madrid ou Valencia, pois ó final acabaremos como eles nuns anos. A idea non é mellorar a sanidade pública, creo que a idea é preparala para entregarlla nun bonito paquete ás empresas privadas do sector sanitario, como se está a facer en Valencia e Madrid.
Aquí ó lado, en O Barco, o Hospital Comarcal xa pertence á área integrada con Verín e Ourense, e as cousas non están a funcionar mellor. A nosa compañeira deputada Carmen Acuña coñece de primeira man o caso do Hospital de O Barco, por ser de alí, e ten claro que os beneficios da área integrada para este Hospital son cero. Ó contrario, ao perder a súa autonomía, o Hospital está funcionando peor, ten menos médicos, e pouco a pouco estanse indo a Ourense a facer todo. Aquí en Monforte pasaría o mesmo. Hai uns días, nun aparte que fixen coa Conselleira de Sanidade no Parlamento, Rocío Mosquera tratou de convencerme, sen éxito, de que o Hospital de Monforte tería máis servizos, e que incluso os hospitais comarcais non sobrevivirían se non pasaran a ser área sanitaria única. Eu cuestiono isto, porque xa está pasando en O Barco, que o seu Hospital non está sendo mellor xestionado que o era antes, coa área independente. A idea creo que é deixar o Hospital de Monforte como un ambulatorio grande, pero que para a maioría dos servizos acabaremos indo a Lugo.
Dende diversos sectores temen que a integración do Hospital de Monforte na área sanitaria de Lugo teña consecuencias socioeconómicas para a cidade e a comarca, en canto a empregos e dinamización económica.
Na nosa comarca, do pouco que temos a nivel económico, o Hospital Comarcal é a nosa mellor empresa, con preto de 800 postos de traballo. Este é un argumento para ter en conta, sobre todo nestes tempos de crise. Pouco nos vai quedando: o calzado, o pequeno comercio que tamén o está pasando mal, o sector ferroviario coa ameaza de máis perda de empregos, o funcionariado de educación e de facenda, e o Hospital Comarcal, a nosa principal empresa. O Hospital xera boa parte dos empregos que temos aquí; se isto tamén empeza a devaluarse, a repercusión económica será importante na nosa zona. Se a xente que traballa aí acaba marchando, o pouco que ten Monforte perderao. Quixera saber se o que queren facer con Monforte é convertelo nun xeriátrico ó aire libre. Hai argumentos de sobra para que o Presidente da Xunta teña en conta o que comprometeu en 2010.
Ultimamente, diversos profesionais sanitarios tamén se están pronunciando publicamente sobre as consecuencias da posible integración do Hospital de Monforte na área sanitaria de Lugo.
Porque se dan conta de que isto tamén vai con eles. Din que non ven que se vaia a mellorar a gestión do día a día, e a daslistas de espera. Se non mellorou en O Barco, por qué temos que crer que vai mellorar aquí. Estase indo cara unha mobilidad funcional e xeográfica do persoal sanitario, xa que nada impedirá que un profesional de Monforte teña que ir traballar a Burela, por exemplo, e isto afectaría ás súas condicións laborais.
Tampouco creo que non cheguen currículos ó Hospital; sabemos que sí están chegando, pero ós profesionais só se lles ofrecen contratos de horas ou días. Nos Colexios de Médicos e de Enfermería hai máis parados ca nunca, xente co seu currículo a disposición, comprobámolo dende o Grupo Socialista. Pero agora non se está contratando, pero non por falta de profesionais no mercado. E en canto á toma de decisións neste aspecto, os dous xerentes, o da Mariña e o de Monforte, pasarán a estar subordinados ó de Lugo. Pregúntome qué vantaxes trae isto para o Hospital de Monforte, non sei por que vai funcionar mellor o Hospital de Monforte xestionado polo xerente de Lugo.
Por outra parte, agora mesmo están falando xa en Sanidade sobre a libre elección de médico e de hospital. Isto propiciará que Monforte se vaia abandonando, o que provocará diferencias, xa que fará que na sanidade pública haxa dous tipos de hospitais: ós que quere ir moita xente, a que ten medios, e isto fará que estes hospitais teñan máis recursos, e ós que irá a xente que non teña posibilidade de escoller por falta de medios para o traslado, que serán hospitais “de segunda” con menos medios. Quen garantizará que o Hospital de Monforte non vai quedar como un centro residual, como un ambulatorio grande. A isto en Sanidade chámanlle “eficiencia”, “externalizar os servizos”. Ademais, non olvidemos que no Hospital de O Barco xa fixeron un paquete cos servizos de mantemento, cociña e limpeza para sacar a concurso, para pouco a pouco ir desmantelando o sistema público.•
A Plataforma alerta de que a área integrada de Lugo eliminará de Monforte os servizos de partos e pediatría, e especialidades como neuroloxía ou reumatoloxía, entre outras
PLADESAPU fixo un chamamento á cidadanía para participar na manifestación do 16 de marzo, en defensa do hospital de Monforte
• A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte (PLADESAPU) convocou á cidadanía á manifestación do sábado 16 de marzo, que partirá ás 12 horas do Campo de San Antonio, para defender a área sanitaria de Monforte fronte á posible integración do Hospital Comarcal na área de Lugo. Os voceiros de PLADESAPU deron a coñecer as «razóns para seguir loitando en defensa do noso Hospital e a nosa área sanitaria», explicando que a día de hoxe «somos un área sanitaria con todas as súas competencias, pero de facerse realidade a publicación do Decreto de Estrutura de Xestión Integrada en Lugo, deixaríamos de ter autonomía de xestión, con diversas consecuencias».
CONSECUENCIAS DA ÁREA INTEGRADA EN LUGO
Dende PLADESAPU precisan que, entre outras consecuencias, o Decreto de Xestión Integrada suporía para o Hospital de Monforte a perda de orzamentos propios e de capacidade de decisión. Asimesmo, a área integrada suporía a «perda daqueles servizos nos que non somos rendibles economicamente, tales como partos e pediatría», e perderíanse tamén «especialidades con un só especialista ao fronte, como neuroloxía, endocrinoloxía, reumatoloxía e neumoloxía», explican dende a Plataforma, que entende que esta medida suporía «o principio da fin do Hospital de Monforte, unha morte lenta e progresiva» deste centro sanitario.
«A XUNTA QUERE CONFUNDIR Á XENTE»
Asimesmo, dende PLADESAPU amosaron a súa «sorpresa» polas declaracións «coas que día a día nos sorprenden dende a Xunta»; os voceiros da Plataforma puxeron como exemplo o anuncio, por parte da Consellería, de que os hospitais de Burela e Monforte contarán con quimioterapia grazas á área integrada en Lugo, «cando en Monforte xa se está aplicando quimioterapia nalgúns casos, porque só se precisa un sillón, unha bomba de perfusión e un enfermeiro para pinchar o catéter», suliñan dende a Plataforma, «aínda que non estaría mal que todos os tipos de quimioterapia se puxeran en Monforte, e poñendo un oncólogo aquí xa sería posible, ou incluso que dende Lugo o oncólogo puidera establecer o tratamento e aplicalo aquí». Os voceiros da Plataforma lembraron que «non debe esquecerse que o Presidente da Xunta comprometeu con nós e con toda a cidadanía, o 28 de maio de 2010, que o Hospital de Monforte non dependería de Lugo», e alertaron de que «cada vez que anunciamos unha convocatoria de manifestación, aparecen declaracións do Goberno galego tratando de confundir á xente». Dende a Plataforma insistiron en que «non queremos promesas, queremos feitos, e temos unha promesa pendente dende 2010, e queremos que a Xunta cumpla esta promesa antes de prometer máis cousas».
MOCIÓN DO GOBERNO DA DEPUTACIÓN EN DEFENSA DO HOSPITAL
Pola súa banda, o equipo de goberno da Deputación de Lugo aprobou, coa abstención do PP, unha moción para esixir á Xunta que manteña as áreas sanitarias de Monforte e A Mariña, porque «a decisión de Feijóo conlevará unha sanidade máis cara e menos universal, xa que os 50.000 usuarios do Hospital de Monforte terán que desprazarse preto de 100 quilómetros para acceder a determinadas especialidades médicas».•
Julia Rodríguez, voceira do PP en Monforte, lanza unha «mensaxe de tranquilidade, xa que a área sanitaria de Monforte non desaparecerá, senón que se verá reforzada»
•Dende o grupo municipal do Partido Popular de Monforte queren aclarar que o novo modelo de xestión integrada que o Sergas ten previsto poñer en marcha na provincia de Lugo «non só non suporá a desaparición da área sanitaria de Monforte, senón que esta se mantén e se reforza». A portavoz do PP local, Julia Rodríguez, explicou que o mapa sanitario lucense «non cambia, seguirán existindo tres áreas sanitarias, Lugo centro, Lugo Sur e A Mariña, polo que se manterán inalteradas». Julia Rodríguez precisou que «a única novidade deste modelo é que a área sanitaria de Monforte se verá reforzada, xa que ampliará as súas competencias e xestionará tamén todo o relativo ós centros de saúde, é dicir, a Atención Primaria, da comarca, que ata agora dependían de Lugo».
REFORZO DA XERENCIA EXECUTIVA EN MONFORTE
Rodríguez precisou que a área integrada «non suporá, en ningún caso, que se teñan que eliminar servizos nos hospitais, incluso moitos deles veranse incrementados, como no caso das novas unidades de quimioterapia que operarán en Monforte». Rodríguez cita os exemplos dos hospitais de Cee e O Barco, «aos que se desprazan especialistas de dixestivo para realizar endoscopias, e en Valdeorras púxose en marcha o servizo de oncoloxía cos profesionais do CHOU, e en Verín fanse operacións de cataratas e prótesis que antes só se facían en Ourense capital». A voceira do PP local aclarou que a xerencia do Hospital de Monforte «continuará existindo, con responsabilidade non só no centro hospitalario, senón tamén nos centros de saúde».