O traslado do taller a Ourense suporía a perda para Monforte de 19 postos de traballo
Monforte volve sufrir a ameaza da sangría socioeconómica dende o sector ferroviario, un dos seus piares empresariais e todo un emblema da cidade. O pasado 18 de febreiro, a empresa Integria (Renfe) mantivo unha reunión co sindicato UGT para presentarlles un documento base de axuste de persoal mediante mobilidade entre Centros de Traballo, o que suporía que os 19 traballadores vinculados ao taller de Renfe en Monforte serían trasladados a Ourense. Este anuncio levantou unha serie de reaccións políticas en cadea, diante do “novo mazazo” que, según o voceiro do Grupo Municipal socialista en Monforte, José Tomé, suporía o cumprimento desta medida.
TOMÉ: “SE SE QUERE POTENCIAR O PORTO SECO DE MONFORTE, NON SOBRA NIN O SERVIZO NIN OS 19 POSTOS DE TRABALLO”
No texto que incorporaba a moción presentada polo voceiro socialista ao Pleno de Monforte, instando á empresa Integria (Renfe) a manter o taller e os 19 postos de traballo, José Tomé lembraba a importancia de Renfe para a nosa cidade “como motor de crecemento económico e social”, ata o punto de que foi precisamente, a chegada do tren á vila o que propiciu a concesión do título de cidade polo rei Alfonso XIII. Tomé refire asimesmo, na moción presentada ao Pleno, que xa hai 15 anos do comezo do desmantelamento da Renfe en Monforte, “cando en 1998 trasladouse o posto de mando a Ourense, coas consecuencias negativas en materia de emprego para a nosa cidade”. O voceiro socialista puntualizou que despois, no ano 2000, “quitáronnos a Residencia de Grandes Liñas de Maquinistas, trasladándoas a León, Ourense e A Coruña”, para posteriormente, entre 2002 e 2003, pechar en Monforte a Residencia de Maquinistas de Media Distancia, levándoa para Ourense. José Tomé denunciou asimesmo que dende mediados dos anos 90 “vense producindo un recorte no tamaño dos servizos que Renfe e Adif prestan en Monforte, coa paulatina e constante redución de postos de traballo”, o que suporía, según o voceiro socialista, “unha sangría e un empobrecemento para o conxunto do noso concello”. Asimesmo, Tomé denuncia que a “reorganización interna que pretende levar a cabo Renfe”, trasladando o taller de Monforte a Ourense, “leva implícito o peche destas dependencias”. O socialista criticou que esta medida supón “facer xustamente o contrario do que o Ministerio de Fomento, con José Blanco á fronte, estivo a facer ata o de agora, potenciando Monforte como nudo loxístico de referencia na rede transeuropea de mercadorías”. Tomé criticou que “non se pode dicir que se quere potenciar o Porto Seco e ó mesmo tempo quitar servizos como o taller, que serían necesarios se aquí se producise un aumento do tráfico ferroviario de mercadorías”.
SEVERINO RODRÍGUEZ: “COLABORACIÓN TOTAL E ABSOLUTA PARA DEFENDER OS 19 POSTOS DE TRABALLO”
Pola súa parte, dende o Concello de Monforte, o alcalde Severino Rodríguez amosou ó comité de empresa de Renfe a súa “total e absoluta colaboración e disposición para defender os 19 postos de traballo”, no transcurso dunha xuntanza celebrada no Concello a finais do mes pasado. Severino Rodríguez analizou cos representantes dos traballadores a situación que se vive “nun taller moi importante para Monforte, coa suficiente carga de traballo e con capacidade para incrementala e facer ademais outro tipo de reparacións” diferentes ás que agora realiza. No encontro, tanto traballadores como o alcalde consideraron que este taller “non debería pechar, senón que a empresa debería esforzarse por incrementar a súa carga de traballo”. O alcalde ofreceu ó comité de empresa a posibilidade de intervir no Pleno do Concello, no que contaron co apoio unánime da Corporación.
JULIA RODRÍGUEZ TRASLADOU Á MINISTRA DE FOMENTO A SÚA “PREOCUPACIÓN” POLO POSIBLE TRASLADO DO TALLER
A voceira do Grupo municipal do Partido Popular, Julia Rodríguez, reuniuse en Burela coa ministra de Fomento, Ana Pastor, logo da celebración do Congreso Provincial do PP, onde a monfortina foi elixida portavoz do partido en Lugo. No seu encontro con Pastor, Julia Rodríguez comunicoulle a súa “preocupación” polo posible traslado do taller. Rodríguez solicitou a Pastor que estudie a “continuidade do taller de Renfe en Monforte e de todos os seus traballadores, como veu sendo ata o de agora”, e a titular de Fomento comprometeuse a valorar esta petición.