Monforte custodiará a memoria dos ferroviarios

O traballo titulado «Historias de vida de homes e mulleres do ferrocarril. Monforte de Lemos 1930-1980», integrado nun grupo de investigación, estivo a cargo da monfortina Silvia Balado

•Os responsables do grupo de traballo da Universidade de Santiago de Compostela fixeron entrega deste material ao Alcalde de Monforte •O estudo recolle as “historias de vida” de oito monfortinos e monfortinas vinculados ao mundo ferroviario

O Salón de Plenos do Concello de Monforte acolleu o 15 de marzo a presentación do estudo “Historias de vida de homes e mulleres do ferrocarril. Monforte de Lemos 1930-1980”, ao que asistiron membros do grupo de traballo da USC, a autora do estudio Silvia Balado, o alcalde de Monforte, e seis dos oito informantes. EC.

O pasado 15 de marzo tivo lugar no Salón de Actos do Concello de Monforte a presentación do estudio “Historias de vida de homes e mulleres do ferrocarril. Monforte de Lemos 1930-1980”, traballo realizado pola investigadora monfortina Silvia Balado dentro dun proxecto de investigación en antropoloxía desenvolvido dende 2008 pola Universidade de Santiago de Compostela. O alcalde, Severino Rodríguez, exerceu como anfitrión do director do proxecto, o doutor en Antropoloxía Social Xaquín Rodríguez, da directora do proxecto de investigación, a doutora en Antropoloxía Social Nieves Herrero, ambos da USC, da profesora en Antropoloxía Social e Servizos Culturais do Campus de Lugo, Elena Freire, e da redactora do traballo, a investigadora Silvia Balado.

Tres dos oito informantes que aportaron as súas «historias de vida» para a elaboración do estudio antropolóxico sobre as memorias do ferrocarril monfortino. EC.

 

Tres dos oito informantes que aportaron as súas «historias de vida» para a elaboración do estudio antropolóxico sobre as memorias do ferrocarril monfortino. EC.

O acto contou tamén coa presencia dos protagonistas do estudio, os informantes Mª del Pilar Fernández García, Rogelia González García, José Díaz Mourelle, Antonio Rodríguez Arias, Manuel Casanova Rodríguez, Guillermo Díaz Rodríguez, Germán López Quiroga, e José Gonda Fernández.

O director do proxecto de investigación fixo entrega ao Alcalde do traballo, que quedará depositado no arquivo do Concello de Monforte. EC.

OS INFORMANTES, “TESOUROS HISTÓRICOS VIVOS”

Durante a presentación do estudio, o doutor Rodríguez Campos destacou a importancia deste traballo “en canto que ilustra unha parte da historia de Galicia a través da memoria das súas xentes”. Asimesmo, a directora do proxecto, Nieves Herrero, lembrou a importancia do factor humano no ferrocarril, á marxe das “decisións políticas e económicas”, xa que “son as persoas as que fan posible a realidade cotián do ferrocarril”. Herrero explicou a singularidade metodolóxica deste traballo, que consiste na recolleita de historias de vida, e cuxa importancia xa destacou a UNESCO como “tesouros históricos vivos”, en referencia ós tesouros de experiencias e vivencias que acumularon estas persoas e que agora narran para a súa conservación.

Veciños e veciñas de Monforte acudiron ó Salón de Plenos do Concello para asistir á presentación do estudio sobre as historias de vida de homes e mulleres do ferrocarril monfortino. EC.

RIGOR CIENTÍFICO E EMPATÍA SOCIAL, CLAVES DO TRABALLO DE SILVIA BALADO

Esta tarefa de recolleita, transcripción e compilación das historias de vida dos informantes foi unha tarefa que a monfortina Silvia Balado asumiu “con entusiasmo”, e amosando “unha gran capacidade de empatía para achegarse á xente”, ao que hai que engadir, según explicou a doutora Herrero, unha grande “rigurosidade” ao enriquecer o traballo de compilación con anotacións sobre maquinaria do ferrocarril, vocabulario específico, datas, e incluso un apéndice gráfico con fotografías, nóminas ou recibos da época.

Pola súa parte, a investigadora Silvia Balado agradeceu a colaboración dos informantes co seu traballo neste “día de recoñecemento aos homes e mulleres do ferrocarril”, e ensalzou emocionada a “súa valentía ao afrontar nestas testemuñas o seu pasado coas súas luces e sombras, como un exemplo para as xeracións futuras”.

Finalmente, o alcalde de Monforte destacou o papel do ferrocarril na configuración da cidade, e afirmou que “as persoas que temos agora 50 anos nunca lle daremos pagado á xeración dos anos 30-40 o que traballaron para que teñamos liberdade e servizos públicos”. Severino Rodríguez gabou a importancia deste estudio, “co que Monforte se coñecerá mellor a si mesma, para saber detectar os seus problemas e poder acadar solucións grazas a ese coñecemento”.

A autora do traballo antropolóxico «Historias de vida de homes e mulleres do ferrocarril. Monforte de Lemos 1930-1980» é a investigadora monfortina Silvia Balado

Silvia Balado: “O ‘carácter ferroviario’ constitúe unha forma de vida solidaria, progresista, reivindicativa e aberta ó mundo”

A investigadora monfortina Silvia Balado, autora do estudio “Historias de vida de homes e mulleres do ferrocarril.Monforte de Lemos 1930-1980”, presentou o seu traballo na vila do Cabe. EC

Para unha monfortina, tivo que ser un privilexio e unha satisfacción investigar sobre a historia humana do ferrocarril.

Un privilexio e unha aprendizaxe porque ás veces olvidamos que o noso presente está conformado na meirande parte polo noso pasado. Que fose contado polos seus protagonistas a través das súas experiencias e vivencias fai do noso presente un hoxe non só máis rico senón tamén máis claro e preciso.

Na presentación do estudio, vímola emocionada e fondamente “cómplice” cos seus informantes, os oito ferroviarios e ferroviarias. Como foi o proceso de investigación?

O traballo converteuse en pracer porque tiven a sorte de encontrarme con estes informantes, que colaboraron con paciencia e ilusión para que esta investigación se levara a cabo. As entrevistas semidirixidas e historias de vida é unha metodoloxía antropolóxica onde a “conexión” co entrevistado é clave para a obtención de información. Unha boa relación e o establecemento dun vínculo entre o entrevistado e o entrevistador axuda a acadar datos máis rigurosos, relevantes e profundos das vidas dos protagonistas; co obxectivo concreto neste caso, de recuperar parte desa memoria de homes e mulleres que estiveron intimamente vinculados ao ferrocarril porque ó redor del articuláronse unha gran parte, por non dicir todas, as súas experiencias vitais.

Qué profesións desenvolveron os oito informantes? Que papel xogaron as mulleres no mundo do ferrocarril?

As profesións desenvolvidas van dende especialista de estacións, taquillera e limpadora -no caso das mulleres- ata factor, oficial de oficina, maquinista, mozo de tren, gardafreos, xefe de tren, interventor e factor de circulación -no caso dos homes-. Pódese distinguir unha clara diferencia no tipo de traballo desenvolvido por homes e mulleres.

A presencia da muller no ferrocarril ata os anos oitenta é escasa. Practicamente non hai mulleres ferroviarias. Os postos de traballo que se lles reservaban eran o de administrativa, o de taquillera e o de guardesa. As administrativas traballaban na oficina de administración desenvolvendo funcións propias de organización e contabilidade; as taquilleras expedían os billetes e pechaban a caixa ao remate da súa quenda; e as guardesas encargábanse de vixiar o paso a nivel e de accionar as barreiras. Estas últimas tiñan acceso á vivenda, denominada “casilla” pois alí onde existía un paso a nivel tiña que haber unha guardesa ou garda-barreira. Un posto feminino é tamén o de limpadora. O persoal de limpeza de andéns e oficinas eran ocupados sobre todo polas viúvas dos traballadores do ferrocarril falecidos en accidente de traballo. Era política da empresa ferroviaria reservar estes postos para axudar economicamente as viúvas e os orfos. Existían outro tipo de discriminacións moi significativas, a muller non só desenvolve uns postos específicos de traballo e cobra menos, ademais ten restrinxido o uso de certas dependencias e ten prohibido subir ás máquinas.

Cando a muller se incorpora masivamente ao ferrocarril, nos anos oitenta, as relacións laborais entre homes e mulleres cambia considerablemente. As mulleres acceden a postos de traballo que ata o momento eran exclusivos dos homes en servicios como material, tracción e circulación. Aparecen factoras, enganchadoras e maquinistas. As factoras despachan billetes e facturan as mercancías e equipaxes; as enganchadoras, tamén chamadas “especialistas de estacións” son as encargadas do enganche e desenganche do material móbil nas manobras, de accionar as agullas, barreiras, calces, palancas e outros dispositivos, prender, colocar e retirar os sinais; e a maquinista é a axente autorizada para a conducción dunha máquina.

É necesario resaltar a importancia da muller nunha sociedade masculina como é a sociedade do ferrocarril. Aínda sendo recoñecida a profesión de ferroviario como masculina iso non significa que as mulleres non xogaran un papel importante, en menor medida como traballadoras, pero sobre todo como nais e esposas que co seu traballo doméstico facían posible e facilitaban a labor do ferroviario. A muller de ferroviario é tamén ferroviaria. Adapta o seu ritmo vital aos horarios e ás xornadas interminables dos homes. Fixémonos nas condicións de traballo de maquinistas e fogoneiros, as longas xornadas, os retrasos e as avarías, as quendas, botar fóra da casa varios días, traballar festivos e fins de semana… A muller leva a casa, coida dos fillos e do marido, lévalle a comida ao traballo, limpa a roupa…

Haberá moitas anécdotas, logo de varios anos rexistrando historias de vida.

Podo dicir, en xeral, que sempre tes a sensación de non contar coa información suficiente, de querer saber máis e de aspirar a chegar á memoria e aos recordos máis fondos para que non quede ningunha vivencia sen explorar e rexistrar. Lembro tardes de café e biscoito con boa conversación e moita risa; outras de preocupación polas dúbidas permanentes e a curiosidade insatisfeita tras horas transcritas de entrevistas; lembro tamén percorrer as rúas en busca de persoas dispostas a contar a súas vivencias… En definitiva, lembro días grises, pero tamén moitos soleados onde coñecín aspectos do mundo, da vida e das persoas que fixeron a miña experiencia máis agradabel e o meu traballo máis sinxelo.

Despois de ter traballado neste estudo, podería resaltar algún rasgo definitorio do “carácter ferroviario”?

Do mesmo xeito có ferrocarril deixou unha pegada no espacio urbano, na economía e na sociedade monfortinas, tivo tamén unha gran influencia sobre as vidas das persoas e na configuración da súa identidade. O ferrocarril supón non só ingresos económicos senón tamén un conxunto de valores, crenzas e modos de comportarse que configuran unha unidade e un sentimento de pertenza. Ser ferroviario non é só unha profesión, é unha forma de vida que se adquire de pais a fillos, no día a día compartindo a dureza do traballo e polas actividades desenvolvidas nas asociacións, nos sindicatos e nos espacios de diversión e ocio. Había moito desarraigo familiar, sen embargo, os ferroviarios caracterizábanse por unha gran unidade e solidariedade. Por exemplo, o día de paga sempre se facía unha colecta para as viúvas dos compañeiros e para os que perderan o seu emprego. Por iso, o “carácter ferroviario” se constitúe nunha forma de vida solidaria, progresista, reivindicativa e aberta ao mundo.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Monforte loita polo seu Hospital

Seguinte Nova

Non ó repago dos comedores escolares

Últimas noticias sobre CULTURA

     
A %d blogueros les gusta esto: