Rexeitamento da aplicación da renda como criterio para o pago do comedor escolar
A decisión da Xunta de cobrar entre 1,50 e 4,50 euros ós escolares usuarios de comedor dispara as reaccións
Entre un 1,50 e 4,50 euros serán as tarifas que deberán pagar os escolares usuarios do comedor dos centros públicos galegos, incluídos aqueles que, por vivir a un mínimo de 2 quilómetros do centro escolar e ser usuarios de transporte, viñan tendo dereito a uso gratuíto deste servizo público. Serán unicamente as familias numerosas con renda per cápita non superior a 7.000 euros as que manterán este dereito de uso sen custe adicional. Unha medida da Consellería de Educación que está a levantar un rexeitamento unánime tanto dende a oposición como dende os sectores máis afectados, as asociacións de Pais e Nais dos centros públicos.
O GOBERNO PROVINCIAL DENUNCIA QUE CASE A METADE DAS FAMILIAS LUCENSES PERDERÁN A GRATUIDADE DESTE SERVIZO
Según denunciou a vicevoceira socialista na Deputación de Lugo, Pilar García Porto, o 43% das máis de 16.000 familias que ata agora contaban con comedor gratuíto por vivir a unha distancia mínima de dous quilómetros do centro educativo perderán este dereito “debido á nova imposición da Xunta”. Un total de 7.000 familias lucenses deberán pagar 100 euros ó mes por un fillo (e 200 euros se son dous fillos) para garantir o servizo de comedor, “familias que na súa maioría residen nas zonas rurais da provincia”, según denuncian dende o Goberno provincial, que interpretan esta medida da Xunta como un “ataque máis á educación pública, e unha discriminación máis ós veciños que viven no rural, ós que Feijóo lles impón os mesmos deberes que ós cidadáns que viven na Coruña ou Pontevedra, e non así lles garante os mesmos dereitos”. Según destacou a vicevoceira provincial socialista, “o Goberno galego está a desmantelar a educación, aniquilando prestacións no rural e facendo que a educación pública tamén sexa máis cara para os veciños que viven nestas zonas que para os das cidades, establecendo cidadáns de primeira e de segunda clase”. Neste sentido, o equipo de Goberno da Deputación de Lugo levou ó Pleno do pasado 26 de marzo, unha moción reclamando á Xunta de Galicia que suprima o repago nos comedores escolares.
VICENTE DOCASAR: “A DECLARACIÓN DA RENDA TEN QUE ESTAR NA AXENCIA TRIBUTARIA, NON NA ESCOLA”
Decisión “demagóxica” foi o calificativo que o deputado socialista no Parlamento galego, o monfortino Vicente Docasar, elixiu para valorar que a Xunta anuncie o pago dos comedores escolares en función da renda dos pais, “o que obriga ós nenos e nenas a entrar nos centros públicos coa declaración da renda dos pais nos dentes”. “Prefiro que a declaración da renda estea na Axencia Tributaria”, suliñou Docasar, quen reclamou que “para cobrar en función da renda, deben recadar máis fondos subindo os impostos precisamente das rendas máis altas”. O deputado monfortino lembrou que os socialistas propuxeron esta medida no debate de Orzamentos para 2013, e foi rexeitada polo PP.
DOCASAR ALERTA DOS SUCESIVOS “CASTIGOS” DO GOBERNO DO PP AOS USUARIOS DA EDUCACIÓN PÚBLICA
Vicente Docasar denunciou que Feijóo anuncia con isto un “novo castigo” aos usuarios da educación pública “coa escusa de cadrar as contas para satisfacer aos mercados”, e advertiu que “hoxe toca aplicar un taxazo cos comedores escolares e mañá tocará pagar polo transporte escolar”. Docasar lembrou que o PP “fixo o mesmo retirando os libros de texto gratuítos, incrementando as matrículas universitarias e rebaixando novamente o salario dos profesores, a pesares de dicir o contrario durante a campaña electoral”.
FALA O PRESIDENTE DA ANPA DO CEIP XOÁN DE REQUEIXO, EN CHANTADA: “SE O TEU FILLO VAI NO AUTOBÚS, E DESPOIS NON LLE DAN DE COMER POR NON TER OS CARTOS, ¿QUE FAS?”
As reaccións ante o anuncio da Consellería de Educación de impoñer taxas ao uso do comedor escolar en función da renda familiar e eliminando a gratuidade vinculada ao uso do transporte escolar está a levantar protestas entre as asociacións de nais e pais do sur de Lugo. A pesares da prudencia que amosan dende algúns colectivos “porque aínda non se sabe cómo se vai aplicar esta taxa”, según explica Marcos Anache, presidente da ANPA do CEIP Xoán de Requeixo, de Chantada, “xa nos reunimos para falar deste tema, e enviamos un escrito a Lugo manifestándonos totalmente en contra desta decisión”. O presidente da Asociación de Nais e Pais do colexio chantadino traslada unha pregunta na que resume a sustancia do conflicto que xerará esta nova medida: “Se o teu fillo vai no autobús, e despois non lle dan de comer por non ter os cartos para pagar, ¿que fas?”. Marcos Anache recoñece que “aínda faltan cousas por decidir na Xunta, pero se a decisión vai adiante, tería consecuencias catastróficas”. En canto ó cálculo de tarifas para o uso do comedor escolar que presentou a Consellería de Educación, o presidente da ANPA do colexio chantadino califica de “barbaridade” que un menú nun colexio poida chegar a costar 4,50 euros, “cando no Parlamento se paga 6,50 euros”. Marcos Anache transmite unha queixa que parece xeralizada entre os colectivos de nais e pais: “Cada vez hai que pagar máis cousas cando se está falando de aforrar”.
FALA O PRESIDENTE DA ANPA DO CEIP A GÁNDARA, JESÚS MIGUEL DOMÍNGUEZ: “ESTA MEDIDA É UN ATAQUE Á RAÍZ DO ENSINO PÚBLICO DE MONFORTE”
Neste sentido, o presidente da Asociación de Nais e Pais do CEIP A Gándara de Monforte, Jesús Miguel Domínguez, valora “moi negativamente” a decisión da Xunta sobre o copago dos comedores escolares. “O noso colexio está lonxe do casco urbano, praticamente todo o alumnado vive a máis dun quilómetro e medio do centro”, precisa Domínguez. “A estrada de acceso non ten beirarrúas e resulta perigosa para vir andando, e por todo iso os escolares vense na obriga de utilizar o comedor e a un prezo abusivo”, denuncia Domínguez, xa que “non é normal que un deputado pague 6 euros por comer, e un neno de menos de 12 anos teña que pagar ata 4,50 euros”. O presidente das nais e pais do CEIP A Gándara denunciou que esta medida “é un ataque á raíz do ensino público en Monforte”, e lembrou que “a Consellería negounos a posibilidade de ter xornada única e vémonos obrigados a utilizar o comedor (xa que ningún colexio público está no casco urbano), e por enriba a un prezo abusivo”. Jesús Domínguez criticou que “agora a política non é subvencionar máis o ensino concertado, é encarecer o ensino público para desmantelalo”.•