A presión cidadá tumbou o PXOM de Monforte

O Pleno incluiu a intervención dun representante das asociacións cidadás

Nun Pleno abarrotado de público, os tres grupos municipais votaron a favor da retirada dun Plan Xeral que contou con máis de 6.000 alegacións

O Salón de Plenos do Concello de Monforte quedouse pequeno para acoller ós cidadáns que encheron a sala e os pasillos da Casa Consistorial para o Pleno do PXOM. EC.

Gran expectación levantou a última sesión plenaria do mes de marzo en Monforte, que en convocatoria extraordinaria solicitada por once asociacións veciñais votaba o día 27 a retirada do Plan Xeral de Ordenación Municipal da vila do Cabe.

«ALARMA SOCIAL» E MÁIS DE 1.500 FIRMAS POLA RETIRADA DO PXOM

A sesión iniciouse coa intervención do voceiro dos colectivos solicitantes, José Manuel Rodríguez Pérez, quen xustificou a súa presencia pola «alarma social que os múltiples defectos» do Plan xerou entre a cidadanía, e citou como dato significativo as máis de 1.500 firmas de veciños reclamando «a retirada, non a modificación» dun Plan Xeral que xuntou máis de 6.000 alegacións no periodo de exposición pública. José Manuel Rodríguez precisou que as asociacións «só estamos contra o Plan», xa que, tras valorar todos os aspectos do documento con informes técnicos, estimaron que «o perxuício da súa retirada é infinitamente menor que a súa aprobación». O voceiro das asociacións veciñais fixo referencia á «preocupación» xerada polas máis de 7.000 vivendas que o Plan catalogaba como «fóra de ordenación», argumento que de seguido sería esgrimido asimesmo polos dous grupos da oposición.

O voceiro das once asociacións que solicitaron o Pleno extraordinario sobre o Plan Xeral, José Manuel Rodríguez Pérez. EC.

CRUCE DE ACUSACIÓNS ENTRE PP E PSOE POLO POSICIONAMENTO INICIAL SOBRE O PXOM

O turno de intervencións políticas mantivo un tono máis dialéctico que argumentativo, de principio a fin. A concelleira socialista Mª José González, que se desmarcara do voto do seu grupo municipal na votación inicial, pediu a palabra para intervir, petición que lle foi denegada polo Alcalde, Severino Rodríguez, alegando que o voto de González sería o mesmo que o do grupo municipal ao que pertence a concelleira. Esta negativa foi criticada despois por Julia Rodríguez, portavoz do grupo municipal do PP, durante unha intervención centrada en desmontar as críticas que o voceiro do PSOE, José Tomé, verteu sobre o posicionamento dos populares na cuestión do Plan Xeral, e en lembrar as «carencias» da xestión da exposición pública do Plan, así como o retraso «de máis de 15 días» deste Pleno solicitado polos veciños «cando noutros casos similares non se tardou nin 4 días». Julia Rodríguez defendeu que a súa posición sobre o PXOM «é a que tomaron a maioría abrumadora dos veciños». Abrindo as intervencións, o voceiro socialista fixo un histórico do posicionamento do seu partido arredor do Plan, lembrando que «se votou inicialmente por un exercicio de responsabilidade, para que non se perdera a subvención da Xunta e para que se poidera ter un Plan inicial que a xente poidera coñecer e melloralo», recalcando que «este PXOM non o contratou o PSOE nin deu directrices ningunhas ao redactor», alegando que «había unha maioría absoluta no Concello cando se contratou». Este punto sería contraatacado por Julia Rodríguez, quen lamentou que Tomé «non corrixira o Plan cando estaba no goberno municipal». O voceiro socialista falou do «gasto moi grande, en torno ós 500.000 euros» que supuxo a redacción do Plan, e manifestou a necesidade de «facer outro, cando se poida, dende un consenso que neste caso non houbo, e para deseñar o Monforte que queremos para o futuro».

AS MOBILIZACIÓNS CIDADÁS, ARGUMENTO PARA A POLÉMICA

Dende o BNG foron concisos na explicación da súa postura, evitando a confrontación directa coa oposición pero sen renunciar á carga política. A voceira Mª Xosé Vega deu como argumento para votar a favor da retirada do PXOM que «como goberno, temos que xestionar os intereses de todos os veciños pero contando con todos eles». Vega lembrou que «sempre hai que escoitar á xente, tamén no caso da manifestación en favor do Hospital», e en clara referencia ó grupo municipal do PP suliñou que «cada quen terá que asumir por qué un día escoita e outro non». Neste sentido, no segundo turno de intervencións, Tomé botou en cara á voceira do PP que «algúns fan precampaña en vez de axudar ós veciños», e acusou a Julia Rodríguez de «querer fuxir do desgaste, cando na aprobación inicial quixo que llo aprobaran outros e non atreverse a dicir que non». Rodríguez contraatacou dicindo que o PSOE «tamén mudou o discurso» sobre o Plan, e ameazou con desvelar «o que o PSOE borrou e marcou nas aportacións que fixeron por escrito, a ver a que veciños lles afecta». Na intervención final, o alcalde Severino Rodríguez recoñeceu que «non fomos capaces de acadar o consenso», polo que «o máis ético e democrático é respetar a vontade maioritaria». Vontade, ou presión social, que fixo que o Pleno rematara votando por unanimidade a retirada do PXOM.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Pleno de Chantada aproba unha moción dos nacionalistas contra a suba do canon de Sogama

Seguinte Nova

Posible servizo de mediación intraxudicial en Lugo

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

   
A %d blogueros les gusta esto: