Monforte loita polo seu Hospital

A vila do Cabe acolleu outra multitudinaria manifestación, similar á convocada en maio de 2010

•A organización estima en 9.000 persoas a afluencia á manifestación, con numerosas pancartas procedentes das parroquias monfortinas e das comarcas de Chantada e Quiroga •A marcha estivo marcada pola tranquilidade e a reivindicación, a través de eslógans e consignas

A multidinaria manifestación convocada por PLADESAPU encheu as rúas de Monforte de reivindicacións en defensa do Hospital Comarcal e a sanidade pública. EC.

O pasado 15 de marzo, as rúas de Monforte de Lemos volveron encherse de cidadáns que, nun exemplo de civismo, apoiaron coa súa presencia a convocatoria de manifestación organizada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública (PLADESAPU) de Monforte. Máis de 9.000 persoas tomaron parte nesta mobilización, que recordou á manifestación do mes de maio do 2010, tanto pola masiva afluencia de persoas chegadas das comarcas de Lemos, Quiroga e Chantada, como na lembranza das palabras que por entonces pronunciou Alberto Núñez Feijóo, garantindo que Monforte non formaría parte da área integrada de Lugo. Numerosas pancartas berraban por escrito, dentro do silencio xeralizado da marcha, o rexeitamento da cidadanía á integración do Hospital Comarcal na área sanitaria de Lugo, e o aviso que se lle lanzaba ó Goberno galego sobre a necesidade de cumprir a palabra dada. Apenas dez días despois de que o sur de Lugo manifestara o seu sentir sobre este tema, dende a Consellería de Sanidade chegaba o anuncio da aprobación do Decreto da Área Sanitaria de Lugo, que integra xa de xeito oficial na área de Lugo ós Hospitais de Monforte e Burela. Dende PLADESAPU non baixan os brazos, e anuncian novas accións de protesta ante a «mentira do Presidente da Xunta».

Os manifestantes esixían o cumplimento do compromiso de maio de 2010 do Presidente da Xunta para manter a independencia da Área Sanitaria de Monforte. EC

EN DEFENSA DUNHA SANIDADE EQUITATIVA, PRÓXIMA E DE CALIDADE

Ó remate da manifestación do 15 de marzo, a voceira de PLADESAPU Monforte, Maribel García, deu lectura a un texto onde agradecía “o esforzo e o compromiso cívico” de todos os participantes na manifestación, unidos para “defender a Sanidade Pública como a mellor garantía dunha atención sanitaria de calidade para todos por igual, que nos atenda con equidade sen diferenza de clase ou de diñeiro”. García defendía tamén, en nome de todos os presentes, “unha sanidade próxima, que non nos diferencie segundo o lugar en que vivamos e que poida atendernos con eficiencia aínda que non residamos nunha gran cidade”. A voceira de PLADESAPU alertou, na súa intervención diante dos manifestantes, sobre as posibles consecuencias das últimas medidas gubernamentais como o copago de mediciñas e ambulancias, e incluso a privatización progresiva de servizos na Sanidade pública doutras comunidades como Madrid ou Valencia (e que comezaron, según lembrou a voceira de PLADESAPU, a partir dun sistema de áreas integradas como o que ameazaba ó Hospital de Monforte). “Estamos facendo realidade aquilo que xa advertíamos en 2010, que serían os criterios economicistas, e non o paciente, os que pasarán a ser o centro do sistema sanitario”, precisou García, que apelou á palabra do presidente da Xunta para que Monforte non perdera a súa independencia de xestión e para manter os servizos do Hospital.

“Xestión Integrada en Monforte”, “O noso hospital non é unha sucursal”, “O ventrílocuo: Feijóo e os seus intereses , o PP de Monforte”, “Se non cumpres teremos memoria”, foron algúns dos lemas que os manifestantes portaron de xeito masivo durante a silenciosa manifestación do 15 de marzo. Unha personificación da “mentira” do Goberno galego abría a comitiva, portando unha bata sanitaria chea de promesas institucionais que non se cumpriron. EC.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

PLADESAPU: “EN MAIO DE 2010, FEIJÓO VEU A MONFORTE A MINTIR Á CIDADANÍA”

Cando días despois a Consellería de Sanidade aprobou o Decreto da Área Sanitaria de Lugo, dende PLADESAPU dixeron que “en 2010 o Presidente da Xunta veu mintir ós cidadáns de Monforte e da súa comarca”. “Non poden dicir agora que Feijóo nunca quixo dicir o que dixo”, precisou a voceira da Plataforma; “aínda din que Monforte manterá a súa área sanitaria, cando o Decreto é a base xurídica que permitirá nun futuro a modificación dos servizos que ata agora ofrecía o noso Hospital”. García precisou que “o de menos é a figura física do xerente, o importante son a programación e os servizos que se darán dende Monforte”.

VICENTE DOCASAR: “A COMARCA DE LEMOS DEU UNHA LECCIÓN DE DEFENSA DA SÚA DIGNIDADE”

O clamor silencioso pero contundente da cidadanía do sur de Lugo durante a manifestación do 15 de marzo en Monforte foi “toda unha lección de saber defender a súa dignidade”, según destacou o deputado socialista Vicente Docasar. “Foi sinxelamente admirable ver nunha pequena cidade como preto de 10.000 persoas saen á rúa a defender a sanidade pública e a mellor empresa que nos queda en Monforte, e sobre todo, a facelo cun comportamento exemplar”, puntualizou o socialista monfortino.

DOCASAR: “ESPERO QUE OS CIDADÁNS TEÑAN MEMORIA DO COMPORTAMENTO DE FEIJÓO CANDO A DEMOCRACIA LLES DEA OUTRA OPORTUNIDADE”

“O señor Feijóo e o Partido Popular terían que tomar boa nota da fantástica resposta da cidadanía da comarca de Lemos, aínda que non o farán, porque están instalados na soberbia da súa maioría absoluta”, denunciou Docasar, que cuestionou o comportamento do Goberno galego “ao atreverse a facer moitas cousas que non levaban no seu programa electoral”. “¿Volverían os cidadáns a depositar a súa confianza no Partido Popular, á vista do que están a facer?”, pregúntase o deputado socialista, que confía en que “os cidadáns teñan memoria e actúen en consecuencia cando a democracia lles outorgue outra oportunidade”.

O silencio xeral da marcha na manifestación do 15 de marzo en Monforte contrastaba coa contundencia das consignas que podían lerse nas numerosas pancartas. EC.

A PLATAFORMA CONCILIOU O APOIO MAIORITARIO DOS COLECTIVOS SOCIAIS E POLÍTICOS, A EXCEPCIÓN DO PP LOCAL

A histórica mobilización cidadá do 15 de marzo contou co apoio de todos os colectivos da comarca, asociacións e partidos políticos. Nunha xornada onde o comercio monfortino pechou para sumarse á manifestación, non faltaron as reaccións institucionais en defensa da área sanitaria propia para Monforte. Os grupos municipais do BNG e do PSOE de Monforte aprobaron, coa abstención do PP, a proposta de PLADESAPU instando ó presidente da Xunta a que cumprira a palabra dada e mantivese as actuais competencias e autonomía do hospital monfortino, así como o mapa da área sanitaria. Pola súa banda, Anova emitiu un comunicado onde expresaba o seu apoio á mobilización do 15 de marzo e ás reivindicacións da Plataforma.

O GOBERNO PROVINCIAL DENUNCIA QUE “FEIJÓO ESTÁ A DESMANTELAR O HOSPITAL DE MONFORTE E DA COSTA IGNORANDO A OPINIÓN DOS PROFESIONAIS E DA CIDADANÍA”

Pola súa banda, o Goberno provincial denunciou que “Feijóo está a desmantelar os Hospitais da Costa e de Monforte tras 4 anos e 100 días mintindo ó lucenses”. Así se expresou o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, a comezos deste mes, ó facer balance das “austericidas” políticas da Xunta en Lugo. O voceiro socialista na Deputación de Lugo criticou que “Feijóo desmantela agora o Hospital da Costa e o de Monforte coa creación da Área Sanitaria de Xestión Integrada, que prometera non facer no 2009, ignorando a opinión dos profesionais, compañeiros de partido e de miles de cidadáns”, e suliñou que “esta medida obriga a 120.000 usuarios a desprazarse máis de 100 quilómetros ata a capital lucense para contar con diferentes especialidades sanitarias”. O voceiro socialista na Deputación de Lugo criticou tamén que “os criterios das austéricas políticas de Feijóo fixeron que os lucenses gastemos 500.000 euros ó mes no repago das mediciñas e que van ás arcas autonómicas, mentres que a Xunta non financia servizos sociais para a provincia, tratando ós lucenses como cidadáns de segunda”. Neste sentido, o equipo de Goberno provincial, formado por PSOE e BNG, aprobaran no Pleno de febreiro esixir á Xunta que mantivera as áreas sanitarias de Monforte e A Mariña “con todas as súas competencias, servizos, especialistas, así como as condicións laborais dos seus traballadores”, mentres que o PP abstívose na votación desta moción. Esta actitude foi acollida con “sorpresa” dende o equipo de Goberno, posto que diversos alcaldes e membros do PP, como o que fora ata hai pouco xerente do Hospital da Costa, José Insua, defenderan publicamente o mantemento das áreas sanitarias propias da Mariña e Monforte.

Sanidade mantén que a Área Integrada de Lugo suporá unha “asistencia adecuada e de calidade” que “evitará esperas e desprazamentos”

A conselleira explicou esta medida ós alcaldes do sur de Lugo un día antes da aprobación do Decreto

Un momento da reunión da conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, acompañada do seu grupo de traballo, cos alcaldes do sur de Lugo, e a portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez. CS.

O pasado 20 de marzo, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, mantivo unha reunión en Santiago cos alcaldes da área sanitaria de Monforte, para explicarlles o modelo de xestión integrada que o Sergas vai implantar nesta provincia. O encontro contou coa presencia dos alcaldes de Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, O Saviñao e Sober.

MÁIS COORDINACIÓN

Según manifestaron os responsables da Consellería na reunión, “o Sergas está a dar unha boa atención á poboación pero é necesario incrementar a coordinación entre os distintos centros do Sergas nesa área”. A tal efecto, considera que “coa posta en marcha do modelo de xestión integrada conseguirase ese obxectivo”. Dende Sanidade manifestaron que “quen gaña con este novo modelo son os pacientes, que terán unha resposta asistencial axeitada en tempo e lugar, sen sensacións de chanzos, sen repetición de probas, e, ademais, sen ter que acudir a diferentes servizos coas conseguintes esperas en medio”. Asimesmo, Sanidade defende que “tamén gañan os profesionais, posto que terán maiores posibilidades de desenvolvemento, así como unha maior motivación e satisfacción”.•

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Chantada foi sede da Gala Anual da Hostelería Lucense

Seguinte Nova

Monforte custodiará a memoria dos ferroviarios

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

     
A %d blogueros les gusta esto: