Preocupación institucional polas consecuencias da crise inmobiliaria

En torno ós afectados por desafiuzamentos e obras non rematadas pola crise

As consecuencias sociais e económicas que a crise está a xerar en relación á vivenda e ó sector inmobiliario son vistas con preocupación dende a Administración autonómica.

COLABORACIÓN PARA ASESORAR A PERSOAS CON RISCO DE DESAFIUZAMENTO

A comezos de abril, o vicepresidente Alfonso Rueda e a conselleira de Traballo Beatriz Mato reuníronse coa presidenta do Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia, Juana Tubío, para analizar posibles vías de colaboración entre a Xunta e o Colexio para axudar ás persoas que poidan sufrir desafiuzamentos. Neste sentido, os responsables autonómicos destacaron o labor do Colexio de Traballo Social no ámbito da formación e o asesoramento das familias en situación de quebra económica ou afectadas por un lanzamento hipotecario. Pola súa parte, Juana Tubío destacou que no caso concreto da protección das persoas en situación de insolvencia hipotecaria, dende o Colexio de Traballo Social de Galicia estase facendo fincapé no carácter económico e xurídico, “cando a quebra económica provoca graves situacións de ansiedade e tensión para as cales hai que traballar desde unha perspectiva social e preventiva”, precisamente o campo no que traballa a organización que representa.

COORDINACIÓN INSTITUCIONAL PARA XESTIONAR DESFIUZAMENTOS DE ESPECIAL VULNERABILIDADE

Con motivo desta reunión, dende o Goberno galego lembraron as iniciativas que xa están en marcha para diminuír o impacto da crise nos afectados polos desfiuzamentos. Así, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ven de firmar nestes días o convenio entre a Xunta, o Consello Xeral do Poder Xudicial e a Federación Galega de Municipios e Provincias “para coordinar medidas entre todos nos casos de desafiuzamentos nos que se detecten supostos de especial vulnerabilidade”. O obxectivo deste convenio é evitar situacións de exclusión social dos colectivos máis vulnerables por razóns de idade ou imposibilidade para valerse por si mesmas, entre outros casos, de xeito que as persoas afectadas atopen “unha resposta das Administracións sensible e adecuada”.

ADXUDICACIÓN DE VIVENDAS DE PROMOCIÓN PÚBLICA PARA AFECTADOS POR DESFIUZAMENTO

Os responsables do Goberno galego lembraron asimesmo que o pasado mes de decembro a Xunta aprobou a adxudicación directa de vivendas de promoción pública aos afectados por desafiuzamentos que cumpran uns determinados requisitos, así como o inicio da tramitación para implantar medidas complementarias ao amparo do Programa Aluga, para satisfacer as necesidades onde non se dispoña de vivendas de promoción pública ou non se adapten ás necesidades das familias afectadas. Neste sentido, dende a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas informaron de que xa se levan aprobadas 10 propostas de adxudicación directa de vivendas para persoas afectadas por unha execución hipotecaria, das cales sete corresponden á provincia de Pontevedra e tres á da Coruña, mentres que se están a tramitar outras dezaseis solicitudes na provincia de Pontevedra.

ESTUDO DE POSIBLES MEDIDAS SOBRE AS EDIFICACIÓNS SEN REMATAR POLA CRISE

Por outra banda, a situación do parque inmobiliario en Galicia derivada da crise económica foi obxecto de atención nestes días no Parlamento galego, a través dunha iniciativa presentada polo Grupo Popular. O secretario do Parlamento e deputado do PP, José Manuel Balseiro, informou da presentación dunha proposición non de lei pola que se insta á Xunta a elaborar un estudo “para diagnosticar e propoñer posibles medidas a adoptar en relación coas edificacións de vivendas sen rematar por mor da crise”.

“DETERIORO PAISAXÍSTICO, FONTE DE ACCIDENTES, USOS INDEBIDOS OU AFECTACIÓN DA COHESIÓN SOCIAL DO ENTORNO” DAS EDIFICACIÓNS SEN REMATAR

A iniciativa do Grupo Popular pon de manifesto, según explicou Balseiro, que a crise económica derivada da burbulla inmobiliaria xerou, como unha das súas consecuencias máis directas, “a proliferación de edificios de vivendas non rematados espallados polo conxunto do territorio”. Segundo precisou o deputado do Partido Popular e secretario do Parlamento, “ademais do evidente deterioro paisaxístico, está situación pode ser fonte de accidentes, ser ocupadas por usos indebidos ou afectar á cohesión social do contorno no que se atopan as construcións”.

SITUACIÓNS DE INDEFENSIÓN EN MATERIA ECONÓMICA

O parlamentario popular recoñeceu que as vivendas non rematadas poden presentar unha “ampla casuística derivada de posibles procesos xudiciais, concursais e outras circunstancias”. Asimesmo, en moitos casos “numerosas familias e cidadáns teñen feito desembolsos en conceptos de adianto a conta que poden derivar en claras situacións de indefensión”.

SOLUCIÓNS “DE XEITO CONSENSUADO CON INSTITUCIÓNS, AXENTES E PERSOAS AFECTADAS”

Para facerlle fronte a esta problemática, Balseiro explicou que a iniciativa dos deputados populares plantea poñer en marcha medidas tendentes á identificación e análise da ampla casuística existente, avaliar se é o caso as situacións xurídicas máis habituais e propoñer solucións para superar estas situacións “de xeito consensuado coas institucións, axentes e persoas afectadas”. José Manuel Balseiro lembrou a importancia deste tema, xa que só na Mariña lucense existen varios miles de vivendas de urbanizacións aínda en construción, das cales unhas setecentas estiveron ou están á venda logo de ser transferidas ao coñecido como “banco malo” (Sarev), así como un número importante de edificios que, por mor da depresión do mercado inmobiliario, relentizaron a súa construción e están en estructura ou solar.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O bar Quiper, gañador do II Concurso de Tapas de Quiroga

Seguinte Nova

Monforte ten memoria

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

   
A %d blogueros les gusta esto: