A oposición freou a aprobación dos Orzamentos municipais de Monforte

PSOE e PP votaron en contra da proposta presentada polo Goberno municipal

A proposta de Orzamentos do equipo de goberno municipal de Monforte para este ano foi rexeitada polos dous grupos da oposición. Arquivo EC.

A proposta de Orzamentos municipais para este ano presentada polo Goberno local foi rexeitada pola maioría resultante dos votos en contra dos grupos da oposición. Na presentación do documento que, días antes da celebración do Pleno municipal, facía o equipo de Goberno, o Alcalde Severino Rodríguez e a concelleira de Promoción Económica, Mª Xosé Vega, explicaron que estes Orzamentos “aseguraban o equilibrio entre ingresos e gastos, así como o mantemento da calidade e cobertura actual dos servizos educativos, culturais e sociais municipais”, ademais de rexistrar os investimentos para a execución da nova potabilizadora, a mellora das marxes fluviais até Piñeira e a dotación da traída de augas de Gullade. Vega Buján sinalou que esta proposta orzamentaria “refrenda o apoio económico municipal ás actividades das asociacións monfortinas e aos programas de promoción do comercio e o turismo”.

5,35% MENOS DE INGRESOS PREVISTOS

Os Orzamentos fixaban uns ingresos de 10.837.000 euros, un 5,35% menos que no exercicio de 2012 no que os ingresos se situaron en 11,5 millóns de euros; estes ingresos menores debíanse, según explicou a concelleira de Promoción Económica, á non actualización das taxas municipais, e que se compensaría coa contención e recorte de gastos nalgunhas actividades prescindibles e coa achega de 250.000 euros de transferencias procedentes do Estado “para acadar o equilibro entre ingresos e gastos”.

POTABILIZADORA, ARRANXO DAS MARXES DO CABE E TRAÍDA DE AUGAS DE GULLADE

En canto ós investimentos, Alcalde e concelleira de Promoción Económica salientaron as grandes actuacións previstas e que contan con financiamento doutras administracións. Así, os Orzamentos incluían a dotación da nova potabilizadora cun investimento total de 6 millóns de euros, na que en 2013 o concello investirá 100.000 euros. Outra das actuacións previstas refírese ás obras de mellora das marxes do río Cabe até Piñeira, cun investimento total de 5,5 millóns de euros e aos que este ano o Concello destinará 78.500 euros. Os Orzamentos tamén rexistraban a dotación da traída de augas de Gullade, na que se investirán con cargo ás arcas municipais este ano 65.000 euros.

OUTRAS PARTIDAS

Outras das partidas destacadas nesta proposta orzamentaria elaborada polo equipo de goberno é a de Promoción Económica, con 80.464 euros, a de Turismo e Centro do Viño, con 168.220 euros; a de Servizos Sociais, con 1.191.699 euros, e 80.000 euros para subvencionar actividades das entidades culturais, deportivas e sociais.

JOSÉ TOMÉ (PSOE): “ESTES ORZAMENTOS SON MALOS, VEXETATIVOS E CONTEMPLATIVOS”

No debate dos Orzamentos para 2013, o voceiro do grupo socialista, José Tomé, criticou o retraso na presentación da proposta polo equipo de goberno, “xa que os orzamentos deberían entrar en vigor a primeiros de xaneiro para que poidan ter efectos positivos sobre a economía local”. Tomé cualificou estes Orzamentos de “malos, porque non dinamizan nada, son uns presupostos vexetativos e contemplativos, e non inclúen ningunha actuación relevante”. O voceiro socialista interpretou estes Orzamentos como “o fiel reflexo da parálise política do Concello pola falta de iniciativa e de apoio político do Alcalde”. Tomé argumentou o rexeitamento do grupo socialista a estes Orzamentos “por moitos motivos, pero só pola redución no gasto en servizos sociais en cerca de 34.000 euros xa estaría xustificado votar en contra”. O voceiro socialista tamén criticou “o incremento de gasto real para o Concello en persoal, aínda que se pretende disimular”, situándose en 4.125.095,33 euros de gasto acumulado.

No turno de réplica, a voceira nacionalista respondeu que non había “intención política” no retraso da presentación das contas e que “a propia intervención municipal asumía ese retraso”. Vega Buján tamén lle aclarou que a diminución do gasto en servizos sociais débese “a que a Xunta reduciu a dependencia, non a que o Concello reducise a súa achega ás políticas sociais municipais”. Mª Xosé Vega precisou que a diferenza no capítulo de inversións respecto do anterior presuposto “viña dada porque obras como a potabilizadora ou o paseo do río non as contrata o Concello, e polo tanto non figuran nas contas municipais, tal e como sucedera coa obra da Praza de Abastos”.

JULIA RODRÍGUEZ: “O ESTADO E A XUNTA APORTAN MÁIS FONDOS, PERO NON VEMOS NOS ORZAMENTOS CONTENCIÓN NO GASTO”

Pola súa parte, a voceira do Partido Popular no Concello, Julia Rodríguez, destacou o “aumento notable” das transferencias do Estado e da Comunidade Autónoma, que aportan ó Concello de Monforte 3,3 millóns e 1,4 millóns de euros, respectivamente. Rodríguez suliñou asimesmo o feito de que non se concertara ningunha operación de crédito, pero criticou a falta de contención no gasto de persoal e a elevada porcentaxe do orzamento que se dedica a gasto corrente. Asimesmo, a voceira do grupo Popular criticou que na proposta de Orzamentos “non exista inversión produtiva”, e que o gasto está “lastrado” polo contrato do lixo, cuxo importe ascende a 2 millones de euros, e punto que tamén fora destacado polos socialistas. “Dado que a recadación é de 900.000 euros, a desviación supera o millón de euros”.

A concelleira de Promoción Económica respondeu a Julia Rodríguez que nos Orzamentos “é tan importante o gasto como os ingresos”, e que “coa imposición do criterio de caixa por parte do Estado contradinse as leis españolas que avogan polo criterio de devengo”. A voceira nacionalista tamén lembrou que o goberno dos populares no Concello “fixo máis contratacións que as que nos levamos feito”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Sober aposta pola rehabilitación

Seguinte Nova

O Queixo do Cebreiro, “fonte de riqueza que promete un futuro próspero”

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: