Escaparate solidario para o deseño e a artesanía lucenses

Presentada a Gala Lucus Moda 2013, que se celebrará o 8 de maio no Museo Interactivo de Historia de Lugo

•A recadación deste evento destinarase integramente ó Fogar do Transeúnte de Lugo •Os participantes valoran a “oportunidade de creación” que supón a Gala Lucus Moda 2013 •26 creadores e 18 colaboradores tomar parte nesta edición

Un momento da presentación da Gala Lucus Moda 2013, nos exteriores do espectacular Museo Interactivo de Historia de Lugo- MIHL, que acollerá a Gala deste ano. FC.

Xa está todo listo para a celebración, o vindeiro 8 de maio, da Gala Lucus Moda 2013, que este ano terá como esceario o espectacular entorno do Museo Interactivo de Historia de Lugo (MIHL), e como novidade, o carácter solidario deste singular evento, que destinará a recadación íntegra ó Fogar do Transeúnte de Lugo.

“A IMAXINACIÓN E CREATIVIDADE DA XENTE DE LUGO É UNHA OPORTUNIDADE ECONÓMICA DE PRIMEIRO NIVEL”

Así o anunciou estes días a deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, durante a presentación desta Gala, que conta coa colaboración da Deputación e o Concello de Lugo, e que este ano congrega a 26 creadores entre deseñadores, artesáns e peluqueiros, así como coa colaboración de 16 establecementos lucenses. Polín destacou que “a imaxinación e a posta en valor da creatividade da xente de Lugo é unha oportunidade económica de primeiro nivel”. Pola súa banda, o deseñador Luis Areñas, o artesán Ramón Álvarez e a peluqueira Ludi Quintás, suliñaron a importancia da colaboración prestada polos organizadores da Gala, e agradeceron á Deputación e ó Concello de Lugo “polo esforzo posto en axudar a que se vexa que, malia o momento de crise, o comercio de Lugo está vivo”. Por parte do Concello de Lugo, a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basandre, destacou que a celebración da Gala deste ano teña lugar nas instalacións do Museo Interactivo de Historia de Lugo, porque “aínda que está pensado para outros usos, esta pode ser unha boa alternativa para dar a coñecer este Museo”.

PILAR RODRÍGUEZ GONDA, ARTESÁ DE MONFORTE: “A GALA PERMÍTENOS PREPARAR CREACIÓNS MÁIS ELABORADAS E DE DESEÑO MÁIS ARRISCADO”

Os creadores lucenses seguen a apostar pola Gala Lucus Moda un ano máis, “algo moi positivo que che permite contar cunha promoción especial do teu traballo”, según sinala a artesá monfortina Pilar Rodríguez Gonda, que participará por cuarta vez consecutiva nesta cita coa creatividade lucense. “Para esta ocasión sempre preparas creacións menos comerciais, distintas, moito máis elaboradas e arriscadas en canto ó deseño”, explicar Rodríguez Gonda, “porque se non é para este evento adícaste a traballar en proxectos máis simples ou máis comerciais”. A alma mater do obradoiro En Lá ten previsto presentar á Gala Lucus Moda 2013 un abrigo elaborado con lá e seda prensadas, con tocado a xogo, así como un chal de lá con motivos florais, acompañado de bolso e pamela, “que será amosado por unha modelo infantil que levará ademáis unha capa con motivos florais, boina e falda de lá prensada”, explica Pilar Rodríguez Gonda.

Vestido en lá e seda prensada tinguidas en azul, creación da artesá monfortina Pilar Rodríguez Gonda. (Foto cedida).

LOLA TOURÓN, ARTESÁ DE SAMOS: “A GALA VAI PERMITIR AMOSAR O MEU TRABALLO EN VESTUARIO EN MIMBRE”

Ademais de contar con creadores xa veteranos nesta cita, a Gala Lucus Moda 2013 dá entrada a artesáns con gran traxectoria e que se estrean neste evento. Lola Tourón, de Samos, ven de sorprender polos seus traballos en cestería, como así o demostrou nunha recente exposición na Capela de Santa María en Lugo. “A raíz da miña participación nesta mostra, a Deputación invitoume a participar na Gala Lucus Moda deste ano, coas miñas creacións de vestuario en mimbre”. Esta orixinal técnica vai orientada “non tanto á moda, senón o vestuario de teatro ou escenográfico”, explica Lola Tourón, que ten como obxectivo “sacar de contexto a cestería, cun uso completamente novo”. Esta liña de traballo xurdiu da súa participación nun encontro internacional en Rostock (Alemania) e integrado nun proxecto europeo “no que se traballou na cestería enfocada ó vestuario”. A artesá de Samos, que presentará dous espectaculares vestidos elaborados con mimbre, cre que a Gala Lucus Moda 2013 “é algo positivo para todos, xa que nos permite amosar o noso traballo, e que quede rexistrado tanto en rexistros audiovisuais como en catálogos”. A Gala Lucus Moda 2013 será retransmitida por varios medios de comunicación a través do sinal ofrecido dende o Museo Interactivo de Historia de Lugo polos alumnos de Produción e Realización da Fundación TIC.

Vestuario feito en mimbre pola artesá de Samos Lola Tourón. (Foto cedida)

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Pantón, capital do golf europeo feminino do circuíto profesional

Seguinte Nova

O comercio de Sarria celebra con premios o Día da Nai

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: