Arrinca en Monforte o primeiro dos cursos do programa provincial «Fórmate en Verde»
•O alumnado do curso que se desenvolve en Monforte ata o 30 de abril interésase polo agro dende a sostibilidade • Os asistentes chegan ó curso por interés persoal respecto da prática sostible da agricultura, ou cun obxectivo máis profesional nun sector no que ven moitas posibilidades •O programa «Fórmate en verde» ofrece formación gratuíta teórica e prática, con visitas formativas a empresas do sector, e asesoramento técnico especializado para a creación de empresas no rural
A agricultura ecolóxica está de moda. O interés por unha alimentación máis saudable, froito dun aproveitamento da terra e dos recursos naturais máis sostible está presente na motivación dos 20 alumnos e alumnas que dende o 21 de marzo asisten en Monforte ao primeiro curso sobre agricultura ecolóxica do programa «Fórmate en Verde». Esta iniciativa, organizada pola Deputación de Lugo e financiada nun 80% pola Unión Europea, inclúe cursos en sostibilidade forestal, gandeiría ecolóxica e agricultura ecolóxica, sendo esta última especialidade a máis demandada de todo o programa.
RECUPERACIÓN DA NOSA IDENTIDADE A TRAVÉS DA AGRICULTURA ECOLÓXICA
A agricultura ecolóxica reconcílianos coas nosas raigames rurais, xa que «aínda que vimos do agro, non sabemos casi nada del», explica Marta Rajo, hostaleira e alumna deste curso. «Polo menos no meu caso, non teño nin idea do mundo do agro, e gustaríame saber máis, por interés persoal, aínda que nunca sabes se che vai facer falta, e por estar activa, aprendendo», suliña Marta Rajo.
PREOCUPACIÓN XERAL POR UNHA ALIMENTACIÓN MÁIS SAUDABLE
«Penso que hai que voltar ao de antes, ó natural, porque nas aldeas estanse vendo demasiados herbicidas», opina Alfonso Campos, músico; «vivo na aldea, cunha horta, e preocúpame a sostibilidade, a saúde e o medio ambiente», suliña. Esta teima polo aproveitamento sostible dos recursos da terra e pola saúde a través da alimentación preocupa tamén a María Rivera, licenciada en Comunicación Audiovisual; «penso que a agricultura ecolóxica debería ser planteada como unha opción de futuro para non alimentarmos tan mal como ata agora», suliña María.
POTENCIAL ECONÓMICO E SOCIAL DA AGRICULTURA ECOLÓXICA
Os datos económicos do sector falan tamén de que esta búsqueda dunha alimentación máis saudable estase a xeralizar; mentres que no ano 2000 a agricultura ecolóxica certificada facturaba 400.000 euros ó ano, en 2011 esa cifra aumentou nun 4.000%, chegando ós 21 millóns de euros. A provincia de Lugo é un exemplo do pulo deste sector, xa que 341 dos 814 rexistrados no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) están na nosa provincia, e Lugo é a primeira provincia galega en volume de negocio, con 9 millóns de euros. Aproveitar este potencial de crecemento para o rural é o obxectivo dos cursos do programa «Fórmate en Verde». María Rivera e David Leirado, asistentes ao curso de Monforte, o teñen claro: «Temos un proxecto de granxa escola que consideramos perfectamente viable como negocio no rural, e o curso nos permite gañar formación e contar con asistencia técnica especializada para dar forma á nosa idea». Pero a agricultura ecolóxica vai máis aló, e pode resultar unha nova maneira de interpretar a vida no rural; Alfonso Campos explica o interés da asociación cultural á que pertence, a soberina O Colado do Vento, por divulgar e dar a coñecer as práticas da agricultura ecolóxica, «dunha agricultura máis natural, xa que recuperando estas práticas contribuímos a un mundo mellor».