O Plan Xeral de Ordenación Municipal de Sober aposta pola rehabilitación

• O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas anunciou en Sober a aprobación definitiva do Plan por parte da Xunta • Sober é o primeiro concello da comarca con PXOM aprobado

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, acompañou ó conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, na súa visita ó municipio, xunto coa delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, e a secretaria xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas. Foto cedida.

O pasado 5 de abril, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, visitou Sober para anunciar a aprobación definitiva total do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) deste municipio do sur de Lugo. Hernández suliñou a “culminación dun traballo que se leva desenvolvendo dende agosto do 2009”, cando tivo lugar a aprobación parcial do Plan Xeral. Durante a súa visita a Sober, o conselleiro estivo acompañado polo alcalde, Luis Fernández Guitián, que exerceu de anfitrión; a delegada territorial da Xunta en Lugo, a soberina Raquel Arias; e a secretaria xeral Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas.

PRINCIPAIS CARACTERÍSTICAS DO PLAN XERAL DE SOBER

O conselleiro de Medio Ambiente destacou como principal elemento deste documento, e según se tiña solicitado no momento da aprobación parcial, a eliminación do novo crecemento residencial de 120.000 metros cadrados proposto na parroquia de Arroxo. Asimemos, o Plan Xeral clasifica como solo rústico de protección forestal os bosques de ribeira, e limita a altura das edificacións. Según informaron dende a Consellería, este planeamento urbanístico, cunha vixencia de dez anos, prevé para este periodo 70 novas vivendas en catro solos urbanos non consolidados, e un total de 1.200 en núcleo rural. Asimesmo, o Plan recolle 125.000 metros cadrados para espazos libres e zonas verdes, e máis de 63.000 para equipamento comunitario, unha cifra superior ao esixido pola lei, concretamente un 55% máis. O responsable de Medio Ambiente indicou tamén que este documento aprobado definitivamente “axudará a limitar as novas construcións urbanísticas co fin de potenciar a rehabilitación do patrimonio existente”.

POTENCIACIÓN DA REHABILITACIÓN COMO “PRIORITARIA PARA RECUPERAR O PATRIMONIO, MELLORAR A CALIDADE DE VIDA E CREAR EMPREGO”

A Xunta de Galicia defende a rehabilitación como “unha actividade prioritaria para recuperar o patrimonio, mellorar a calidade de vida da poboación e crear empregos”. Neste senso, Sober conta coa súa Área de Rehabilitación Integral (ARI), que dispón de preto de 400.000 euros asignados e que xa recibiu 43 solicitudes concretas para realizar actuacións de rehabilitación. A área declarada comprende todo o concello, e poderá beneficiarse das axudas para ARI de carácter rural e de menos de 5.000 habitantes. O número de vivendas que poden acollerse á rehabilitación no ámbito desta área é de 2.328, preto do 90% dos inmobles deste municipio que ten unha poboación de 2.599 habitantes. A nova área de rehabilitación permitirá aos propietarios destas vivendas acceder a axudas, sempre e cando teñan unha antigüidade superior a dez anos, non superen os ingresos máximos estipulados e as destinen a domicilio habitual e permanente, polo menos durante cinco anos, tras a finalización das obras de rehabilitación.

A XUNTA OFRECERÁ ÓS CONCELLOS DE MENOS DE 5.000 HABITANTES A REDACCIÓN DUN PLAN BÁSICO DE ORDENACIÓN MUNICIPAL

A Consellería de Medio Ambiente está a impulsar a tramitación eficiente dos planeamentos urbanísticos dos concellos galegos dende a pasada lexislatura, cando se aprobaron dúas ordes, por un importe total de 13 millóns de euros, destinadas unicamente á tramitación dos planeamentos. No caso de Sober, a axuda para a redacción do PXOM ascendeu a 84.000 euros. Según concretaron dende Medio Ambiente, o Plan Xeral de Sober é o sexto que se aproba de xeito definitivo nesta lexislatura, o que deixa en 67 os concellos que contan cun planeamento adaptado á lei vixente. Sober é tamén o primeiro concello da comarca de Terra de Lemos que dispón dun planeamento aprobado, xa que os restantes municipios están a tramitar os respectivos documentos. O titular de Medio Ambiente sinalou na súa visita a Sober que, co fin de seguir na liña de apoio financeiro, técnico e de asesoramento en materia urbanística, ofreceráselles aos concellos de menos de 5.000 habitantes (que actualmente ascenden a un total de 199) a posibilidade de que a Xunta de Galicia asuma a redacción dun plan básico de ordenación municipal. Según Hernández, esta colaboración suplirá as carencias técnicas, humanas ou económicas que lle impidan ás pequenas administracións locais dotarse desta figura para ordenar e xestionar o seu territorio.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Enquisas

ESTÁ CONFORME CO PROXECTO PARA CONSTRUÍR UNHA NOVA PONTE DE FERRO NO MALECÓN EN SUBSTITUCIÓN DA PASARELA PEONIL ACTUAL?

Cargando ... Cargando ...

Resumen mensual de noticias

Nova Anterior

O equipo do IES A Pinguela, finalista do Reto Alcoa

Seguinte Nova

A oposición freou a aprobación dos Orzamentos municipais de Monforte

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir aInicio