• En fase de avaliación ambiental, dende o Concello esperan poder abrir a exposición pública do Plan en dous meses • “Estamos pulindo o proxecto para que sexa un Plan de todo o pobo”, afirma o alcalde
O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Pantón (PXOM) espera estar listo para a exposición pública nun prazo aproximado de dous meses, según precisou o alcalde, José Luis Álvarez. O texto do proxecto, que agora se atopa en fase de avaliación ambiental, mostra un desenvolvemento “máis coherente coa realidade rural do municipio”, e favorecerá un crecemento “mellor distribuído” polo concello e non polarizado na vila de Ferreira. No proxecto do PXOM sinálase que o crecemento proposto “se axusta á necesidades e ás previsións da poboación sen poñer en risco os recursos naturais”.
PULO ÁS PARROQUIAS
Consecuencia disto é “o fomento do desenvolvemento dos núcleos rurais, debido ó potencial dos mesmos en riqueza paisaxística, cultural, natural e aproveitameno vitivinícola”, según sinala o texto. O alcalde de Pantón suliñou que o PXOM busca potenciar o turismo e o rural, “xa que, deste xeito, nas parroquias poderíase facer algo que ahora non vai adiante porque está todo parado”, e precisou que “hai solicitudes de obra que na actual situación non se poden facer”.
FOMENTO DOS SECTORES CON POTENCIAL ECONÓMICO DA ZONA
En canto ó turismo, o proxecto do PXOM de Pantón suxire a creación de varios miradores, “aínda que a súa realización dependerá dos fondos cos que se poida contar”, explicou José Luis Álvarez. “En calquer caso, o turismo é moi importante para Pantón, por iso o proxecto facilita, entre outras cousas, o desenvolvemento do termalismo na área de Augas Santas”, indicou o rexedor local. Asimesmo, o PXOM cataloga 410 elementos patrimoniais recollidos baixo catro categorías, e establece ás Áreas de Interés Ambiental e Paisaxístico como solo rústico de protección de espazos naturais eu de interés paisaxística. O proxecto defende ademais o “artellamento harmonioso” da base económica do concello, que o PXOM sitúa na viticultura, gandeiría, turismo cultural e turismo termal-xeriátrico-saúde.