A abstención do Psoe salva os orzamentos locais de Monforte

O alcalde de Monforte supera unha cuestión de confianza sobre os presupostos deste ano

•Severino Rodríguez agradeceu «o exercicio de responsabilidade» dos socialistas ao permitir coa súa abstención a aprobación dos presupostos • Dende o PP, Julia Rodríguez criticou que BNG e PSOE actuaran «como un bipartito na sombra» • Tomé advertiu que o posicionamento do seu grupo era «só para axudar a Monforte» e non botar a perder o proxecto de ampliación das marxes do río Cabe

Finalmente, os Orzamentos municipais de Monforte foron aprobados co voto favorable do BNG, o voto en contra do PP e a abstención do PSOE. EC.

O martes 23 de abril tivo lugar finalmente a aprobación dos Orzamentos municipais de Monforte para este ano, logo de que o Alcalde conseguira sacar adiante no Pleno extraordinario a cuestión de confianza que presentou sobre este tema. A convocatoria xustificábase ante a necesidade de aprobar as contas municipais para non interromper o proceso de tramitación do proxecto de mellora das ribeiras do Cabe entre o parque dos Condes e a parroquia de Piñeira. Este proxecto, que supón unha inversión de 5.059.000 euros, perderíase no caso de que os orzamentos non foran aprobados. Aínda que o argumentario esgrimido polos tres partidos que integran a Corporación local de Monforte foi idéntico ó presentado no Pleno anterior sobre os Presupostos, a novidade estivo en que o PSOE abstívose na votación, o que permitiu que os Orzamentos presentados polo equipo de goberno foran aprobados malia o voto en contra do Partido Popular.

DURA CRÍTICA DE JOSÉ TOMÉ Á XESTIÓN MUNICIPAL DOS ORZAMENTOS

O voceiro do Grupo Socialista, José Tomé, foi moi crítico co Goberno local, botando en cara ó Alcalde «a encrucillada na que nos estamos a xogar unha inversión moi importante para Monforte», en referencia á mellora das marxes do Cabe dende o Parque dos Condes a Piñeira, «obra que foi concedida pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil sendo ministra a socialista Elena Espinosa, polo que temos gran cariño a este proxecto». Tomé criticou «a tardanza de catro meses en presentar os Orzamentos», e o feito de que estes non incluiran partida presupostaria para as expropiacións, «o que imposibilita a firma do convenio para facer a obra». O voceiro socialista precisou asimesmo o detalle do calendario que habería que seguir para poder cumprir os prazos «e non ter que pagar os 200.000 euros que suporía non poder facer as obras por causas atribuídas ó Concello». Para evitar «o negocio ruinoso» que suporía para o Concello de Monforte «quedar sen acondicionar as marxes do río, perder a inversión e aínda por riba ter que pagar 200.000 euros en custes», José Tomé xustificou a abstención do seu Grupo municipal na votación da cuestión de confianza en que «Monforte non se pode permitir o luxo de perder esta obra nin esta inversión de 5 millóns de euros». «O corazón dinos que temos que votar que non, pero a cabeza dinos que temos que axudar a Monforte a saír do problema onde o Alcalde o meteu», precisou Tomé na súa intervención no Pleno, e advertiu ó rexedor local «que esta vez salvámolo, pero o crédito acabouse».

JULIA RODRÍGUEZ CRITICA «O OBSCURANTISMO CONSTANTE» DE BNG E PSOE

Pola súa banda, Julia Rodríguez cualificou de «nova manobra do Alcalde» o usar a obra do río para aprobar os Orzamentos, «cando sabía dende outubro que se estaba a tramitar de forma indebida». A voceira do PP no Concello de Monforte criticou que non se consignaran nos Orzamentos as partidas para expropiacións e as tardanzas en presentar os presupostos, ademais do «obscurantismo que de forma continuada amosan o Bloque e o Psoe sen ter en conta á segunda forza máis votada na cidade», e que estes partidos «están a enganar á xente funcionando como un bipartito na sombra».

AGRADECEMENTO DO EQUIPO DE GOBERNO ÓS SOCIALISTAS E Ó APOIO DA DEPUTACIÓN

Pola súa parte, a voceira nacionalista agradeceu «a responsabilidade dos socialistas» e respondeulle ós populares que “manter servizos significa manter o gasto corriente”. Vega Buján dixo que o cálculo do custo das expropiacións realizado pola Confederación Hidrográfica ascendía a 267.000 euros, mentres que a revisión que o Concello encargou a un profesional da cidade indica que o custo só será de 57.000 euros, “co que acabamos de aforrarlle 210.000 euros ó Concello”, manifestou. Asimesmo, Severino Rodríguez agradeceu ós socialistas “a responsabilidade e a defensa dos intereses de Monforte”, e dixo que “o presidente da Deputación nunca lle fallou a Monforte e para esta obra achegará 900.000 euros e pagará as expropiacións”.

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

As axudas autonómicas permiten un aforro do 60% no alumeado público en Bóveda

Seguinte Nova

Novo impulso á produción do porco celta en Galicia

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

 
A %d blogueros les gusta esto: