Chantada foi sede da Gala Anual da Hostelería Lucense

As instalacións de Casa Quinteliña acolleron a cea e a entrega de premios

O presidente da APEHL, Cheché Real; a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; o alcalde de Chantada, Manuel Varela; e o delegado de Cultura e Turismo da Deputación, Mario Outeiro, posan cos premiados na Gala Anual da Hostelería da Provincia. Foto cedida.

A hostelería lucense celebrou o pasado 18 de marzo a súa cea anual, evento que sirve para a homenaxe con que todos os anos a Asociación de Empresarios de Hostelería de Lugo (APEHL) premia ás traxectorias profesionais máis destacadas do sector. Durante a Gala Anual celebrada na chantadina Casa Quinteliña, o recentemente reelixido presidente da APEHL, Cheché Real, entregou estes galardóns, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, Mario Outeiro, e o alcalde de Chantada, Manuel Varela.

LONGAS E PRESTIXIOSAS TRAXECTORIAS NA HOSTELERÍA DO SUR DE LUGO

O premio para toda unha vida nos fogóns foi compartido polos fundadores da casa rural Torrevilariño, de Escairón, Antonio García e Linda Machado, e a propietaria e fundadora do hotel restaurante Mogay, de Chantada, Ana Mª Gay. As traxectorias destes dous establecementos do sur de Lugo son longas e ben aproveitadas; Torrevilariño foi unha das primeiras casas rurais que abriu en Galicia, na década dos 90, e tivo como clientes destacados ao escritor francés mundialmente recoñecido Dominique Lapierre, e á política Cristina Alberdi, ademais de persoeiros fundamentais de Galicia como Manuel Fraga. Pola súa banda, o mítico Mogay de Chantada remonta as súas orixes aos anos 40, cando a familia Moure Gay colleu a concesión dos alpendres do campo da feira, e evolucionou ata converterse na referencia inexcusable da hostelería chantadina.

PREMIO Á VISIÓN DE FUTURO NO SECTOR HOTELERO

A Gala Anual da Hostelería de Lugo concedeu nesta ocasión o título de Embaixador Hostelero da Provincia 2013 a Amancio López Seijas, presidente do Grupo Hotusa, pola súa traxectoria no sector. López Seijas botou a andar un proxecto de central de compras hoteleras na Cataluña de finais dos anos 70, proxecto que hoxe constitúe a organización de hoteis independentes líder en Europa. Dado que o fundador de Hotusa non puido estar presente, o galardón foi recollido pola súa sobriña María López, directora do Eurostars Araguaney de Santiago de Compostela.

RAQUEL ARIAS: “PAPEL CLAVE” DA HOSTELERÍA NO DESENVOLVEMENTO TURÍSTICO E ECONÓMICO DA PROVINCIA

A importancia do sector hosteleiro na provincia de Lugo foi destacado por Raquel Arias, quen lembrou o “papel clave” deste sector para manter “a puxanza no desenvolvemento do turismo na nosa provincia”. A delegada territorial da Xunta en Lugo destacou que “o turismo gastronómico estase posicionando nos operadores turísticos como un obxectivo de desenvolvemento nos próximos anos”. Raquel Arias lembrou a “recoñecida cultura restauradora lucense”, que debe aproveitarse dada “a importancia que posúen na actualidade as propostas gastronómicas para atraer visitantes. Así pois, “a hostalería debe seguirse situando na vangarda cun referente inescusable na calidade”, puntualizou Arias. A representante do Executivo galego animou aos hostaleiros a “innovar e crear novos modelos de negocio” para incrementar o rendemento do sector turístico galego, que representa xa un dos piares da economía autonómica, cunha incidencia de arredor do 11% no PIB de Galicia.

A Gala Anual da Hostelería de Lugo, que congregou a máis dun cento de hosteleiros procedentes de toda a provincia, contou coa colaboración dos magos Rafa e Charlie, e coa participación de Damián Seijas, campeón de España de latte art, que realizou una demostración de cafés. A celebración rematou cun sorteo de agasallos entre os asistentes, e cunha festa a cargo dun trío musical.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Nova directiva á fronte do CCA Chantada

Seguinte Nova

Monforte loita polo seu Hospital

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: