Monforte acolleu este ano a entrega dos premios Irmandade do Libro

Co gallo da celebración do Día Internacional do Libro

A escritora María Xosé Queizán recibiu por unanimidade o galardón que recoñece o seu traballo a prol do libro e da lectura, sobre todo en galego

María Xosé Queizán recibe o premio da Irmandade do Libro de mans do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo. GPC.

 

O acto contou coa presencia do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; o alcalde de Monforte, Severino Rodríguez; e a concelleira de Cultura, Pilar López. EC.

O pasado 20 de abril tivo lugar en Monforte a entrega dos XXII Premios Irmandade do Libro, evento que convertiu á cidade do Cabe “na capital da promoción da cultura”, según explicaba días antes a concelleira de Cultura de Monforte, Pilar López, durante a presentación deste evento. A responsable municipal de Cultura agradeceu á Federación de Libreiros de Galicia, entidade que organiza estes premios, por escoller Monforte para desenvolver a gala deste ano, ao tempo que destacou o “esforzo por manter viva a nosa cultura en tempos de dificultade económica”, e gabou o labor neste eido das bibliotecas e dos centros de ensino.

Os seis galardoados nas diferentes categorías dos premios Irmandade do Libro, durante a gala celebrada no Salón de Actos da Casa da Cultura de Monforte. EC.

JESÚS VÁZQUEZ ABAD: “MONFORTE TEN SONA NA CULTURA POLO SEU PATRIMONIO MATERIAL E POLA RECEPTIVIDADE DA SÚA VECIÑANZA”

Durante a gala de entrega dos galardóns da Irmandade do Libro, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez Abad, destacou tamén a “idoneidade” de escoller a Monforte de Lemos como sede desta celebración, “unha vila que conta con sona en diversos ámbitos da cultura, tanto polo seu patrimonio material como pola calidade e receptividade da súa veciñanza cara ás expresións creativas que chegan a ela”. Asimesmo, Vázquez Abad gabou a “importancia do tecido libreiro para unha poboación diseminada, o valor da profesionalidade ante este público, e a súa capacidade de transmitir con criterio a produción galega”.

Un momento da actuación inaugural do acto por parte dos membros da Escola Municipal de Gaitas de Monforte. EC.

PREMIOS EN DIVERSAS CATEGORÍAS

Os premios da Irmandade do Libro pretenden homenaxear a todas as persoas, entidades e institucións que durante o ano 2012 desenvolveron unha actividade salientable a prol do libro e da lectura en galego. Os premios Irmandade do Libro entréganse á librería do ano, autor ou autora máis salientable, libro do ano, centro de ensino, obra editorial e fomento da lectura. Así, a escritora galega María Xosé Queizán foi galardoada en recoñecemento “ó seu traballo en favor do libro galego en tempos complicados”, según explicou Pilar Rodríguez, presidenta da Federación de Libreiros de Galicia. Ademais,a librería Kómic de Santiago de Compostela foi premiada polo labor que ten realizado a favor do libro, mentres que na categoría de centros de ensino, recoñecéronse as actividades relacionadas co fomento da literatura e da lectura en xeral e da galega en particular, do CEIP de Quintela, de Moaña.

Pola súa parte, o título “A noite branca”, de Francisco Fernández Naval recibiu o premio ao libro do ano 2012, e as “Guías da natureza”, de Baía, foron seleccionadas como a obra editorial do ano 2012. O xurado destacou de ambas obra “a súa calidade, esforzo e interese suscitado ao longo do ano.” Por último, a web “Galicia encantada” foi galardoada co premio ao fomento da lectura pola súa contribución á promoción e divulgación do libro e a lectura.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Éxito de participación da IV Carreira Popular de Chantada

Seguinte Nova

Pantón, capital do golf europeo feminino do circuíto profesional

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: