A elaboración de compost doméstico cumpre os obxectivos de calidade na nosa provincia

Sogama dá a coñecer os resultados desta iniciativa

Quiroga foi un dos municipios onde se implantou esta iniciativa, e onde se obtivo un compost de calidade

O primeiro compost obtido trala implantación por Sogama dun programa de compostaxe doméstica en 250 vivendas unifamiliares dos concellos de Guitiriz, Quiroga, Palas de Rei e Ribadeo, ademais do coruñés de Ortigueira, sáldase cun balance positivo, reunindo todos os requisitos de calidade recollidos na normativa vixente para ser aplicado ao solo con absolutas garantías, de acordo cos parámetros establecidos polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente

FORMACIÓN

O proxecto arrincaba no mes de maio trala distribución, por parte de Sogama, dun total de 50 composteiros por localidade para que os fogares que de xeito voluntario decidiran participar puidesen producir o seu propio abono a partir da materia orgánica xerada, evitando así que en torno ao 40 ou 60 por cento dos residuos domésticos fosen depositados, xunto coa fracción non reciclable, nos contedores verdes convencionais. Paralelamente, levouse a cabo un curso de formación dirixido aos representantes municipais que despois funcionaron como mestres composteiros, encargándose de ensinar esta técnica ás familias incorporadas ao programa, e de efectuar un seguemento de todo o proceso. Esta fase formativa estivo reforzada co reparto de material didáctico e divulgativo no que se describían os pasos a seguir para que a veciñanza obtivese uns resultados favorables nesta iniciativa.

MELLORA DA RECICLAXE E AFORRO

Os composteiros, de 360 litros de capacidade e fabricados con material reciclado e reciclable, axudaron aos participantes a levar a cabo un proceso máis hixiénico e controlado. Simultaneamente, os concellos repartiron entre os veciños bolsas de cores reutilizables de 20 litros de capacidade, elaboradas a partir de polipropileno reciclado, para facer máis cómoda a selección de refugallos en orixe, intentando así mellorar as taxas de reciclado a nivel municipal; un logro que non só traerá consigo compensacións medioambientais a nivel de aforro de enerxía e materias primas, senón tamén económicas, incrementándose os ingresos para as arcas locais en función da cantidade e calidade do material remitido aos centros recicladores, e minorando o importe da factura a pagar a Sogama.

VALORACIÓN

Pero, máis aló dos beneficios ambientais e económicos, a autocompostaxe tamén trae consigo significativos beneficios sociais, xa que evita os continuos desprazamentos que a poboación do rural, habitualmente envellecida, debe realizar ata os contedores, polo xeral afastados das vivendas debido á alta dispersión da poboación. Así mesmo, demostrouse que este tipo de proxectos non supoñen ningún esforzo adicional para a veciñanza do medio rural, xa que a segregación dos restos orgánicos para alimento do gando e fabricación de compost forma parte do seu acervo cultural, permitindo que o programa, agora modernizado, se adapte plenamente ao estilo de vida da cidadanía.

RESULTADOS

Transcorridos máis de seis meses desde o inicio oficial do programa, procedeuse ao análise do compost obtido, concluíndo a súa idoneidade como enmenda orgánica. Nas 25 mostras recollidas avaliáronse o pH e a densidade, que se atopan dentro da normalidade, así como a relación carbono/nitróxeno, considerada axeitada, sendo un importante indicador do grado de madurez do compost. En canto a nutrientes posiciónanse dentro dos rangos normais, o mesmo que a granulometría. O dato máis feble foi a humidade, lixeiramente superior á media, polas frecuentes chuvias destes meses. Recoméndase ós usuarios deixar secar o compost antes de aplicalo.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O sarriao Roberto Lolo rodou na súa vila con alumnado da Fundación TIC

Seguinte Nova

Programa de mellora da excelencia no IES A Pinguela.

Últimas noticias sobre INICIATIVAS

A %d blogueros les gusta esto: