As axudas autonómicas permiten un aforro do 60% no alumeado público en Bóveda

•Raquel Arias adiantou que en breve a Xunta porá en marcha a Unidade de Aforro Eléctrico Local en colaboración coa Fegamp

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, acompañada entre outros polo alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, durante a súa visita ó municipio para coñecer as melloras levadas a cabo no alumeado público. DTL.

A colaboración entre as diversas administracións para optimizar os recursos dos municipios ten especial importancia no caso do custe enerxético. Os concellos tratan de mellorar os servizos contando cun gasto o máis axeitado posible, o que en moitos casos é posible grazas ás axudas procedentes doutras administracións. En Bóveda veñen de conseguir un aforro do 60% no gasto en alumeado público pola renovación acometida nas luminarias de Bóveda e Rubián, grazas ó investimento de preto de 90.000 euros que nos últimos anos realizou a Xunta neste concello, a través do programa de axudas para Iluminación Pública Exterior.

LIÑAS DE AXUDAS DA XUNTA PARA OS CONCELLOS EN MATERIA ENERXÉTICA

A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitou Bóveda o pasado 15 de abril, onde coñeceu de primeira man as melloras que supón a renovación deste sistema de iluminación exterior, e lembrou a importancia de “promover accións de aforro e eficiencia enerxética nos municipios”, que supoñen “importantes aforros no custo da factura contribuíndo á mellora da súa situación financeira”.

MEDIO MILLÓN DE EUROS PARA MODERNIZAR A ILUMINACIÓN PÚBLICA NO SUR DE LUGO

Raquel Arias sinalou en Bóveda que a maioría dos concellos da zona sur de Lugo se beneficiaron nos últimos tres anos desta convocatoria de axudas da Xunta de Galicia, que facilita a modernización dos sistemas de iluminación públicos e pola que, nesta zona sur, se levaron a cabo actuacións por valor de preto de medio millón de euros. A delegada territorial da Xunta en Lugo lembrou que está aberta unha nova convocatoria deste programa de axudas promovido polo Inega, que conta con 3,6 millóns de euros (un 50% máis que o ano anterior) para a substitución de luminarias por outras máis eficientes. A través desta liña impulsarase a posta en marcha de medidas de aforro enerxético nun centenar de municipios galegos, que contarán cunha contía máxima da axuda do 70% do investimento.

MÁIS VALORACIÓN NAS AXUDAS PARA AGRUPACIÓNS OU FUSIÓNS DE CONCELLOS

Como novidade, este ano incentívanse os proxectos desenvolvidos por agrupacións ou fusións de concellos, que dispoñen dunha valoración un 30% superior, incrementándose tamén nun 15% a contía da axuda con respecto ao que lle correspondería a cada municipio de xeito individual. Según informaron os responsables autonómicos, estímase que coa execución destes proxectos se pode obter un aforro enerxético de máis de 3.500.000 kWh/ano, o que supón o consumo anual de electricidade de 1.000 familias. Así mesmo, como sinalou a delegada, este aforro enerxético suporá un aforro en custes que pode superar os 7,3 millóns de euros durante a vida útil dos equipos, que oscila entre os 12 e os 15 anos, ademais de evitarse a emisión á atmosfera de 2.275 toneladas por exercicio.

UNIDADE DE AFORRO ELÉCTRICO LOCAL

Raquel Arias adiantou que próximamente a Xunta porá en marcha a Unidade de Aforro Eléctrico Local que, en colaboración coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), nace como un “servizo que prestará un apoio integral de asesoría enerxética en materia de subministración”. Según precisou Arias, esta unidade permitirá resolver dúbidas aos municipios, facilitará a realización de auditorías enerxéticas e asesorará á Fegamp na súa mediación coas empresas comercializadoras, co obxectivo de “racionalizar o consumo de enerxía e solucionar os posibles erros na facturación”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Recoñecemento á sostibilidade da oliveira en Quiroga

Seguinte Nova

A abstención do Psoe salva os orzamentos locais de Monforte

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: