Dende PLADESAPU seguen a acadar o apoio cidadán reivindicando o Hospital Comarcal
O obxectivo destas mobilizacións é facer retroceder ó Presidente da Xunta: “Queremos dicir alto e claro que recuperar o perdido non é imposible: a presión social en Castilla La Mancha fixo que devolveran as gardas nocturnas”, explica a voceira de PLADESAPU
O futuro do Hospital Comarcal de Monforte e a súa Área Sanitaria foi dende hai anos un tema delicado sobre o que a cidadanía manifestou a súa sensibilidade e preocupación. En dúas ocasións, a máis recente o pasado 16 de marzo, as rúas monfortinas acolleron históricas manifestacións onde milleiros de persoas deron a coñecer o que pensaban sobre este tema, dun xeito pacífico e contundente. O sentir da marea humana que se viu o 20 de maio de 2010 e se repetiu o 16 de marzo pasado aínda está a percibirse a pé de rúa, a pesares da publicación, o 5 de abril, do Decreto de Xestión Integrada, polo que se fai efectiva a incorporación do Hospital de Monforte, xunto co da Costa, á Área de Lugo. Unha paisaxe de carteis colgados das árbores da gran arteria do Cardeal-Parque dos Condes sirve de lembranza das palabras do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cando en maio de 2010 dixo en Monforte que esta Área Sanitaria non dependería de Lugo. Palabras que poden escoitarse cada mércores á tardiña reproducidas por megafonía durante a concentración organizada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública (PLADESAPU) de Monforte na rúa Cardeal, e que reivindica, como os carteis, a contundencia dunha mensaxe: “Presidente, teremos memoria”.
RESPOSTA “MAGNÍFICA” DA CIDADANÍA ÁS CONCENTRACIÓNS
Aferrados á promesa presidencial de maio de 2010, dende a Plataforma insisten na mensaxe de débeda que ten, no seu entender, Núñez Feijóo con esta terra, e que coa publicación do Decreto no Diario Oficial de Galicia xa se interpreta como unha “traición” a Monforte. Este ánimo recordatorio parece calar na cidadanía, que segue a apoiar as iniciativas da Plataforma. “Aínda que praticamente non publicitamos as concentracións dos mércores no Cardeal, a xente vaise enterando e cada semana que pasa nos xuntamos máis persoas”, explica Maribel García, voceira de PLADESAPU Monforte, que agradece a presencia da veciñanza, ao tempo que suliña o “apoio dos representantes dos sectores sociais, económicos, pedáneos, xunta de persoal do Hospital e asociacións veciñais” coa súa presencia nestas concentracións. A voceira da Plataforma precisa que “incluso son os cidadáns os que están tirando de nós”, e recoñece que “a xente está disposta a encerrarse no Hospital, cortar o tráfico e o que faga falta”.
RECORDATORIO DUNHA “PROMESA INCUMPLIDA”
A música de fondo das concentracións dos mércores no Cardeal é un recordatorio da sustancia da protesta: a megafonía repite en plena rúa e durante trinta minutos as palabras do Presidente da Xunta cando o 29 de maio de 2010 dixo en Monforte que a Área Sanitaria non ía perder autonomía e que non ía depender de Lugo. Este compromiso do titular autonómico foi recordado por Ramón Rodríguez Vázquez nunha carta entregada ós medios de comunicación nunha rolda de prensa trala publicación do Decreto; nela, Rodríguez Vázquez, que asistira con outras tres persoas á reunión celebrada o 28 de maio de 2010 co Presidente da Xunta “nun restaurante de Monforte”, lembra que alí “o Presidente dixo o que dixo, o que todos xa sabemos e o que todos os veciños e veciñas saíndo á rúa están a lembrar e a pedir ó Presidente”. Na mesma misiva, Rodríguez Vázquez pide a “dimisión” dos responsables do Partido Popular en Lugo, “polo seu silencio cómplice durante estes anos e polas súa promesas incumplidas”.
OBXECTIVO: “RECUPERAR O PERDIDO, ALGO NON IMPOSIBLE”
Dende PLADESAPU están convencidos de que a integración do Hospital de Monforte na Área de Lugo pode ter volta atrás. “O obxectivo máximo das nosas actuacións é facer retroceder ó Presidente da Xunta e recuperar o perdido», explica Maribel García; «queremos dicir alto e claro que non é imposible», baseándose no acontecido hai uns meses en Castilla La Mancha, «onde tiveron que devolver a cobertura sanitaria das gardas nocturnas, debido á presión social».
A PLATAFORMA REAFIRMA O SEU «COMPROMISO DE MANTER A MEMORIA DA XENTE»
García puntualiza que alí «os alcaldes do PP puxéronse ó lado dos seus veciños, todo o contrario do que está a ocorrer aquí, coa única excepción do ex xerente do Hospital da Costa, o señor José Ínsua». Por isto, a voceira da Plataforma acusa ós alcaldes do PP de «ser corresponsables da perda de autonomía do Hospital de Monforte, e tamén do que isto supoña para o futuro do Hospital». Maribel García reafirmou o compromiso que PLADESAPU adquiriu o 16 de marzo «diante de polo menos 15.000 persoas a manter a memoria da xente», e «a non permitir que quede no esquecemento quen veu a Monforte a enganar e traicionar, e a todos aqueles representantes do Partido Popular que lle están a seguir o xogo esquecendo quen o elixiu».
«A PRESIÓN DA XENTE SERÁ DEFINITIVA» NO FUTURO DO HOSPITAL
Sobre o futuro do Hospital trala publicación do Decreto de Xestión Integrada, a voceira da Plataforma mantén as alertas cara ó peor dos escenarios; «sempre dixemos e advertimos que os cambios non van ser inmediatos», denuncia Maribel García, «senón que irán moi despaciño, podemos estar falando de cinco anos como prazo razoable». A pesares destes malos augurios para os servizos sanitarios na nosa zona, a voceira da Plataforma transmite unha mensaxe de forza e esperanza, baseado «na presión da xente, que vai ser definitiva e vai marcar o ritmo, pois hai que lembrar que xa levamos tres anos ganados, dado que este Decreto que se acaba de publicar estaba previsto que saíra no 2010».
VICENTE DOCASAR: «ESTAREMOS VIXIANTES PARA QUE NON SE PERDA NINGÚN SERVIZO»
Se a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública (PLADESAPU) de Monforte logrou conciliar os apoios maioritarios da cidadanía durante todo este polémico proceso, a publicación por parte da Xunta do Decreto de Xestión Integrada levantou críticas dende o sector político e institucional. «Queríamos un Hospital con xestión propia dende Monforte, para iso loitamos», explica o monfortino Vicente Docasar, deputado socialista no Parlamento de Galicia, «polo que a decisión que se tomou non nos gusta». Ante esta situación, «só nos queda a protesta e o seguemento», precisa Docasar, que anuncia que os socialistas «seremos moi vixiantes para que non se perda en Monforte nin un só servizo, e que o noso Hospital non se convirta nun ambulatorio grande». Docasar esixe que a Consellería de Sanidade «cumpla o que prometeu, é dicir, que non haxa traslados nen desprazamentos, e que haxa máis servizos».
SEVERINO RODRÍGUEZ, ALCALDE DE MONFORTE: «CO DECRETO, O HOSPITAL DE MONFORTE COMEZA A ESTAR EN PERIGO»
Pola súa banda, o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, interpretou o anuncio da aprobación do Decreto de Xestión Integrada como «unha traición á cidadanía», e que a partir deste documento «o Hospital Comarcal comeza a estar en perigo”. O rexedor local manifestou asimesmo a súa desconfianza «de que sean certas as bondades que anuncia a Consellería de Sanidade coa creación da área única para a provincia de Lugo».
O GOBERNO PROVINCIAL CRITICA A «MAIORÍA ABSOLUTISTA» DA XUNTA
Dende o Goberno provincial, formado por PSOE e BNG, esixiron no seu día á Xunta que paralizase a creación da área única sanitaria de Lugo, e que mantivera os servizos dos hospitais de Monforte e A Mariña. Trala aprobación do Decreto, o equipo de goberno provincial acusou á Xunta de «ignorar a decisión de veciños e partidos políticos, impoñendo a maioría absoluta como maioría absolutista», aprobando «en solitario» temas de gran repercusión «a través de decretos en Consello da Xunta».
Antonio Acevedo asume o reto «importante e ilusionante» como novo xerente do Hospital
Na súa presentación en Monforte, Acevedo estivo arroupado pola conselleira de Sanidade e o xerente saínte
O pasado 3 de abril, o novo xerente do Hospital de Monforte, Antonio Acevedo, era presentado ante os profesionais do centro pola conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, acompañada pola xerente do Sergas, Mª Nieves Domínguez. Mosquera aproveitou para agradecer ao anterior xerente, Benigno Pérez, tamén presente no acto, o seu traballo e o do seu equipo ao longo destes anos, xa que «grazas a esta xestión é posible dar agora ese salto cualitativo que permita avanzar e implantar a xestión integrada». A conselleira lembrou que «é necesario aplicar fórmulas que permitan poñer ao paciente no centro do sistema, ofrecéndolle unha atención integrada, sen chanzos». Antonio Acevedo, do que a conselleira destacou «o seu recoñecido prestixio profesional e o seu compromiso coa sanidade pública», amosou a súa satisfacción por atoparse ante «este reto importante e ilusionante», para o que solicitou «a colaboración e participación de todos os profesionais».
Antonio Acevedo Prado (Santiago, 1978), licenciado en Medicina e Cirurxía pola USC, posúe un máster en Saúde Pública pola Escola Nacional de Sanidade e outro en Xestión Sanitaria. Especialista en Medicina Preventiva e Saúde Pública, ven de ocupar diversos cargos na área de xestión integrada de Ferrol dende 2008.
Dende PLADESAPU criticaron que a presentación do novo xerente fose «pobre e triste, sen anuncialo e pola porta de atrás», para evitar «ver na prensa a todos os sectores de Monforte pedindo a dimisión do señor Benigno Pérez». Asimesmo, a voceira da Plataforma entregou en man a Acevedo unha petición de entrevista e un listado da carteira de servizos do Hospital, «e quedamos á espera da súa contestación, xa que se comprometeu a facelo». Pola súa parte, o parlamentario Vicente Docasar cualificou de «razonable» o cambio na xerencia, e confiou en que Acevedo «poida tender novas pontes, dándolle unha marxe de confianza».