O deputado do Grupo Popular, José Manuel Balseiro, formulou na Comisión de Sanidade do Parlamento de Galicia unha batería de preguntas á xerente do Servizo Galego de Saúde, Nieves Domínguez, en relación co novo modelo de estrutura de xestión integrada das tres áreas sanitarias lucenses. A intención do deputado popular foi a de resolver algunhas dúbidas sobre a incidencia que este novo modelo de xestión ten nos hospitais de Burela e Monforte. Según Balseiro, a xerente do Sergas desmentiu “punto por punto os argumentos da oposición e das plataformas afíns que falaban dun falso desmantelamento dos Hospitais de Monforte e Burela”.
MANTEMENTO DAS TRES ÁREAS SANITARIAS
Así, Balseiro anunciou a confirmación da xerente do Sergas de que “co novo modelo de xestión integrada non desaparece ningunha das tres áreas sanitarias lucenses”. Domínguez ratificou “o compromiso adquirido polo presidente da Xunta” cando aseguraba que non se modificaría o mapa sanitario galego “xa que”, según apuntou Domínguez, “as áreas sanitarias en Galicia son exactamente as mesmas que había”.
MESMA OPERATIVIDADE DO HOSPITAL COMARCAL
A xerente do Sergas afirmou, en resposta ó deputado popular, que “os hospitais de Burela e de Monforte seguirán a ser o centro de referencia para os pacientes da súa comarca, evitando así desprazamentos a Lugo”. “Os veciños de Lemos no hospital de Monforte poderán operarse e ser atendidos polos especialistas no centro hospitalario máis preto da súa casa e, incluso coa Lei de garantías que se atopa en tramitación parlamentaria e prevé aprobarse nesta lexislatura poderán escoller hospital”.
XERENTE DO SERGAS: “A XESTIÓN INTEGRADA NON SIGNIFICA PERDA DE CONSULTAS OU ESPECIALIDADES”
Nieves Domínguez tamén confirmou que a xestión integrada “non leva aparellada a perda de ningunha consulta ou especialidade” nos hospitais das comarcas lucenses, senón que incluso “se verán reforzados con novos servizos”. Con estas matizacións, o parlamentario do Partido Popular José Manuel Balseiro espera que “sirvan para dar tranquilidade aos veciños” e, sobre todo, para poñer de relevo “as mentiras empregadas pola oposición” neste tema.