Pertencentes ao Gimnasio Neka, de Monforte
•Ademais, o Gimnasio Neka organiza para o 20 de abril en Monforte o Campionato Provincial de Técnica en idade escolar, que xuntará a 200 participantes

O Campionato de España de Taekwondo terá entre os participantes a dous monfortinos, pertencentes ao Gimnasio Neka. Mateo López Timiraos, de 17 anos, competirá na categoría senior 1 coa Selección Galega o sábado 12 de abril, e o mesmo día o deportista de 7 anos Alejandro Fernández Franjo participará polo Club Neka na categoría benxamín. Según explica José Mª Vega, entrenador do Gimnasio Neka, «este Campionato de España é o primeiro para Mateo e tamén para Alejandro», aínda que o clube monfortino xa ten sido representado nesta competición en anteriores ocasións, con gran éxito. «Hai dous anos competiu no Campionato de España Samuel López, o irmán de Mateo, e quedou oitavo, e posteriormente Allan Guagua participou e quedou de sétimo», suliña Vega, que tamén tomará parte neste Campionato de España como técnico da Selección Galega. «Se podemos superar estas marcas e chegar á final, o que suporía quedar entre os oito mellores, estaría perfecto», comenta Vega.
MÁIS DE 200 TAEKWONDISTAS DARANSE CITA EN MONFORTE
Dentro da gran actividade que está a desplegar o Gimnasio Neka, destaca a organización do Campionato Provincial de Técnica en idade escolar, que se celebrará o vindeiro 20 de abril no pavillón de deportes de A Pinguela. «Este é o primeiro campionato que organizamos este ano», explica José Mª Vega, que o ano pasado foi responsable de catro eventos similares na vila do Cabe. A proba do 20 de abril é clasificatoria para o Campionato Galego, e achegará a Monforte a un total de 200 participantes de entre 7 e 15 anos.