Disputarase do 4 ó 5 de maio na estrada LU-903 entre Gullade e Marcelle
A I Subida Terra de Lemos traerá a Monforte a emoción das carreiras automobilísticas no seu estreo na fin de semana do 4 ó 5 de maio. A proba, organizada pola escudería Terra de Lemos coa colaboración da escudería Chantada, conta co patrocinio do Concello de Monforte, da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, da área de Deportes da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, e das empresas Alcor Seguridad, Desguace Manolo e Talleres Pardo. A proba comezará a primeira hora da mañá do sábado día 4 co “parque pechado” na explanada da Compañía, e a carreira disputarase entre os puntos quilométricos 3,5 e 7,7 da estrada LU-903, entre as parroquias monfortinas de Gullade e Marcelle. Os organizadores explicaron que o custe da proba ronda os 35.000 euros, e para o apartado de premios están destinados 6.000 euros en metálico e 24 trofeos.