Tapeo, música, deseño, deporte e artesanía para celebrar a XXXI Feira do Viño de Quiroga

As xornadas previas á celebración, os días 30 e 31 de marzo, da XXXI Feira do Viño de Quiroga atraen a atención da comarca un ano máis. Nesta edición, a novidade centrouse na investidura solemne, o pasado 16 de marzo, dos membros da Confraría do Viño de Quiroga, que asistiron a continuación á Cata oficial dos viños que participarán na Feira deste ano.

O Concurso de Camisetas Feira do Viño de Quiroga chega este ano á súa terceira edición. Arquivo EC

CONCURSO DE TAPAS ATA O 29 DE MARZO, E PROTAGONISMO DO DEPORTE NA CARREIRA POPULAR

A calidade e a creatividade da gastronomía local están a poñer o seu gran de area nos festexos en torno ao viño quirogués dende o día 21: un total de dezanove establecementos da vila ofrecen á clientela os mellores sabores da II edición do concurso Quiroga de Tapas, que rematará o 29 de marzo. Asimesmo, o deporte tivo o seu protagonismo como dinamizador do centro da capitalidade quiroguesa na celebración, o domingo 24 de marzo, da IX Carreira Popular Feira do Viño, puntuable para o II Circuíto Leader de Carreiras Populares Ribeira Sacra.

EXPOSICIÓN DE TRABALLOS DE ENCAIXE DE BOLILLOS

A última fin de semana de marzo aglutina os actos principais da XXXI Feira do Viño de Quiroga, na que participan un total de trece colleiteiros. En torno ao viño desenvolveranse diversas actividades, como a exposición de traballos de encaixe de bolillos, organizada pola Asociación Sociocultural da Comarca de Quiroga, e que estará aberta toda a fin de semana da Feira na sala de exposicións da Casa da Cultura.

ACTUACIÓN DA CORAL E BANDA DE GAITAS DE QUIROGA NO AUDITORIO, PREVIA Á ENTREGA DE PREMIOS DOS CONCURSOS DE CARTAS DE AMOR, RELATO CURTO E DEBUXO

Na tarde do sábado 30 de marzo comezará oficialmente a Feira, coa inauguración do recinto feiral ás 18,30 horas. O Auditorio Municipal acollerá, a partir das 19 horas, as actuacións musicais da Coral Polifónica de Quiroga, a Banda de Gaitas San Martiño e o seu Grupo de Danza. A continuación, procederase á entrega dos premios do X Certame de Cartas de Amor Vila de Quiroga, do VIII Certame de Relato Curto, e do VI Concurso de Debuxo.

PREGÓN E FESTA POPULAR O SÁBADO Á NOITE, E PREMIOS DO CONCURSO DE CAMISETAS

O acto estelar da xornada será a lectura do pregón ás 20,30 horas, a cargo do actor Mariano Peña (coñecido polo seu papel de Mauricio na serie de televisión «Aída»), nas dependencias do Concello. O grupo musical América SL amenizará a festa popular a partir das 21 horas, e media hora despois terá lugar a entrega de premios do III Concurso de Camisetas «Feira do Viño», no palco do recinto feiral.

ENTREGA DE PREMIOS AOS COLLEITEIROS

O domingo 31 de marzo celebrarase no Concello a recepción de autoridades ás 12,30, para dar paso á entrega de trofeos aos colleiteiros. Pola tarde, a actuación que a partir das 18 horas ofrecerá a charanga Terras do Bibei porá punto e final á XXXI Feira do Viño de Quiroga.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Marzo acolleu novas charlas no IES Daviña Rey

Seguinte Nova

Os comerciantes de Sarria premiaron á clientela do Día do Pai

Últimas noticias sobre CULTURA

A %d blogueros les gusta esto: