Unha nova axencia abre as súas portas na vila xacobea
Sarria acolle dende este mes a primeira oficina de turismo receptivo nacional e internacional do Camiño de Santiago. Da man da firma Tee Travel, especializada en turismo cultural, enoturismo, cicloturismo e sendeirismo vinculados á ruta xacobea, esta nova oficina de turismo escolleu Sarria como sede “porque é unha localidade de referencia no Camiño”, explicou a xerente da empresa, Mar Rodríguez Meseguer.
Durante a presentación da nova oficina, a responsable de Tee Travel destacou que, coa apertura en Sarria deste punto de turismo receptivo, “a delegación se sitúa moi preto dos míticos últimos 100 quilómetros do Camiño, distancia mínima que hai que percorrer para gañar a Compostelana”. Asimesmo, a data escollida para presentar a oficina sarriana de Tee Travel foi o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, “xa que este paso é o resultado do traballo de todo o equipo humano, no que figuran dez mulleres e dous homes, co que este día resulta unha doble celebración”, explicou Rodríguez Meseguer.